Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

GRAN VIGO
ALBERTO GAGO Exreitor da UVigo

“A economía non é unha ciencia negra, tamén serve para a mellora social”

Toma posesión como académico numerario na Academia Galega das Ciencias

Alberto Gago, no campus da Universidade en Vigo

O catedrático de Facenda Pública e exreitor da Universidade de Vigo presume de non ter ningún cargo –“afortunadamente, porque xa tiven demasiados” –na actualidade, xa que isto lle permite dedicarse a outros asuntos como pensar e reflexionar con calma para avanzar nas súas investigacións. Alberto Gago converterase hoxe no primeiro académico numerario da UVigo da Sección de Ciencias Económicas e Socias da Real Academia Galega das Ciencias, un recoñecemento ao seu traballo pero tamén a unha disciplina que pode xerar melloras colectivas a nivel social xa que a “iso é ao que nos dedicamos”, segundo explica Gago. O exreitor ten publicado mái dun cento de libros e artigos en revistas científicas sobre a incidencia impositiva, a reforma fiscal e a fiscalidade ambiental.

–Toma posesión hoxe como académico numerario da Academia Galega das Ciencias, nun acto que se celebra no Pazo de San Roque de Santiago. Que supón para vostede esta designación?

–A nivel persoal e individual claro está que me satisfai pero o que máis me gusta é que se entenda como un recoñecemento ás ciencias sociais. A Real Academia das Ciencias parece que se asocia sempre a asuntos de ciencias da natureza e a tecnoloxía e moito menos están presentes as ciencias sociais e as ciencias do comportamento. Creo que esta é unha maneira de recoñecer o traballo que se fai neste ámbito e de darlle un pouco de pulo tamén e difusión a nivel popular de divulgación do tipo de traballos que se está a facer. Basicamente estou moi satisfeito porque a economía poida ser vista non como unha ciencia negra, senón como unha ciencia que ofrece tamén posibilidades para a mellora social, para a mellora colectiva. Trátase diso e a iso é ao que nos dedicamos.

–O seu traballo segue moi vinculado coa investigación da fiscalidade enerxética, aínda que xa non sexa o coordinador do grupo Rede.

–Si, sigo formando parte do grupo Rede como investigador, moi centrado na investigación dos impostos en iniciativas de reforma, sexa en xeral as entendidas como reformas fiscais máis propiamente ou neste caso a utilización dos impostos para outro tipo de políticas públicas.

–Como cales?

–Como vou explicar na miña charla de incorporación, os cualificados como impostos ambientais son instrumentos óptimos para utilizalos nas políticas contra o cambio climático. Esa é a nosa liña de investigación desde hai xa varios anos, dentro do grupo Rede. O uso da imposición ambiental como instrumento das políticas climáticas.

–Hai receptividade por parte dos gobernos para unha aplicación desta liña de investigación?

–Se tivésemos que investigar solo naquilo do que temos a certeza que se vai levar a cabo, pois estariamos aviados. A nosa obriga como investigadores é pensar naquilo que pode definir o futuro do tema que estamos tratando. Se eu estudo o funcionamento fiscal non estou pensando no funcionamento dos impostos actuais. Iso xa o fan os estudantes e os profesionais que se dedican ao asesoramento fiscal. Eu teño que reflexionar sobre aqueles instrumentos que se poden chegar a utilizar no futuro para conseguir os obxectivos que se perseguen.

–Non se están utilizando de forma eficaz os impostos ambientais?

–Non. O seu papel ten que medrar nos próximos anos de maneira importante. Pero ademais o seu papel se utiliza de maneira irregular nas diferentes zonas e nos diferentes países. España en particular ten un uso da imposición ambiental que está moi limitado, case no ámbito das facendas autonómicas, non da facenda central e esa é unha anomalía evidente do noso país. Pero eu creo que se van seguir utilizando máis no futuro e sobre todo a nivel máis amplo, a nivel nacional e internacional, porque do que se trata é de gravar as emisións de gases de efecto invernadoiro e iso sobrepasa con moito as fronteiras de cada país. Por iso son tan importantes as iniciativas que adopta a UE.

–Sería clave que os que máis contaminen paguen máis.

–Si, ese é o principio básico dun imposto regulatorio das condutas como é este, que unha das súas principais virtudes é que son instrumentos flexibles de maneira que cada axente económico pode adaptarse a el en función das súas particulares actividades, do seu nivel de contaminación e do que imaxina que pode ocorrer a futuro. Se un ten un imposto que grava as súas actividades, seguramente quererá innovar con novos procesos no futuro para que o custo impositivo poida reducirse cada vez máis. E iso permite que cada un poida adaptar a súa conduta.

–E as persoas tamén deberían cambiar a súa conduta?

–Ese é un asunto que require atención, divulgación e concienciación. Non puramente investigación. No noso traballo tratamos de ver como podemos influír a nivel global para que muden as condutas mediante incentivos, xa sexan positivos ou a través de custos. Ti podes mercar un coche limpo por un incentivo en forma de subvención ou polo custo que teña un determinado combustible. A investigación tenta descubrir cal é a vía máis eficaz e cal produce menos problemas, que tamén os hai.

–Moitas veces os consumidores teñen dúbidas porque se fala de pros e contras sobre os coches eléctricos, por exemplo .

–Si, pero podemos recordar un fenómeno moi interesante ao respecto. Non fai moito tempo non había coches diésel. Porén, o prezo do diésel e a xeración das subvencións ao diésel, fixo que se dieselizara a flota en poucas décadas. Claro que os incentivos e os custos funcionan. Non de hoxe para mañá, pero en canto un empeza a ver con claridade que unha determinada adquisición lle supón un abaratamento do prezo inicial e un abaratamento futuro do combustible utilizado, non te preocupes que rapidamente os consumidores adaptamos a nosa conducta. Iso ao mellor ocorre en dúas décadas, pero se non empezas non vai ocorrer nunca e estes cambios non poden ser repentinos porque gravarías moito as cestas de consumo dos contribuíntes, ten que ser algo gradual, de pouco a pouco.

Compartir el artículo

stats