Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Margarita Rodríguez | Militante do PC e CC OO en 1972

“As mulleres xogaron un papel fundamental naquelas folgas”

Traballadora de Álvarez e militante, Rodríguez foi unha das despedidas que non recuperou o emprego ata a amnistía de 1977

A activista e militante política Margarita Roríguez.

Margarita Rodríguez entrou a traballar na fábrica de Álvarez en 1963 con tan só catorce anos. Ao pouco tempo, afiliouse ao Partido Comunista e a CC OO. Cincuenta anos despois das revoltas que lle costaron o traballo, recorda con FARO uns meses de “moita tensión”, pero que “foron necesarios como antesala da caída da ditadura”. Coa vista posta no papel das mulleres, lembra algúns momentos clave.

–Como vivíu vostede aquel setembro de 1972?

–Vivímolo con moita tensión. Os asasinatos do 10 de marzo en Ferrol provocáronnos moita rabia e frustración. A partir dese momento houbo moita mobilización, moitas asembleas e reunións. Así ata que en setembro, coa loita dos horarios de Citroën estoupou.

–Fóronse preparando durante eses sete meses que pasaron entre ambos sucesos?

–Claro. Non foi nada espontáneo. Moita xente considera que o foi, pero para nada, houbo moito traballo detrás. Moitas asembleas. Cando pasou o de

Citroën, que despediron a xente, comezaron a folga e, dende alí, os propios traballadores facían percorridos polo resto das empresas buscando que os outros compañeiros déramos o apoio. Era o xeito de colaborar daquela. Cando nos visitaron a nós en Álvarez xa decidimos parar.

–Corríxame se me equivoco. En Álvarez as operarias eran maioritariamente mulleres?

–Pois isto é curioso. Sempre se pensou así, pero, logo, nalgún convenio, preguntamos por curiosidade e resultou que non. O que pasa é que as mulleres eramos moito máis visibles porque traballabamos na quenda diurna, eles facíano a tres quendas. Entón, como as mulleres estabamos na xornada normal, cando había mobilizacións, mirábasenos máis a nós que tamén participábamos arreo.

–Cre que nalgún sentido iso puido facer que a súa folga fose diferente?

–En absoluto. Digo máis. As mulleres eran, son e serán moi combativas. Había moitas daquelas mulleres, incluso, que xa marcaran a súa seña de identidade moito antes do 1972. Noutras folgas anteriores dos sesenta.

–Dende o Partido Comunista e tamén dende Comisións Obreiras din que a cidade ten unha débeda pendente co papel das mulleres naquelas folgas. E non me refiro só ás traballadoras.

–Efectivamente. A miña participación concreta foi como muller traballadora, pero logo había outro grande grupo de mulleres detrás dende outras posicións. Naquel momento, de feito, organizouse o Movemento Democrático de Mulleres. Con esta organización tratouse de sacar do fogar ás amas de casa. Sacalas para organizalas. Xogaron un papel fundamental. Nas folgas houbo moitos detidos, procesados,escapados... As mulleres fixeron recolleitas, peches nas igrexas, visitas ao obispo... Movéronse moito. E precisamente elas era mulleres que non estaban nun posto de traballo. Moitas eran compañeiras doutros camaradas.

–Vostede xogaba outro papel naquelas folgas.

–Si. De feito eu estiven encarcelada no que hoxe é o MARCO. Detivéronme saíndo da sede do Sindicato Vertical [hoxe sede de UXT]onde estabamos para poder estar dentro do sistema sindical. Estaba fichada. Detivéronme durante 72 horas e logo soltáronme porque consideraban que por ser muller non era peligrosa, que non ía facer tanto (ri). “Vaya usted a su casa a cuidar de su hijo”, díxome con desprezo. Pero logo puxéronme unha multa que non podía pagar e encerráronme durante un mes. Aquilo era noxento, víñannos visitar os ratos polas noites. Foi terrible ese tempo, as condicións eran deplorables.

–Cre que está suficientemente recoñecido o papel que xogaron mulleres como vostede?

–Pois non o sei. Eu dende logo non o fixen polo recoñecemento nin tampouco o agardo. Eu estaba alí naquel momento e fíxose o que se tiña que facer. O que si foi que perdín o posto de traballo ata a amnistía do 1977. Naquel momento era outra maneira de ver as cousas. Era si ou si. Non había nada que perder. Estaba en xogo a nosa liberdade.Todo o que fixeramos era para mellorar, por pouco que fora.

Compartir el artículo

stats