As perruquerías, barberías e centros de estética de toda España realizaron hoxe a IV Xornada de loita nacional, tras as celebradas o 20 de outubro, o 20 de xaneiro e o 22 de marzo pasados, para denunciar a situación económica de extrema gravidade que atravesa o sector e continuar reclamando a redución do seu IVE ao 10% ante o risco de peche de decenas de miles salóns nos próximos meses. En Vigo, concentráronse na Praza do Rei entre as 10.00 e as 11.00 horas.

Desde agosto do ano pasado, e contando coas preto de 80 concentracións realizadas hoxe, a imaxe persoal fixo xa máis de 300 protestas e mobilizacións en toda a xeografía española. En Vigo, profesionais do sector da imaxe persoal realizaron unha concentración estática onde se leu un manifesto e se proclamaron frases reivindicativas reclamando ao Goberno a restitución do IVE reducido para visualizar a dramática situación que atravesan os seus negocios, cunha "caída de facturación próxima ao 40%" no primeiro trimestre do ano (que representa case 400 millóns de euros). "Hai poucas expectativas de mellora nos próximos meses, que son cruciais pola paralización de moitos eventos sociais como vodas, bautizos e comuñóns", afirman.