Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Día Mundial da Poesía

O verso como ferramenta de transformación social

Hoxe conmemórase o Día Mundial da Poesía, un xénero que en Vigo está experimentando un pulo da man das novas xeracións

Arriba, Branca Trigo e Samuel Merino. Debaixo, Isolda Comesaña e Silvia Penas

Foi Alejandra Pizarnik quen espertou o seu interese polo verso. A voz desgarrada da poeta arxentina atravesou a Branca Trigo cando tan só tiña 18 anos e, malia que sempre escribira en prosa, atopou na poesía o medio de expresión axeitado para o momento que estaba atravesando, unha etapa na que precisaba acubillo. Foi así como este xénero literario chegou á súa vida e se ben ao principio as súas composicións non tiñan unha estrutura definida e eran algo máis surrealistas, a día de hoxe escribe dende a ideoloxía, dando forma a uns versos “máis universais”.

Hoxe conmemórase o Día Mundial da Poesía e o ano pasado, por estas datas, Branca publicaba o seu primeiro poemario, titulado “Coñecemento do medo”, un libro no que mestura poesía e cinema e que recibiu boas críticas de autoras ás que ela admiraba. Con 25 anos recén cumplidos, esta poeta viguesa conta xa coa súa propia editorial de poesía alternativa, que botou a andar tamén da man de Alfredo Vázquez, e Trigo sinala que “a min gústame escribir sobre as cousas que me moven e dende a ideoloxía, por iso a miña literatura é transinclusiva, transfeminista e de clase. Respecto á editorial Malafera, o que nos motivou a creala foi que viamos que a poesía distinta non ten cabida nas grandes editoriais por se remata en fracaso, e como nós xa partiamos dun fracaso económico, decidimos apostar por eses poetas pertencentes a subculturas e a un terreo underground. Agora mesmo estamos pendentes de lanzar tres novos poemarios”.

  • Branca Trigo

    Bosque, non ensombrezas o dano espurio de saír correndo onda os paus do
    mesmo nome
    e crer que temos cabaniñas dentro
    Ensíname as palmas, que preciso desfacerme
    desta marxe
    nesta marxe de erro feito trazos
    Comprendo á xente mala. Un pesadelo analséxico escangalla a estirpe

A cidade olívica está converténdose nun fervedoiro cultural arredor do verso e proba disto é que, Branca Trigo e máis poetas vigueses e dos arredores están xuntándose para celebrar recitais e xornadas de micros abertos para aqueles interesados en partillar as súas composicións. Entre eles, atópase Pompa e Boato (nome artístico de Samuel Merino), un veciño de Mos de 39 anos que conta que a poesía chegou tarde á súa vida, tanto como lector como espectador, malia que sempre escribira en verso. Concretamente, o seu primeiro contacto foi como actor dunha compañía e é por isto que emprega este xénero literario tanto na escrita como sobre o escenario.

  • Samuel Merino

    Mentres tanto a parte do segredo que se oculta
    a face escura dun cuarto minguante
    unha cama aberta a todo corpo que está deixando de existir
    mentres tanto todo isto
    digo
    segue acumulando tempo esvarando
    pola cintura desexada dun reloxo de area
    no que non caben 20 anos

“Sempre fun unha persoa moi imaxinativa e levo escribindo dende que teño uso de razón para darlle saída á miña creatividade. Na actualidade non teño tan presente esa parte de ficción, porque a miña poesía é máis intimista, máis persoal e parte dende a experiencia propia. Interésanme as persoas, o lugar que ocupan no mundo e como afrontan determinadas situacións, os meus poemas teñen unha temática social”, comenta Samuel, quen autoeditou o seu primeiro poemario en 2019, “Enésima patada con amor”, para logo continuar en 2021 con “Trementina” e “Guantanamera. Poema nun só acto”.

  • Isolda Comesaña

    Cántame! Cántame!
    Quero que me cantes
    sen que eu teña que dicirche nada
    Porque a miña voz é pequena
    e a miña boca non se abre máis
    Achégame un nobelo de la
    Achégamo, nai, podo ser boa!
    Podo selo se me deixas de mirar
    Se me deixaran de mirar os homes

Cando era pequena, dixéronlle que non sabía escribir poesía porque non sabía rimar. “Déixame ser así / Déixame ser así/ Teño un territorio harmonioso e atemporal/ Non son muller aínda/ Non son muller aínda”. Hoxe, con 20 anos, a viguesa Isolda Comesaña explica que si escribe poesía aínda que non rime. A súa é unha poesía reivindicativa, de loita social e que se ve atravesada polo feminismo dende o primeiro até o último verso. Esta autora da cidade tomou como referencia a poetas galegas e así descubriu que “podía empregar a miña lingua e voz para expresar todo aquilo que me preocupaba”, indica Isolda.

Malia que di que non ten présa por publicar, porque a ela o que lle gusta é “a poesía viva, falada e interpretada”, os seus poemas xa se puideron ler en varios fanzines e nunha antoloxía poética de autores menores de 20 anos.

  • Silvia Penas

    E non volvín mirar atrás
    por non ser como a muller de Lot
    nin de niguén
    e, mesmo así, desde esa noite
    son estatua
    Estar cega é revisar mil veces o pasado
    mil veces o pasado
    Estar cega é revisar mil veces o pasado
    e non atopar a infancia.

En contraposición con estes tres poetas, Silvia Penas ten detrás unha longa traxectoria que lle permite falar coa voz da experiencia. Para Silvia, describir a súa obra “é tarefa imposible”, mais destaca que escribe “coa voz, co son, persigo sempre un rastro sonoro que me vai guiando na escrita”. Di que a inspiración provén dun desequilibrio ou dunha incomprensión que precisa desentrañar, e con respecto á poesía que se fai na actualidade sinala que “opera con outros usos da linguaxe, que non sempre pasan pola razón, e que son subversivos en si mesmos”, ao que engade que “agora mesmo hai un agromar moi interesante entre as a poesía nova en Galicia”. Penas apunta que “o público estase habituando a consumir poesía. Os recitais volven ser un reclamo na programación cultural e iso é moi positivo. Nestes tempos de inmediatez e individualismo que corren, conseguir manter un público durante atendendo a unha lectura ou interpretación é un acto moi fermoso e case diría heroico”.

Compartir el artículo

stats