O IES Santa Irene de Vigo é un dos dez centros de toda Galicia que participan na terceira edición do programa de dinamización lingüística “21 Días co Galego e +”, posto hoxe en marcha pola Consellería de Educación cos obxectivos de que a xente nova fale máis galego e perfeccione o seu uso tanto dentro como fóra das aulas. En toda Galicia son 3.738 participantes entre alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na videorreunión de apertura do programa xunto cos centros educativos. Tamén participaron na apertura o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e os coordinadores da iniciativa, Pilar Ponte e Roxelio García.

Xunto ó IES Santa Irene, a actividade conta coa presenza do CPR A Inmaculada de Lugo coa participación de alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º desta etapa e os IES coruñeses As Mariñas (Betanzos), Carral e Lamas de Abade (Santiago de Compostela); o Perdouro (Burela); os ourensáns Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e Taboada Chivite (Verín); e os pontevedreses Ramón Cabanillas (Cambados) e Sánchez Cantón de Pontevedra.

Dígocho Eu!!

Ademais, incorpora tres colaboracións externas: a do programa Galicia por Diante da Radio Galega, que terá unha sección diaria ao longo do seu desenvolvemento na que os centros lle contarán á audiencia os temas que abordaron e como está a ser a súa participación; a do programa #DígochoEu! da TVG, con encontros entre o equipo audiovisual e os dez centros educativos participantes e tamén coa realización de vídeos propios do formato deste espazo de grande éxito entre a mocidade; e a do Foro Peinador, que achegará o eido da empresa en galego aos centros educativos para poñer en valor a importancia do mundo laboral no desenvolvemento cultural da sociedade. Todo isto poderase seguir desde o blog 21 Días co Galego e +  e tamén desde o Portal da Lingua Galega.

O soporte central da iniciativa é o blog 21 Días co galego e +, onde se mostrarán desde hoxe as creacións dos participantes, que deberán seguir e actualizar cada día os centros para recibir contidos. Neste web poderán consultar o reto que deberán superar en grupo unha vez á semana ou as gravacións individuais que deberán realizar as rapazas e rapaces para deixar constancia das súas reflexións sociolingüísticas sobre a experiencia. Así mesmo, estarán dispoñibles no blog as presentacións dos participantes e as creacións realizadas sobre contidos elixidos por eles, e as fins de semana as familias tamén recibirán propostas de retos para realizar colectivamente coas fillas e os fillos, entre outros contidos.