O Festival Primavera do cine, referente cultural da ciudad de Vigo dende hai máis dunha década, encara a súa undécima edición e xa ten data. Así, a cita cinéfila terá lugar entre o 6 e o 11 de setembro, de aí que a organización veña de abrir a convocatoria de recepción de filmes para a súa sección oficial en tres formatos: curtametraxe, longametraxe e videoclip. A partir de agora e ata o vindeiro 31 de maio, as persoas interesadas poderán enviar a súa solicitude de participación a través de un formulario de inscrición dispoñible na páxina web do festival.

A nova convocatoria está destinada a obras audiovisuais feitas en Galicia ou por autores e autoras galegos producidas ao longo dos anos 2020, 2021 e 2022, e no caso das cintas intantís dende o ano 2018. Do mesmo xeito, poderán optar á participación do certame as obras audiovisuais feitas en calquera dos países que forman parte da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa. Neste caso será requisito para as pezas audiovisuais lusófonas empregar como primeira lingua o portugués e estar subtituladas ao galego ou ao castelán. 

Cabe destacar que as curtametraxes seleccionadas recibirán 50 euros en calidade de dereitos de exhibición, mentres que as longametraxes recibirán 200. Nesta décimo primeira edición o xurado do festival será popular, pois os asistentes serán os que decidan que obras serán as que leven os recoñecementos, se ben se designará a un xurado profesional, composto por convidadas e convidados de recoñecido prestixio, que fallarán os filmes gañadores.

Gañadores do certame cinéfilo na última edición celebrada o ano pasado. Primavera do cine

Unha das novidades que se manterá con respecto á última edición será a da presenza das curtametraxes infantís. Así, nesta sección poderán participar filmes dirixidos ás crianzas e optarán a un premio, cuxo xurado estará integrado por nenos e nenas de idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos.

A cita cinéfila acadou na súa última edición a participación de máis dunha trintena de obras audiovisuais que foron proxectadas no auditorio do MARCO e no auditorio municipal do Concello, escenarios que, en principio, tamén se repetirán nesta nova edición.