Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O primeiro “streaming” musical en Vigo: quiosco da Alameda, 1891

Neste recente pasado 2020 a palabra do ano en España foi “confinamiento”, elixida pola FundéuRAE, promovida pola axencia EFE e a Real Academia Española. En Galicia foi o pronome “nós” a gañadora, na votación popular que promocionou o Portal das Palabras, a páxina web para a divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié de la Maza. Si no eido musical tivésemos a oportunidade de elixir unha, estamos case seguros que sería o termo inglés “streaming”, xa que irrompía masivamente nos nosos fogares por mor da pandemia e o confinamento.

O “streaming”, aínda que é un concepto moi amplo, podémolo definir como unha retransmisión en directo. Neste senso, un domingo 19 de abril de 1891, tivo lugar a primeira retransmisión musical feita en Vigo, e creemos que en Galicia. Foi no fermoso quiosco [kiosko, kiosco, coreto, templete ou palco da música] situado por aquel entón, e ata que o retiraron no 1929, no paseo central da Alameda viguesa. A empresa da rede de telefónica facilitou aos seus abonados vigueses o medio de ouvir o concerto que a tarde de dito día daba a Banda de Música do Rexemento de Infantería Murcia nº 37. Sabemos que nesa data a dirixía o músico maior Martín Fayés e que a finais do nomeado mes de abril deixaba a batuta en mans do director Ricardo Cetina Clat, músicos importantes para historia musical en Vigo. Para levar a cabo a retransmisión colocouse un micrófono no quiosco que remitía a central e dende alí aos seus abonados.

Facendo un pouco de historia, lembramos que a rede de telefonía urbana de Vigo inaugurouse un 24 de novembro de 1889, fito que foi unha inflexión na etapa de modernidade e progreso da cidade. Aínda así os vigueses xa coñecían o teléfono, debido ao que fora alcalde de Vigo (1897) e presidente da Deputación de Pontevedra (1905-1909), o lucense Antonio López de Neira. Este solicitou no 1886 autorización para unir as liñas de teléfono entre a súa fábrica de papel de Lavadores, coñecida como La Cristina, e a súa casa, situada na rúa do Príncipe, nº 8, inaugurándose o 16 de marzo do ano seguinte. Por medio de López de Neira tamén coñeceron os vigueses a luz eléctrica, mediante un reflector que colocaba no balcón do segundo piso da súa casa.

Para finalizar, e como testemuña da retransmisión en directo do acto polo teléfono, recollemos o escrito no Faro de Vigo do 21 de abril de 1891, no que se daba a noticia nos seguintes termos: “El domingo desde el aparato telefónico de esta redacción, hemos tenido el gusto de escuchar algunas de las piezas de música ejecutadas por la banda militar de Murcia en la alameda de esta ciudad. El director de la red telefónica, había colocado por vía de ensayo, en el kiosko del paseo, un micrófono en comunicación con el aparato de la central, y ha tenido la bondad de hacer extensivo a nuestro aparato la comunicación. Desde el teléfono se perciben los menores detalles de la ejecución de las piezas, con una exactitud admirable”. Lembramos que a redacción e administración estaba situada na rúa do Príncipe, nº 21, e o teléfono era o nº 19.

*Pianista e Doutor pola UPV. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Compartir el artículo

stats