Vence-lo coronavirus non é doado. Fai falla moita ciencia pero tamén un chisco de humor para afrontar, dentro do que se pode, o drama que avanza. Unha familia numerosa viguesa decidiu facer unha curtametraxe para intentar escachar co riso ó tempo que explica a batalla que se libra co SARS-CoV-2. A peza chámase "Coroapeli".

Está protagonizada por Noa, que nuns días cumplirá seis anos; e polos seus irmáns Iago e Antón que veñen de sopra-las nove velas. No equipo de edición, realización e guión, Lagarto Films, Os Increíbles, Corentena Situation e E algo hai que facer Productions, é dicir, seus pais: Dori Seijo e Alberto Rodríguez.

En pouco máis de sete minutos, presentan a historia dunha "maléfica criatura" que aparece "nun lugar calquera do mundo" de onde cada vez se vai facendo máis forte. Superheroes de todo o globo tratan de poñerlle freo pero ela avanza implacable ata que algo pasa.

Dori Seijo -profesora de Educación Física no IES Escolas Proval de Nigrán- maila súa parella Alberto Rodríguez -que imparte clase no IES Terra de Turonio de Gondomar- puxéronse a traballar nesta peza cos seus tres fillos como resposta ás tarefas no grupo de Whastsapp do colexio dos pequenos. "A verdade é que se lles ocorreu a eles. E un día que estaban moi nerviosos empezamos co traballo de facer unha película", explica Seijo.

Sen dúbida é unha das propostas interesantes para facer na casa cos pequechos nestes días de corentena.