Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Polémica no Cunqueiro por un consentimento informado que non estaba en galego

Un doente demandou un documento en lingua galega e negouse a abandonar o mostrador de Atención ao Paciente ao non estar dispoñible | O Sergas afirma que intentaron solventalo, mais tiña que ser asinado en consulta pola cirurxiá

Vista xeral do Hospital Álvaro Cunqueiro. MARTA G. BREA

Quería que lle fora facilitado un consentimiento informado en lingua galega, mais dixéronlle que "non era posible" e negouse a abandonar o mostrador de Atención ao Paciente. Di que non é a primeira vez que lle ocorre algo semellante, e é que Xesús Manuel da Torre Martíns asegura que xa ten vivido situacións parecidas no antigo Hospital Xeral, no centro de saúde de A Doblada e, hoxe mesmo, no Hospital Álvaro Cunqueiro. Este doente sofre unha patoloxía cutánea crónica dende hai 30 anos e afirma que ultimamente vén experimentando este tipo de situacións que el non dubida en tildar de "discriminacións lingüísticas".

Según relatou Xesús, desprazouse esta mañá ata o hospital vigués para solicitar un consentimento informado para unha intervención cirúrxica á que ten que ser sometido, mais ao atoparse con que o documento estaba en castelán reclamou que este lle fora entregado en galego. Segundo explicou o doente, "alegaron razóns burocráticas e por iso protestei no posto de Atención ao Paciente. Quixen poñer unha queixa por escrito e negueime a abandonar o mostrador, de maneira totalmente pacífica, até que mo entregaran en galego. A persoa que me atendeu chamou a seguridade e botáronme de alí, sentáronme nunha cadeira de rodas e botáronme do hospital".

A vivenza non rematou aí, posto que segundo conta Xesús Manuel, logo intentou volver acceder ao posto de Atención ao Paciente e "os gardas de seguridade cortáronme o paso, co cal acabei sentándome no corredor e díxenlles que podería pasar así toda a mañá. Acabaron cansando e puiden acceder de novo ao mostrador". Durante dúas horas e media, Xesús Manuel da Torre intentou conseguir ese documento, mais non foi posible e finalmente os profesionais dixéronlle que o vindeiro luns lle sería entregado, desta vez si, en lingua galega.

O Sergas intentou dar solución

Esta situación acabou sendo denunciada a través das redes sociais pola Mesa de Normalización Lingüísitica. Pola súa banda, fontes da Xerencia da área sanitaria insistiron en que "toda a documentación que se dá no Sergas está dispoñible en galego, porque é a nosa obriga. No caso de que por algún motivo non o estea, se o paciente o solicita, o que adoita facerse é dicírselle que se lle entregará outro día".

Neste caso, estas mesmas fontes sinalaron que o que aconteceu é que a profesional de Cirurxía que lle entregou este consentimento informado ao paciente deullo en castelán porque non lograba acceder ao documento en galego. Foi entón cando o doente acudiu a poñer unha reclamación a Atención ao Paciente, mais segundo explicaron dende o Sergas, "era un documento que tiña que estar asinado pola profesional e polo paciente en consulta, que non se podía entregar sen máis". É por isto que xustifican que o procedemento a seguir era outorgar ao doente unha nova cita na que lle puidera ser entregado o documento en galego.

Se ben estas mesmas fontes recoñeceron que o consentimento entregado estaba en castelán, recalcaron que "por norma xeral, todos os nosos documentos están en galego, pero ao ser nesta ocasión un acto asistencial en consulta, non se puido solventar no día". Os profesionais déronlle cita a Xesús Manuel da Torre para que o vindeiro luns poida dispoñer do consentimento en galego.

De todos os xeitos, dende a Xerencia comprometéronse a revisar todos os procedementos dos diferentes servizos, porque malia que é obrigatorio dispoñer deste tipo de documentación en ambos idiomas, sinalan que puido acontecer algún erro polo que nalgunha especialidade non estea dispoñible.

Compartir el artículo

stats