Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

In memoriam // Manuel Sánchez delgado

Un aplauso que non rematou nunca

Manuel Sánchez Delgado.

Foi un aplauso interminable... o aplauso máis longo que escoitei na miña “media” vida sanitaria. O salón de actos do antigo Hospital Xeral, hoxe en remodelación para futuros xulgados, estaba ateigado ata a bandeira de profesionais sanitarios, moitos de pé ou sentados nas escaleiras, e que non paraban de aplaudir. Eu teño visto algún aplauso así no mundo das artes, especialmente en espectáculos teatrais, operísticos ou musicais en xeral, cando conflúen as emocións dos actores e máis do público, pero endexamais o vira no ámbito científico, e menos no sanitario. Era a despedida do Xerente, a partida daquel líder que a primeiros de século nos fixo a todos cómplices das súas ideas.

Manolo, ou Manoliño como lle chamaba algunha vez en privado, chegou a Vigo para levar a cabo a unificación asistencial dos tres hospitais existentes, o antigo Xeral, o Meixoeiro e o Nicolás Peña.

Non ven aquí ao caso falar dos logros acadados, que foron moitos e moi bos para asistencia sanitaria da nosa área, senón do seu estilo de Dirección, que non foi outro que o estilo da persoa, e que trasladou ao seu excelente equipo directivo, e como consecuencia ao resto do Hospital. Ao longo daqueles anos todos acabamos remando na mesma dirección e, por se fora pouco, cun nivel de satisfacción elevado.

Manolo sempre tivo unha sensibilidade especial polo mundo das artes e moi especialmente polo da pintura, do que era un bo coleccionista. Coido que era esa sensibilidade pola arte a que lle axudou no mundo da xestión.

Aquel aplauso sempre seguirá soando, polo menos, mentres vivan os que tivemos a fortuna de coñecelo, e estou seguro de que el o sigue lembrando.

*Xefe do servizo de Radiodiagnóstico da Área Sanitaria de Vigo

Compartir el artículo

stats