Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha placa para Xela Arias na rúa Zamora

Caballero descobre a placa acompañado por Freixanes, Silva, concelleiras e familiares de Xela.

“Lembrar a Xela Arias e a súa familia sempre entre nós porque a súa poesía e os seus sentimentos están enraizados na rebeldía creativa de Vigo”. En palabras do alcalde, Abel Caballero, é o obxectivo da placa descuberta no número 39 da rúa Zamora, preto da Gran Vía. Un acto que se enmarca no programa de actividades organizado polo Concello de Vigo para homenaxear á autora nacida en Sarria, á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. O rexidor estivo acompañado no acto pola nai e irmáns da artista, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, veciños, concelleiras e a presidenta da Diputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Caballero puxo en valor o carácter “rupturista” dunha artista que foi quen de “trazar desde Vigo unha poesía diferente desde a renovación”. Tamén quixo agradecer á Real Academia Galega a designación de Xela Arias pola “valentía de romper con pautas culturais do pasado e buscar unha unha artista nova que nos deixou moi cedo e que vén de renacer neste edificio da rúa Zamora” a onde chegou coa súa familia no ano 1969.

O mandatario vigués recoñeceu que, grazas a decisión de dedicarlle este ano o Día das Letras Galegas, a súa poesía, moi prezada en ámbitos máis ben reducidos, pasou a ser vivida en todo Vigo e en toda Galicia. Antes de rematar, destacou que a homenaxe a Xela Arias “vai permanecer activa e viva todo no ano con continuas actividades para que todo o 2021 sexa o ano de Xela”.

“Botamos de menos á nena de Sarria e moza do Calvario, pero está aquí, nesta rúa de Vigo”

Víctor Freixanes - Presidente da Real Academia Galega

decoration

Víctor Freixanos amosou a súa felicidade pola extraordinaria acollida e participación social que están a ter este ano as actividades organizadas polo día das Letras Galegas e lembrou a empatía de Xela Arias coas novas xeracións e novas sensibilidades, con mención especial para a eclosión cultural que foi a chamada época da movida en Vigo. “Botamos de menos á nena de Sarria e moza do Calvario, pero está aquí, nesta rúa de Vigo”, dixo o presidente da Real Academia Galega, que agradeceu ao Concello de Vigo unha iniciativa que “nos honra a todos”.

Un dos irmáns de Xela Arias, Xoán, agradeceu ao Concello e á Academia a súa implicación nesta homenaxe. “Sentímonos enormemente agradecidos, especialmente, miña nai, para a que esta placa ten especial importancia ao vir da veciñanza”, argumentou.

No marco do programa polo Día das Letras Galegas, hoxe ás 19 horas, celébrase o concerto da Orquestra Infantil-Xuvenil Kv2211 no Centro Cultural de Beade. Mañá ás 20.00 horas, será o turno do Concerto das Letras Galegas no auditorio Mar de Vigo, a cargo de Laura LaMontgane & Pico Amperio.

Compartir el artículo

stats