...    
Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ferrín e os seus artigos: “Unha bolboreta que sumada a moitas aspira a transformar o mundo”

A UVigo presenta unha escolma das colaboracións do escritor no diario decano recollidas baixo o título de “No Fondo dos Espellos”

Fernando Ramallo, Xosé Luis Méndez Ferrín, José Francisco Montero e Rogelio Garrido, onte na presentación. | // ALBA VILLAR

Co humor, a naturalidade, a intelixencia e a firmeza das súas ideas tan coñecidas, Xosé Luis Méndez Ferrín participou onte na presentación dunha escolma de artigos publicados no FARO DE VIGO e editados agora pola Universidade de Vigo baixo o título da súa sección “No fondo dos Espellos”. Concibido como un diálogo cos asistentes, o escritor sintetizou as súas colaboracións dun xeito poético. “Son coma unha bolboreta que conectada a outras moitas aspira a transformar o mundo”.

No Fondo dos Espellos” compendia as escritas de Ferrín no suplemento cultural El Sábado entre 2015-2020. Nelas poden lerse textos sobre política –galega, nacional ou internacional–, cultura, toponomia, gastronomía, lingüística e tamén zooloxía. Un libro aberto, universal, capaz de dar resposta á curiosidade e aos gustos máis diversos, xa sexan eruditos ou aficionados.

“Este libro naceu dunha necesidade. Nel recollemos os artigos dun escritor cunha obra marcada polo rigor, a profundidade e a verdade”, explicou Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e principal promotor desta edición, que xa está a traballar nunha segunda parte cos artigos publicados entre 2007 e 2014.

Minutos antes o decano de Facultade de Filoloxía e Tradución, José Francisco Montero Reguera, destacou o “rigor, a verdade e a indagación” como tres dos piares nos que se constrúe a obra de Ferrín, un escritor que “se achega a todo, nada do galego queda fóra nos seus textos”. Ademais, “No Fondo dos Espellos” ten, a xuízo do decano, un valor didáctico. “Eu estou aprendendo a coñecer a cidade de Vigo; a que foi e a que é agora”, dixo.

“Todo pende de todo”

Preguntado sobre o impacto dos seus artigos sobre os lectores e sobre o conxunto da sociedade, Méndez Ferrín recurriu á filosofía grega para falar, citando a Heráclito, do movemento permanente da humanidade. “Todo pende de todo e todo inflúe en todo. Todo está en permanente cambio, aínda que o cambio pode ser para ben ou para mal”. Neste sentido, para definir os seus artigos do FARO recurriu a unha imaxe. “Quero pensar que son coma unha bolboreta que conectada con outras moitas, xa sexan libros, persoas ou simples palabras, aspiran a transformar o mundo”, asegurou.

Sobre a falla de protagonismo da poesía social no panorama cultural actual, Ferrín defendeu o seu valor, pero engadiu un matiz. “Esa poesía ten que ter modernidade e calidade. Non vale coa boa intención”, dixo.

Na conversa co público, entre o que se atopaban mestres da facultade, alumnos e académicos da Lingua Galega, coma Xosé Luis Axeitos e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, saíron outros asuntos, non soamente literarios ou lingüísticos. Así Ferrín confesou ser un “adicto a escribir no xornal” e amosou o seu saber sobre El Quijote, Xela Arias –a primeira alumna da UVigo á que lle dedican o Día das Letras Galegas– ou Rosalía de Castro, pero tamén aproveitou para defender as súas convicións comunistas e a certeza de que algún día o “capitalismo caerá como caeron outros imperios”.

Rogelio Garrido, director de FARO DE VIGO, amosou o seu agradecemento e a honra que para o periódico decano supón contar coa firma de Méndez Ferrín no FARO, “onde atopou hai moitos anos un territorio de absoluta liberdade”. “Ferrín é un luxo para o noso xornal, para os lectores e para todos os galegos”, rematou.

Compartir el artículo

stats