Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Samuel Merino Poeta

"A poesía facilita un espello ao lector e ao que escribe afastarse do discurso habitual"

O poeta porriñés vén de lanzar a prevenda da segunda edición do seu poemario "Guantanamera" e mañá participará nun recital no Centro Comercial Camelias

O poeta Samuel Merino. FdV

O Centro Comercial Camelias acollerá mañá, a partir das 18.00 horas, un novo evento no marco da Feira da Arte e Cultura que desta vez terá como especial protagonista á poesía. Será Samuel Merino, coñecido artisticamente como Pompa e Boato, quen inundará cos seus versos o centro comercial, acompañado musicalmente por Fernán Permuy. Mais alén do recital de mañá, o poeta porriñés atópase inmerso no lanzamento da prevenda da segunda edición do seu último poemario: "Guantanamera (Poema nun só acto)", unha obra que constitúe unha homenaxe á súa andaina persoal no mundo do teatro e cuxo limiar foi escrito pola poeta viguesa Silvia Penas que expón que "Merino bota man da escrita por non poder dar conta do acontecemento, da vivencia, da pulsión dos corpos vivos, precarios, inseguros, loitando contra a hostilidade do mundo: Digo fogueira porque pronuncio lume/ por exemplo, ou estufa de leña/ e cando pronuncio este discurso/ estou dicindo soidade".

-Chega a segunda edición de "Guantanamera", está contento coa traxectoria que está tomando o poemario?

-Son perfectamente consciente do punto no que estou. Partindo dunha editorial independente como Urutau, cun traballo moi ben feito pola súa banda e moi humilde pola miña, tiven a oportunidade de revisar, de facer algúns cambios con respecto á primeira edición, porque se algo ten facer poesía escénica e recitala é que ao poñer as palabras enriba do escenario, sabes que é o que funciona mellor e o que non. Mudei algunhas cousas e tamén incluín algún poema inédito. Non estou contento porque sexa o meu terceiro libro, senón porque fago o que me gusta; estaría igual de contento se se anunciase unha reimpresión ou coa posibilidade de seguir facendo recitais como estou facendo. 

-Que pode atopar o lector neste libro?

-Este poemario é un libro breve no que quixen facer unha homenaxe persoal á miña andaina no teatro, por iso se titula poema nun só acto. Ademais desa estrutura, o vínculo co teatro tamén se atopa no feito de que o texto foi concibido para ser levado a escena. Ao mesmo tempo, foi un poemario no que eu fixen unha recapitulación da miña historia persoal e da miña historia coa poesía. "Guantanamera" é o resultado desa reflexión que fixen sobre min mesmo e sobre o momento no que estou e estiven anteriormente.

-Os primeiros poemarios foron escritos en castelán e nesta ocasión mudas ao galego, hai algún motivo concreto que lle fixera realizar este cambio?

-Cando fago as cousas sempre responden a unha necesidade interna. Os primeiros foron en castelán porque estaba nun determinado momento da vida e tamén me condicionan os temas que trato, en función destes dous factores, traballo nunha linguaxe ou outra. En "Guantanamera", pensando no teatro e nas persoas que coincidiron comigo nese ámbito, e ás que lles dedico o libro, non podía pensar en castelán. Por outra banda, foi para min un exercicio consciente, de querer escribir na lingua que sempre se empregou na casa. Atende a unha razón totalmente persoal.

-Dentro da temática, hai referencias á saúde mental.

-Nun dos meus anteriores poemarios trato o amor. Eu son unha persoa homosexual e escribo dende esa óptica, pero iso non converte o libro nun libro de temática LGTBI, malia que para moita xente poida selo. Neste senso, en "Guantanamera", hai un tema moi central que vertebra o texto e é a autopercepción do corpo, e detrás é certo que está un trastorno da conducta alimentaria, pero nunca aparece explicitamente. É verdade que eu xogo mediante os poemas a poñerme a min mesmo e ás persoas que me rodean no centro. Isto é curioso, pero sempre me aconteceu que, incluso nos momentos máis delicados a nivel persoal e de saúde, no escenario era o único momento no que eu non tiña a mirada posta en min mesmo e no meu corpo, iso axudábame a afastarme do trastorno e da visión perturbada do que era eu e do que era o meu corpo.

Trato a saúde mental en tanto que fala unha voz poética, pero tampouco era o obxectivo. Supoño que nun xénero como a poesía, ás veces, a temática é algo secundario e a cuestión é crear unha atmosfera, transmitir unha sensación e iso é o que eu quería. Aquí pretendía falar da relatividade das cousas e desa liña moi fina que hai entre o persoal e o íntimo, que pos enriba do escenario e colle un cariz de ficción.

-Que vantaxes ten a poesía con respecto a outros xéneros literarios para abordar este tipo de temas?

-A linguaxe poética ten algo marabilloso, e é que é unha linguaxe non descritiva no fondo. Ao non ser explícita e ao non ser literal facilita a posibilidade de crear e ficcionar temas, como ben poden ser os trastornos de saúde mental, algo que hoxe en día afecta a gran parte da poboación. Ao final na poesía un pode crearse dende cero. Persoalmente, se escribira narrativa para facer isto, coido que non sería tan elegante, e por outra banda, penso que a linguaxe poética é aberta, que fai que os lectores poidan levalo ao seu terreo, asociala a un mesmo e identificarse con ela. É por isto que facilita un espello ao lector e á persoa que escribe, afastarse do discurso habitual e crear algo orixinal.

-Serve a poesía para enmascarar esas realidade que máis explícitas son duras.

-Totalmente. Hai algúns poemas nos que menciono a fragmentación do corpo nun espello roto en anacos, quen non se sentiu alguna vez fragmentada e rota por dentro e por fóra? Isto é algo co que pode conectar prácticamente todo o mundo e sen ter pasado necesariamente por un trastorno de alimentación. Pero máis alá deste trastorno, coa poesía podo falar da miña avoa, a necesidade de explicarme, a cerna está en que a linguaxe poética permite varias interpretacións, ninguén me pode dicir se o que escribo é certo ou non é. Eu levo a bandeira da honestidade na escrita, pero conto até onde quero e grazas á linguaxe poética, ninguén me pode dicir se é certo ou non.

Compartir el artículo

stats