Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nones Araújo Fernández | Gañadora do XXII Certame de Narración Curta Ánxel Fole

“Cando me xubilei sentín que era o meu momento; este premio dame ánimos”

“Sempre dixen que teño alma de aldea aínda que vivo en Vigo dende nena e gústame moito a literatura en galego, ¡é unha lingua tan rica!”

Nones Araújo, no espazo da súa casa no que le e escribe. | // ALBA VILLAR

Acaba de cumprir 68 años e como inesperado regalo de cumpreanos proclamouse gañadora do XXII Certame de Narración Curta Ánxel Fole pola súa obra “Imaxes roubadas”, na que aglutina o seu amor pola literatura e a pintura. Nones Araújo sempre escribiu, pero non foi ata a súa xubilación hai oito anos e despois de catro décadas como profesora de Lingua Castelá, cando pudo dedicarlle máis tempo á súa afección. E aínda máis recentemente atreveuse a enviar os seus traballos a concursos para probar sorte. Tras unha etapa como docente “moi enriquecedora”, na que fixo gala da súa actividade e compromiso, agora recibe con moita ilusión este recoñecido premio literario que, ademais de estar dotado con 4.000 euros, inclúe a publicación da súa obra.

–Escribe dende sempre, pero nunca se presentara a concursos. Por que agora?

–Gústame moito escribir e desde que me xubilei teño moito tempo. Sempre estiven moi volcada co meu traballo e as miñas fillas. As mulleres da miña xeración fumos educadas así. Non tiña tempo nin me atrevía a mandar nada. Pero cando me xubilei sentín que era o meu momento. O ano pasado presenteime por primeira vez a un concurso, o de microrrelatos de Parada de Sil, e quedei segunda na modalidade de galego. Para min, o máis importante foi a oportunidade de coñecer ao escritor Antonio Carreño, presidente do xurado, pero o premio animoume a seguir. E agora gañar o “Ánxel Fole” faime unha ilusión moi grande porque son unha novata.

–Que narran os 28 relatos incluidosen “Imaxes Roubadas”?

–O título segue así “que a ladroa tomou prestadas para escribir estes relatos”. Róubolles aos pintores o seu mundo para inventarme historias a partir de obras que me gustan. E moitas son mulleres porque a temática da maioría dos relatos é feminista. Hai un texto sobre unha obra de Xaime Quesada, un idilio serodio a partir dun cadro de Tamara de Lempicka, ou un relato sobre a doazón de órganos inspirado nun autoretrato de Elizabethe Vigée-Lebrun coa súa filla e que ten moita tenrura. Tamén me inspiraron“Mulleres na praia” de Luis Seoane, o meu pintor preferido; Maruja Mallo; a obra “Partida de xadrez” da pintora do século XVII Sofonisba Anguissola; “Diego y yo”, de Frida Kahlo; ou tamén unha foto de Ruth Matilda Anderson de cando recorreu Galicia nos anos 20.

–Só escribe relatos?

–Non, tamén teño novela, un conto infantil e adiviñas. E os microrrelatos gústanme moito. Paso moito tempo no meu agocho na casa (risas). Este premio dame ánimos para seguir escribindo. É unha satisfacción que te empurren e te den estas alegrías.

–E ademais vai ser publicado por Edicións Xerais.

–É o premio máis grande. Como se non tivese dotación económica, que te publiquen é o che gusta. Xa plantei unha árbore, tiven fillas, faltábame o libro (risas).

–Vostede é o mellor exemplo de que a vida continúa trala xubilación.

–Eu fun unha mestra moi vocacional e costoume moito xubilarme, pero tes que facer cousas. Tamén son membro de Ateneo Atlántico. Traballei durante corenta anos como mestra, ós últimos 16 no IES Alexandre Bóveda, en Coia. E sempre me gustou moito o contacto coas familias.

–O confinamento foi inspirador para vostede como para outros escritores?

–Para min tivo cousas moi boas. Foi tempo de ordenar,revisar axendas... Recuperei a unha amiga da alma de toda a vida e tamén a unha sobriña. E tiven moito tempo para escribir. Son bastante perfeccionista e aproveitei para podar os meus escritos. Tiven unha profesora nun taller de escritura que nos decía que había que deixalos asentar e logo podar. Cada vez que os retomaba cambiaba algo. Todo este traballo gústame e a pandemia facilitoumo porque nunca tes tempo.

–Sempre escribe en galego?

–Si. Sempre dixen que teño alma de aldea aínda que vivo en Vigo dende nena. Pero nacín en Riós, en Ourense. Gústame moito a literatura en galego, ¡é unha lingua tan rica! Sempre teño a miña libretiña para ir apuntando palabras novas. Disfruto moito. De adolescente quería ser xornalista, porque me parecía a forma máis sinxela para convertirme en escritora, algo inalcanzable. E facíalle entrevistas a esta amiga que recuperei e que quería ser actriz de teatro. Pero estudiei maxisterio porque os meus pais non me podían enviar á universidade. E foi tamén unha profesión moi vocacional na que sempre me esforcei por seguir formándome e actualizándome. Chegamos a crear unha revista pedagóxica de escolantes galegos. A miña profesión foi moi enriquecedora para min e sempre estiven moi orgullosa do meu alumnado e dos meus centros.

Compartir el artículo

stats