Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ENTROIDO 2022

O merdeiro, a figura chave do entroido vigués

Logo de oitenta anos no ostracismo, a Asociación de Veciños do Casco Vello e A Revolta conseguiron a súa completa recuperación

Merdeiros, en plena acción, polo casco vello de Vigo. R. Grobas / Marta G. Brea / Adrián Irago

Hai unha figura popular que resulta fundamental para comprender a historia do entroido vigués: o merdeiro. Aínda que non existe unha data concreta na que cadrar a súa aparición, o antropólogo Xerardo F. Santomé, froito das súas procuras documentais, acredita ubicalo antes do século XIX. Nacida no Casco Vello da cidade, máis concretamente no Berbés, a figura do merdeiro foi creada polos mariñeiros como un xeito de escarnio cara a xente de rural. Moitas persoas da contorna da cidade peregrinaban cara o núcleo daquela vila decimonónica para, entre outras cousas, recoller residuos orgánicos cos que abonar as súas leiras para o cultivo. Baleiraban, por exemplo, fosas sépticas.

Na obra de Santomé “O merdeiro: un personaxe do entroido vigués”, este antropólogo debulla algunhas das claves da súa investigación: apuntamentos hemerográficos; referencias en textos ensaísticos, algún deles de Vicente Risco ou Xaquín Lorenzo; e moitas da tradición oral. A fotografía máis antiga que conseguiu a Asociación Etnográfica A Merdeira está datada arredor dos comezos dos anos dez e foi cedida por Consolación Costas Veiga “Chiruca”. Grazas a esta imaxe, aos esquemas e descricións de autores como Risco e á memoria dos propios veciños, este colectivo, conformado pola Asociación de Veciños do Casco Vello e A Revolta, conseguiron emprender o camiño da recuperación da figura do merdeiro no 2005.

Vicente Risco deixou testemuños gráficos e textuais da figura do merdeiro

Segundo eses primeiros testemuños históricos, os merdeiros, seguindo esa vontade de parodiar e ridiculizar aos visitantes, comportábanse dun xeito groseiro. Berraban e empregaban un vocabulario obsceno, algo moi mal visto naquela altura. Vestían coa camisa por fóra e amolaban ás persoas polas rúas coas varas ou os vexetais que levaban colgando da cintura. Aquela actitude burlesca incomodaba profundamente aos dirixentes políticos de principios do século XX, “tamén o feito de que fose un movemento anárquico, non había unha organización colectiva”, explica Hadrián Román no documental Os merdeiros, a recuperaçom. Cada quen levaba o seu percorrido e a xente enfadábase con eles por como os xiringaban.

Por iso, o declive da figura do merdeiro a nivel popular durante o século XX non foi casual. Arredor dos anos trinta, o Concello de Vigo comezou a emitir bandos, ex professo, para frear aquela figura en beneficio dun carnaval máis sosegado ou “de salón”, como gosta de dicir Fiz Axeitos, presidente da Asociación de Veciños do Casco Vello.

A imaxe máis antiga do merdeiro, ubicada en 1910. CONSOLACIÓN COSTAS

Os veciños do barrio vello xunto co colectivo A Revolta non só editaron o libro de Xerardo F. Santomé, senón que en 2005 emprenderon un traballo de recuperación da figura tradicional, xa en vías de esquecemento daquela.

“Pouco a pouco e con traballo foise consolidando a figura coas súas vestimentas, as carautas...”, engade Axeitos. Agora, o colectivo intégrano arredor de corenta merdeiros e traballan durante todo o ano na preservación e a normalización da súa figura. Unha das súas liñas é a pedagoxía. Durante as tempadas de entroido, voluntarios da asociación percorren colexios, institutos e centros sociais da área de Vigo impartindo relatorios para todas as idades nos que contan a historia do merdeiro. Froito dese traballo –financiado principalmente por eles mesmos– xa teñen conseguido recoñecementos nas mascaradas internacionais en cidades como Lisboa ou Viana do Bolo.

OS MERDEIROS, A RECUPERAÇOM from OS MERDEIROS, A RECUPERAÇOM on Vimeo.

Outra das vías de traballo da Asociación Etnográfica A Merdeira é a realización de obradoiros no propio barrio: “Para facérmonos as carautas soemos contar con profesionais das artes plásticas para que nos guíen”, explica o presidente da asociación. Ao estaren fabricadas con papel, a súa elaboración, cun bo mestre, é asumible para tódolos públicos. Fariña doutra muiñada é a elaboración dos traxes que, como mínimo, custan uns oitocentos euros cada un: “Temos que ter en conta que os traxes tradicionais fanos artesás profesionais con materiais específicos como o pano, o liño ou o coiro e iso ten un prezo”, argumenta Axeitos, que recoñece que a día de hoxe non teñen material para poderen saír os corenta á rúa. “Emprestámonos as cousas entre nós. Se un compañeiro non pode ir un día, pois déixallo a outro”, engade.

Vestirse como un "merdeiro"

Vestirse como un "merdeiro" P. PEDRIDO

Nese traxe tradicional, algúns dos elementos son indispensables para poder consideralo de auténtico merdeiro. O primeiro son os tamancos, un calzado rústico coa sola de madeira tamén chamado zoco. Logo, unhas polainas feitas de pano, coiro ou palla e que cobren a perna dende o nocello ata un pouco máis arriba do xeonllo. No caso dos pantalóns pódese escoller entre longos ou curtos e se se elixe este último, o merdeiro debe levar as cirolas, unha especie de pantalón interior que vai dende a cadeira ata os xeonllos. A continuación viría a camisa, sempre por fóra, para aparentar unha imaxe descoidada, o chaleque e, xusto por riba, a faixa tradicional. Por último e indispensable sería a carouta, feita de xeito artesanal, e a vara. Eses serían os elementos mínimos. Logo, segundo explica Fiz Axeitos, hai toda unha serie de complementos como pendurar verduras da cintura na liña do escarnio contra o rural como allos, porros, cenorias...; portar unha vasoira de palla “para peitear calvas”; ou levar un farol, entre outras moitas cousas.

Vestimenta completa do merdeiro.  / GZFOTO

Vestimenta completa do merdeiro. / GZFOTO

Compartir el artículo

stats