Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xabier Pérez igrexas | Concelleiro do BNG de Vigo

"O BNG é a forza política en ascenso na cidade"

O portavoz do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, na peatonal do Calvario. Alba Villar

O BNG voltou a sacar representación na corporación municipal de Vigo nas eleccións de 2019 da man de Xabier Pérez Igrexas, que dous anos despois defende o crecente apoio á formación nacionalista na cidade e fala claro tanto sobre o goberno municipal como sobre a Xunta de Galicia.

–En termos oficiais ségueselle a considerar un concelleiro non adscrito…

–É unha anomalía democrática, é moi descritivo deste mandato que Abel Caballero intentase modificar o resultado electoral, onde os vigueses decidiron escollerme como concelleiro do BNG. E exercendo violencia democrática, o alcalde intentou invisibilizar ao BNG impoñéndome esa condición de concelleiro non adscrito. Abel Caballero debería explicar o seu nerviosismo pola presenza dun único concelleiro do Bloque nunha corporación de 27.

–Que sente cando Abel Caballero di que vostede e o BNG están en contra da cidade?

–Presentar a alguén como un inimigo porque pensa distinto ou ten unha perspectiva diferente é apropiarse da cidade. E o PSOE é a expresión maioritaria no pleno pero non son toda a cidade. Esa acusación é ridícula. O BNG terá moitos defectos, pero todas as nosas propostas son en beneficio de Vigo e de Galicia.

–Cre que o BNG está no bo camino para incrementar a súa presenza na corporación municipal?

–Creo que está claro que somos a forza en ascenso na cidade, e así o reflicte a evolución das distintas convocatorias electorais. Aínda que o dicimos con toda a prudencia, pero dende que no ano 2019 recuperamos a presenza no Concello de Vigo estamos a constatar un aumento sostido do apoio ao BNG e sinceramente estamos en condicións de dar un salto cuantitativo e multiplicarnos de cara a ese escenario electoral de 2023 para converternos nunha forza determinante na política local de Vigo e darlle o impulso que a cidade necesita en practicamente todos os ámbitos.

–Será vostede o candidato?

–Será a militancia quen decidirá. No BNG non hai nin dedazos nin autoproclamacións. Eu estou concentrado en encarar estes dous anos que faltan para as próximas eleccións nun traballo diario e en colaboración constante cos colectivos sociais.

–É moi difícil facer oposición estando vostede só como concelleiro?

–Non houbo ningún caso na historia democrática da cidade onde un portavoz dunha forza política estea na situación de precariedade que estou eu e que foi imposta dende a Alcaldía. Eu dispoño de menos tempo de intervención que o resto das forzas políticas nos plenos, son o único portavoz que non ten ningún réxime de dedicación remunerada, non dispoñemos de persoal técnico nin asesor contratado, e por non ter non teño nin despacho no Concello. Os únicos medios dos que dispoño son móbil oficial e un ordenador do ano 2009. Fronte a esta precariedade, que o único que persegue é invisibilizar o traballo do BNG, quero dicir que propuxemos en dous anos máis de 435 iniciativas.

–Como valora a xestión da situación da pandemia por parte do goberno local?

–Foi razoable dende o inicio do estado de alarma ata que comezou a desescalada. Pero o principal problema é que non entende que a pandemia provocou uns efectos económicos e sociais brutais que esixen un cambio nas prioridades. Porque estamos nunha cidade na que se destruíron 2.500 postos de traballo na industria no último ano e temos sectores como o comercio e a hostalería que non recibiron ningunha axuda directa por parte do Concello, o único de Galicia que non o fixo. É un erro político facer que a pandemia xa pasou facendo ver como se nada pasase.

–Falando da xestión da pandemia, cre que a Xunta respostou as necesidades da cidade neste último ano?

–A política da Xunta de Feijóo é a mesma dende 2009: o total abandono da principal cidade de Galicia. Na confrontación entre Concello e Xunta de Galicia, está claro que Abel Caballero electoralmente algo gaña. Pero non sei que gaña Feijóo. Quen perde é a cidade. É irresponsable o comportamento da administración autonómica con Vigo durante a pandemia. O papel das sucesivas delegadas da Xunta en Vigo é nefasto, xa que únicamente se dedican á propaganda.Non pode ser que o goberno galego nin descolgase o teléfono para falar co Concello. Que non haxa interlocución directa coa Alcaldía de Vigo demostra que a Xunta do PP desertou da cidade de Vigo, e que segue sen exercer as competencias nesta cidade.

Compartir el artículo

stats