Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Música e actividades familiares para lembrar a Xela Arias

Caballero e Losada, durante a presentación dos actos.

“Retomar a propia realidade de Xela Arias, honrar a memoria e poesía activa e a súa capacidade contestataria desde a poesía. ”. É o propósito que establece o Concello de Vigo no seu programa polo Día das Letras Galegas 2021, que define como “familiar”. Para conseguilo, organiza medio centenar de propostas que se estenden durante todo o ano, xa que, como explicou o alcalde, Abel Caballero, “o Día das Letras Galegas é o luns, pero é o ano de Xela Arias”.

Para “traela dende a memoria ao presente activo da cidade”, a entidade municipal comeza hoxe cos actos: coloca unha placa no domicilio de infancia e xuventude da autora galega. Xa no eido musical, este sábado, ás 19 horas, celébrase o concerto da Orquestra Infantil-Xuvenil Kv2211 no Centro Cultural de Beade. O domingo, ás 20.00 horas, será o turno do Concerto das Letras Galegas no auditorio Mar de Vigo. O día seguinte, o Concello ofrece unha recepción á Real Academia Galega no MARCO e, ás 13.00 horas, terá lugar a sesión plenaria académica no Mar de Vigo, o acto central en Galicia para celebrar o Día das Letras 2021. De tarde, ás 20.00 horas, poderá verse no auditorio municipal Vencerse é cousa de se tratar, un espectáculo literario-musical.

O ciclo de concertos previstos polo Concello inclúe recitais da Orquestra 430, Rodrigo Romaní, a Orquestra Clásica de Vigo, a Coral Casablanca, as corais e as bandas de música de Vigo. Segundo explicou Caballero “queremos que a música acompañe a poesía de Xela durante semanas e semanas”.

O Concello tamén prepara a mostra Xela Arias. A poesía do retrato no Verbum, prevista para os segundo semestre, con 40 fotos, 40 poemas da autora e retratos de Xulio Gil en branco e negro; e editou o díptico Xela Arias na Fundación Penzol, un manuscrito redactado pola autora aos nove anos, que se conserva nos fondos da Biblioteca Francisco Fernández del Riego, na Casa Galega da Cultura. Desde o 16 de abril, está aberta a Mostra Bibliográfica de Xela Arias na Casa Galega da Cultura cos fondos da Fundación Penzol e da Fundación Francisco Fernández del Riego.

Desde este sábado, o goberno municipal ofrece actividades para as familias no Verbum, no auditorio municipal e na biblioteca Xosé Neira Vilas: contacontos, xogos de letras, un concerto ou un recital de poesía. Celébranse esta fin de semana, o mércores 19, o 22, o 20 e o 30 deste mes de maio.

Ademais, o Museo Etnográfico Liste organiza o luns 17 de maio unha programación especial co gallo das Letras Galegas. Desde as 10.30 horas, ofrécense obradoiros para nenas e nenos sobre a figura de Xela Arias ou a conferencia Cultura gastronómica galega. As mulleres como protagonistas, a cargo de Xavier Castro Pérez, entre outras actividades.

Compartir el artículo

stats