Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O documental máis persoal sobre Xela

Bruno Arias, sobriño da poeta, dirixe “Os espazos en branco”, un proxecto audiovisual íntimo e fóra do canon | O equipo vén de rematar a parte da rodaxe centrada en Vigo

17

Imaxes da rodaxe "Os espazos en branco" pola cidade de Vigo

Bruno Arias (Vigo, 1998) apenas tiña cinco anos cando a súa tía, a poeta Xela Arias, faleceu antes de tempo. Malia ser unha das súas referentes no artístico e no persoal, non lembra nin sequera unha conversa con ela. Cando a finais de 2020 soubo que lle adicarían o Día das Letras, Bruno empezou a argallar a idea de facer un documental: “Queriamos facer unha cronoloxía da súa vida para divulgala, pero, pouco a pouco, fómonos dando de conta de que a parte emocional dende a perspectiva do seu sobriño era o interesante”. Deicidíu, entón, que quería amosar ao mundo a súa contradición: “É unha persoa fundamental en como concibo a miña vida e en como me concibo a min mesmo, pero, á vez, todo o que sei dela é pola súa obra e polo resto da familia”.

O director estima que a estrea terá lugar arredor do mes de setembro

Así naceu, aínda nos papeis, Os espazos en branco, un documental que pretende fuxir dos cánones do cinema de non ficción para aportar unha nova e íntima perspectiva sobre a poeta que denunciou o equilibrio e loitou contra a orde establecida. “Ela sempre quixo romper coas estruturas artísticas e procurar mesturas. Nós queriamos seguir ese camiño e facerlle honra”, argumenta Arias. Por iso, para achegarse dende un enfoque menos normativo, comezou un proceso de análise das súas propias emocións ao respecto “e aí todo comezou a coller máis sentido”. Tiñan esa opción para enfrontarse á creación ou facer algo máis obxectivo: “Penso que o enfoque máis rigoroso perde a universalidade do relato. Intentamos ir ao máis sensorial e conceptual. Quixemos dar unha noción do que pode ser sentir iso”. É dicir, descubrir a persoa agochada atrás da personaxe.

O equipo de “Os espazos en branco”. Cedida

Para construír este relato, Bruno acudiu ás persoas que rodearon a vida de Xela dende que naceu en Sarria no ano 1962 ata que faleceu en Vigo no 2003. Familia, amigas, compañeiras de traballo, de xeración poética... O testemuño de todas esas persoas compoñen a imaxe da poeta que foi e da que aínda hoxe é: “Eu vou na procura da miña Xela”, explica Bruno.

Un filme en continuo cambio

Cando Bruno Arias e o equipo que dirixe presentaron o borrador do proxecto, o título era outro: A unidade componse de desorde. Así explica o cambio que se produciu na preprodución: “Tanto aquel título coma este son referencias directas a poemas de miña tía. O vello sintetiza moito todo o que aínda é a película: intentar construír unha imaxe propia en base a relatos moi diversos. Pero o novo pensamos que é máis acaído. Todo o que evoca ese poema ao que fai referencia sintetiza o que se vai sentir no filme”, argumenta Arias.

Imaxes da rodaxe de “Os espazos en branco” pola cidade de Vigo. B.V/P.G.

Imaxes da rodaxe de “Os espazos en branco” pola cidade de Vigo. B.V/P.G

Un equipo novo e preparado

Unha das peculiaridades desta produción audiovisual á marxe do contido é a idade de todo o equipo, que están todos na vintena, agás o produtor executivo: “Acabamos de rematar a carreira e algúns aínda seguen, pero iso non resta nada á profesionalidade que se está a demostrar na rodaxe”, puntualiza. Ademais, o proxecto conseguiu unha das subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), algo pouco habitual en creadores noveis: “Agradezo moito que se confiase en nós para isto. É difícil acceder a estas axudas sen ter nome e por iso a responsabilidade que temos agora é moi grande”, remata.

Compartir el artículo

stats