Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O cinema vigués que chega ao Festival de Cans

Tres cineastas nados na cidade levan as súas propostas de ficción e animación á selección oficial de curtametraxes

Lucía Estévez Xoán Álvarez

O dezaoito de maio volve o glamour do cinema de galpón a unha das citas ineludibles da industria cultural galega: o Festival de Cans. Hai case vinte anos que esta pequena aldea do Porriño comezou a súa metamorfose ata converterse, a día de hoxe, no festival de referencia para o cinema galego. O que antes eran só chimpíns agora tamén son exclusivas limusinas que, nesta dilatada traxectoria, tiveron como pasaxeiros a personaxes do mundo da cultura –no seu sentido máis amplo– tan excepcionais como Ian Gibson, Emma Lustres, Jorge Coira ou Isabel Coixet. Nesta decimonovena edición, a selección oficial de curtametraxes de ficción e animación conta cunha forte presenza dos talentos vigueses.

Luis Patiño Alhabra C..

A máis nova delas é Lucía Estévez (Vigo, 1994), cineasta que ten traballado en ducias de producións galegas como directora, editora, cámara e tamén ten achegado ao teatro novos formatos, como o seu recente papel de creadora do espazo audiovisual en directo na obra do Grupo Chévere, Curva España. Polo seu traballo en cinema foi premiada en varias ocasións e, nos últimos Mestre Mateo, conseguiu o máximo galardón na sección de Series Web co súa comedia Xan. Desta volta, Estévez leva a Cans con O niño dos paxaros, con guión do seu irmán Manu. “Esta curta é un proxecto moi familiar que mestura ficción e documental. A voz de meu pai é quen guía contando a súa historia no taller de coches no que leva traballando dende os dezaséis anos”, explica. Para o pai dos irmáns Estévez, o traballo fíxolle perder moitas das historias da súa mocidade no contexto da Movida viguesa: “Deixou de vivir todas esas historias que tamén acabaron coa vida de moitos dos seus amigos”, engade. Pero o adxectivo familiar vai máis alá da atmosfera xerada: “Quixemos adaptarnos moito ao ritmo narrativo do meu pai. Iso era o máis importante. A súa voz está de principio a fin e a súa forza nótase aínda que non saia en ningún momento en pantalla”, remata.

Fotograma de "O niño do paxaros", de Lucía Estévez

Para Estévez, o Festival de Cans é unha cita “familiar e divertida na que celebrar a unión. Un lugar para xuntarse e no que, ademais, está moi coidada esa familiaridade. Dáme a sensación de que alí todos somos iguais”. A súa ilusión por presentar O niño dos paxaros en Cans é indubidable. Alí e no seu homólogo compostelán, Curtocircuíto, foi onde Estévez colocou as súas primeiras producións.

'Sauerdogs", de Guillermo de Oliveira

A curtametraxe desta cineasta viguesa vén de ser estreada en Galicia no Festival Play-Doc de Tui e seleccionada noutra media ducia de festivais por toda a península, levándose o Premio á Mellor Curtametraxe do Festival Internacional de Cine Independiente y de Autor de Canarias.

"Sycoracx", de Lois Patiño

Para Guillermo de Oliveira (Vigo, 1986) traer ao Festival de Cans a estrea galega do seu western Sauerdogs é unha ilusión: “É unha honra poder presentala en Cans. A organización consegue que un evento festivo e alegre teña un coidado espectacular polo cinema. Con todos estes anos de traballo, creo que podemos dicir que é a referencia do cinema galego”, explica Oliveira. A súa curta conta a historia de Bill e Hans, dous buscadores de ouro que, sen éxito, tratan de voltar a casa por unha paisaxe montañosa e nevada. Os seus recursos materiais e mentais son os xustos para non poder admitir nin sequera un erro.

Oliveira explica que a rodaxe desta curta foi todo un reto para a equipa. Escolleron unha localización remota: os pés do Aneto, na provincia de Huesca. “Tivemos que camiñar coas pas da neve e todo o material durante algo máis de sete kilómetros”, explica Oliveira. Pero o esforzo pagou a pena. O seu obxectivo era tratar de crear unha curtametraxe cunha produción profesional que lle servise como carta de presentación para poder financiar unha longametraxe en clave de western: “É unha idea ambiciosa, pero creo que estamos satisfeitos co resultado”.

Guillermo de Oliveira asinou en 2017 un dos seus éxitos máis populares, o documental Desenterrando Sad Hill, que conta o proceso dunha asociación de voluntarios que rehabilitaron e reconstruíron o cemiterio de Sad Hill para a rodaxe da secuencia final do filme O bo, o feo e o malo, de Sergio Leone.

Sycorax é o nome dunha personaxe singular dentro da obra A tempestade, de William Shakespeare. Non ten voz como suxeito e as poucas mencións que hai á súa figura identifícana como unha meiga que encerrou a Ariel nunha árbore, outro personaxe relacionado co espírito do aire. Esta figura cativou as mentes de Lois Patiño (Vigo, 1983) e Matías Piñeiro para codirixir un filme co propio nome da personaxe como título.

Nos máis de catrocentos anos que separan a publicación desta obra de teatro ata hoxe, houbo centos de lecturas e interpretacións diferentes. A Patiño interesoulle a de Silvia Federici: “Queríamos leer a Sycorax con claves colonialistas y feministas. Esa asociación con la caza de brujas y, en el fondo, con las formas de dominación. Nosotros dudamos de las palabras que se han escrito sobre Sycorax”, argumenta. No filme, unha directora arxentina chega ás Illas Azores para tratar de crear un elenco, non sabemos se de cinema ou de teatro, co que representar A tempestade. Para iso, o filme pasea polas rúas dunha vila insular. Fai roubados cos que a directora imaxina os posibles personaxes. Tamén un casting co que atopa á mellor Sycorax.

Para Patiño, igual que para os seus compañeiros, o Festival de Cans “es una absoluta referencia en España. Algo único”. “A través de ese juego de humor con el festival francés han ido generando toda una simbología propia. Han creado una iconografía gallega muy poderosa y eso tiene un mérito tremendo”, argumenta ao teléfono Patiño, que non poderá estar presencialmente nesta decimonovena edición de Cans por estar rodando en Laos o seu próximo filme, Samsara. Unha referencia ao concepto de morte e reencarnación que terá, entre outras localizacións, un pobo costeiro de Zanzíbar no que hai unha comunidade de mulleres que traballan nunha granxa de algas.

Un maio cheio de "agroglamour"

O Festival de Cans terá lugar entre os días 18 e 21 de maio nesta aldea do Porriño. “Igual non é o mellor, pero si o máis diferente”, soen dicir os organizadores cunha modestia manifesta. Este ano, a persoa que recibirá o prestixioso Pedigree de Honra será a cineasta, escritora e investigadora, Margarita Ledo. A tamén catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela estreou o seu último filme, Nación, en plena pandemia. Un relato sobre as loitas sindicais das traballadoras de Álvarez que lle valeu o Premio á Mellor Dirección de Película Española no prestixioso Festival de Cine Europeo de Sevilla, o Mestre Mateo ao Mellor Documental e resultou preseleccionada para os Goya.


Compartir el artículo

stats