Presunto delito de desobediencia e atentado contra un axente da autoridade. É o motivo da detención de R.N.C., un mozo ourensán de 28 anos de idade, que a tarde do venres intentou agredir aos axentes da Policía Local que lle instaron a colocar a máscara.

Fontes policiais informan que o día 14 de maio, ao redor das 18.20 horas, unha patrulla que se atopaba no Calvario realizando labores de vixilancia, observou na rúa Xílgaro a unha parella, un home e unha muller, que non levaban postos cadanseus cubrebocas.

Tras dirixirse a eles para dicirlles que os colocaran, o home, "de malos modos", respondeu que non "porque ía fumar". Tras constatar que era unha escusa, invitáronnos novamente a por a máscara xa que, en caso contrario, veríanse na obriga de sancionalos.

Ante este novo requirimento, a parella volveu negarse polo que os axentes, explican fontes policiais, solicitaron as súas identificacións. Nese momento, o mozo comezou a mostrarse agresivo, "faltando ao respecto e insultando" aos policías. Ademais, intentou darlle un testarazo a un deles e, durante o forcexo, pateou a outro na tibia.

Por este motivo procederon á detención do home. a muller, L.S.C., de Vigo e 24 anos de idade, foi proposta para sanción por non utilizar a máscara e por desobediencia aos axentes.