“Rosalía sempre”. Con esta clara mensaxe celebrouse onte a homenaxe a Rosalía de Castro. Os seus versos encheron a sede da Deputación no Casco Vello, situada moi preto dos talleres de Juan Compañel nos que se imprimiu en 1863 Cantares Gallegos. A autora galega máis universal foi homenaxeada no 184 aniversario do seu nacemento nun emotivo acto que contou coa música en directo de Uxía Senlle, a lectura de Anna R. Figueiredo do manifesto da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, o recitado de poemas a cargo de rapaces do CEIP Altamar, e a imaxinación dos pequenos nos mil traballos presentados ao concurso de debuxo “A nosa Rosalía”. A imaxe da poetisa, acompañada dunha cita do seu texto Lieders, considerado o primeiro manifesto feminista de Galicia e publicado en Vigo en 1858, foron proxectados na fachada da sede tralo acto.

Alí estaban presentes figuras do mundo da cultura, a política e o tecido social da cidade, xunto á presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde Abel Caballero. “Rosalía é o epítome da muller galega adiantada ao seu tempo. Loitadora, inconformista. É a nosa referencia como pobo, está máis presente que nunca, e o seu pensamento é noso pero tamén universal”, proclamou Silva, que reivindicou á figura das letras galegas como pioneira do feminismo e comprometida coas causas sociais: “Temos a sorte de ser un pobo cunha muller como símbolo. Rosalía foi feminista, amaba á súa terra e denunciaba as inxustizas, pero tiña unha mirada optimista sobre Galicia”.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, resaltou que “cada vez que alguén le a poesía de Rosalía, fai que estea viva, e deste xeito fai tamén que siga para sempre connosco”. O rexedor lembrou que en Vigo publicouse a obra que “cambiou para sempre a nosa historia” e deu orixe ao Rexurdimento.

Premios infantís

O concurso infantil “A nosa Rosalía” recibiu preto de mil debuxos de 40 centros. A deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, deu a coñecer a lista de gañadores. Na categoría “Campaniñas”, para escolares de 6 a 8 anos, o premio especial foi para Nicolás Coronel, do CEIP Carballal de Cabral (Vigo), e se seleccionaron os traballos de Pablo Pereira Barreiro, do CEIP Nosa Señora das Dores (Forcarei); Teba Martínez Sanmartín, do CEIP Pintor Laxeiro (Vigo) e Clara Montenegro, do CEIP Chano Piñeiro de Gondomar. Na categoría “Airiños”, de 9 a 11 anos, levou o premio especial Malena Jamardo Cravello, do CEIP Alfonso VII Caldas de Reis e seleccionáronse os debuxos de Nerea Alonso, do CEIP Carballal de Cabral (Vigo); Nuria Figueira, do CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra) e Érika Rodriguez Alvarez, do CEIP Sobrada (Tomiño). A maiores, tamén conseguiu un primeiro premio Álex González, do Centro de Educación Especial de Vilagarcía.