Un ano máis, o Museo Liste adica as actividades destas datas festivas a unha personaxe tradicional do Entroido galego. Nesta ocasión, os elixidos son as madamas e os galáns de Cobres (Vilaboa) e Meira (Moaña), que foron recibidos esta mesma semana no espazo cultural cos seus vestiarios cheos de cor.

Cintas, plumas, pedrería, abelorios e xoias son os fachendosos complementos dunhas roupaxes coidadosamente confeccionadas, que se han de vestir devagariño pola súa complexidade e que poñen a proba o aguante de mozas e mozos: 5 quilos chega a pesar o tocado de madama e dous o sombreiro de galán.

"Para as veciñas e veciños destas parroquias do Morrazo, era todo un honor formar parte das comitivas do Entroido, e así o deixaban saber lucindo todas as súas alfaias e reloxos", explica Isabel Pousada, responsable de Didáctica do museo.

Estes traxes, cedidos pola Asociación Cultural de Cobres e a Asociación Meiramar-Axúxeres de Meira, pódense coñecer estes días na exposición temporal que organiza o Liste co gallo do carnaval, onde comparten espazo con outras manifestacións tradicionais, como os merdeiros de Vigo, os volantes de Chantada, as pantallas de Xinzo ou os peliqueiros de Laza.

Ademais desta mostra aberta ao público en xeral, no museo están a organizar actividades para grupos de asociacións e centros escolares, aos que se sumou unha representación, este mércores 19, dunha madama e un galán de Cobres, que danzaron unha peza tradicional para os alí presentes.

Ao longo destas dúas semanas, pasarán polas súas salas preto de medio centenar de persoas de todas as idades, que ademais de coñecer os segredos do Entroido, teñen a oportunidade de confeccionar o seu propio tocado, con flores e plumas feitas con papel de seda por eles mesmos.

"En Galicia, o Entroido ourensá ten sona internacional. Coñecemos aos peliqueiros, ás pantallas, aos cigarróns€ pero esquecemos outras manifestacións galegas, principalmente porque non foron recuperadas até hai pouco", explica Pousada. Por exemplo, as madamas e galáns de Meira deixaron as rúas nos anos 30 e non volveron saír até 2011. Os de Cobres, que teñen un traxe máis complexo, si que está máis recollidos nos estudos etnográficos.

Non hai que confudir a estas personaxes con outras madamas e galáns que saen a bailar as danzas gremiais durante as festas patronais de moitos municipios do Morrazo. "En Aldán, Hío ou Cangas, saen durante as celebración relixiosas coas súas danzas brancas. En Cobres e Meira non se coñece que se deixen ver noutra data que non sexa o Entroido, aínda que en Darbo si que saen para celebrar a festividade de Santa María e agora tamén se están a recuperar durante o Entroido", apunta a responsable de Didáctica do Museo Liste.