Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cabodano de Francisco Fernández del Riego

Dez anos sen “un home de luz”

Vigo despedía tal día como hoxe ó intelectual galeguista que foi decisivo para a política e a cultura do país e que deixou a Vigo a “extraordinaria herdanza” da Penzol

Hoxe cúmprese unha década do pasamento dunha figura clave da política e a cultura de Galicia. Vigo despedía o 26 de novembro do 2010 a un dos seus cidadáns máis ilustres, Francisco Fernández del Riego. Amigo de Castelao, Cunqueiro e Otero Pedrayo, o intelectual galeguista falecía ós 97 anos tras unha dilatada e activa traxectoria vital durante a que, entre outros moitos méritos, tendeu pontes co exilio, fundou a Editorial Galaxia, codirixiu a revista Grial, renovou a Real Academia Galega (RAG) e deixou na cidade a “extraordinaria herdanza” da Biblioteca Penzol.

“Del Riego, entre outros, cederon os seus fondos. Hoxe que Vigo está tan pobre en bibliotecas públicas, ten ó servizo do pobo a mellor e a máis importante sobre bibliografía galega grazas ó seu esforzo, entrega e tenacidade”, apunta Xosé Luís Méndez Ferrín sobre a Penzol.

  • “Consagrou a súa vida á cultura e á democracia; Vigo e Galicia débenlle moito”

    Xosé Luís Méndez Ferrín - Escritor e expresidente RAG

Tamén subliña a súa vertente política, que o levou a unha “durísima” detención e a tres anos de cárcere: ”Foi un home que consagrou a súa vida á cultura e tamén á democracia e á loita contra o franquismo. Non era un intelectual que estivera mirando para as estrelas e os solpores, senón que loitaba pola liberdade de Galicia. E aí destacou”.

Como “home de letras”, Ferrín recorda que Del Riego era un “magnífico orador” , “unha mezcla de Ortega y Gasset e de Otero Pedrayo” que facía gala da súa “presencia senatorial e voz profunda”. E o seu estilo literario, “una das súas potencias”, defíneo como “brillante e eficaz, conciso e didáctico”. “Os seus libros son os más valiosos libros de ensaio sobre literatura ou historia. Vigo e Galicia débenlle moito”, insiste.

Francisco Rodríguez, xunto ó retrato de Del Riego que pintou a súa paisana Julia Minguillón e que forma parte dos fondos doados a Vigo, expostos na Casa Galega da Cultura Alba Villar

Tamén refire o seu labor “constante” na prensa escrita, primeiro en El Pueblo Gallego e despois en Faro de Vigo, de forma moi especial na época en que o dirixía o seu amigo Francisco Leal Insua. “Tamén foi o responsable do reachegamento ó galeguismo de Álvaro Cunqueiro, o seu íntimo amigo. E isto vai unido a un achegamento á cidade nun proceso no que acaba sendo director do periódico. Del Riego estivo aí sempre”, recoñece.

Ferrín apunta ademais que era “moi traballador” e recorda entre risas como lle deu o relevo na presidencia da RAG: “Ata que nos meteu a todos os que estabamos vetados non parou. E conseguiuno pouco a pouco”.

  • “Fue el guerrero del galleguismo. Espero que le dediquen el próximo Día das Letras”

    Ceferino de Blas - Cronista oficial de vigo

Ceferino de Blas, cronista oficial de Vigo, recorda outra das aportacións de Del Riego, a creación do Día das Letras Galegas no 1963: “Espero que la RAG, al unísono, dedique el próximo año a su figura. Por la obra que creó y por su activismo cultural, fue el personaje más importante del mundo cultural gallego durante muchos años. Desde los cuarenta en que llegó a Vigo hasta entrando este siglo. Yo lo califiqué en el libro “Fernández del Riego y Faro de Vigo” como ‘el guerrero del galleguismo’. Repásese su trayectoria y se verá que es cierto”.

Pero De Blas tamén lamenta que a súa figura non goza hoxe de todo o recoñecemento que debería: “Don Paco se quejó en su día de que sus libros, cuadros y apuntes, que constituían su legado al municipio, no eran bien atendidos, y que merecían ser mejor tratados. Veo un paralelismo en aquella queja con lo que está ocurriendo con su figura, que no está siendo recordada como merece. Es cierto que no está atrapada en la ley del olvido, que sigue a la muerte de los personajes importantes, porque su personalidad es tan fuerte que le permite seguir en pie, pero en menor dimensión de la que debiera”.

  • “Todo o que facía obedecía á defensa da causa de Galicia. Foi arquitecto e albanel”

    Manuel Bragado - Editor e escritor

O editor e escritor Manuel Bragado comparte esta reflexión: “O recordo da súa memoria foi moi discreto durante esta década e probablemente datas como esta nos poidan axudar a botar esa ollada a unha das grandes figuras da cultura galega da segunda metade do século XX”.

A súa vida “dilatada e cunha actividade moi intensa” foi “moi marcante” nos ámbitos intelectual, político e cultural. “Os seus méritos poderían ser interminables”, recoñece.

“Foi profundamente político, todo o que facía obedecía á defensa da causa de Galicia. O seu papel no Partido Galeguista tanto durante o periodo republicano como de resistencia cultural durante a dictadura, especialmente no ámbito da Editorial Galaxia e a revista Grial, foi decisivo. E don Paco foi arquitecto e albanel”, aplaude.

Bragado engade a “renovación” emprendida como presidente da RAG e a “herdanza extraordinaria” que supón a Biblioteca Penzol. “É un dos patrimonios culturais máis importantes de Vigo que moitas veces non valoramos o suficiente. Tiven a fortuna de coñecer a don Paco como director e sempre lle pedía axuda documental e de criterio. Gustáballe falar cos novos. Para min é unha figura que me resulta moi cariñosa e a que gardo un enorme respeto”, sinala.

Vigo, engade Bragado, “foi a súa cidade amada dende que chegou coa súa maletiña chea de libros á ca de Valentín Paz Andrade no 1939”. “Foi un home luz e tamén ponte, entre a Galicia da resistencia e a do exilio e entre diferentes xeracións. Sempre me gusta recordar moito que era un xestador de proxectos colectivos e que poucas veces falaba en primeira persoa do singular”, subliña.

Alentaba ós seus amigos a escribir e despois contactaba cos libreiros. “Animou a Cunqueiro a rematar ‘Merlín e familia’ e despois, cando se editou no Faro, facía os paquetes para enviar ás librerías”, revela.

Manuel Bragado tamén apunta a súa faceta de bon vivant: “Gustáballe vivir a vida, comer ben, fumar o seu puro, Cohiba a ser posible, e tomar a súa copa”. E non dubida que don Paco estaría hoxe nas redes sociais: “Escribía a máquina pero presumía de que a Penzol estaba dixilitalizando os seus fondos. Estou seguro de que tería conta en Twitter e qe publicaría os enlaces a todos os seus artigos. Porque o seu afán era compartir”.

  • “Fíxolle moita ilusión ser o primeiro honoris causa da Universidade de Vigo”

    Mª Victoria Carballo-Calero - Historiadora da arte

A esta faceta humana tamén se refire María Victoria Carballo-Calero: “Foi un dos amigos más íntimos do meu pai e viviu alegremente. Daba gusto ir a súa casa e a súa muller Evelina era extraordinaria. Ía todos os días á Fundación Penzol e iso enténdoo perfectamento porque tamén o vivín moi de cerca”.

Del Riego pediulle a ela e a Carlos Casares que fixeran unha publicación para deixar constancia de todos os fondos que doaba á Penzol. “Casares fixo a súa semblanza e sempre insistía nese carácter hedonista, gozador, simpático, querido polos amigos e sempre disposto a axudar”. A portada dese libro é o retrato de Julia Minguillón, que permanece exposto na Casa Galega da Cultura. “El tíñalle moito cariño a esa obra. Ela era esposa de Leal Insua e, como Del Riego, nacera en Vilanova de Lourenzá. Eran moi amigos”, recorda Carballo-Calero, que precisamente fixo a súa tese sobre a pintora.

Tamén foi a impulsora do seu nomeamento como o primeiro doutor honoris causa da Universidade de Vigo no ano 1992. “O reitor era Luis Espada e pareceulle importantísimo. Foi un día glorisoso e Del Riego estaba feliz. Fíxolle moita ilusión a el e a toda a universidade”. Ela foi a súa madriña a igual que o seu pai, Ricardo Carballo Calero, a quen este ano se lle adica o Día das Letras, contestara ó discurso de don Paco cando entrou na RAG. “Tivo moitísimo eco por ser o primeiro e pola súa personalidade. Era moi querido”, recorda.

Compartir el artículo

stats