Manoel Soto, ten xa un lugar na historia de Vigo e na miña persoal. Desde o posto de maior responsabilidade municipal, Manuel Soto enfrontou anos difíciles para Vigo. Un concello en quebra, recen saído da dictadura e unha a sociedade viguesa con inumerabeis carencias e demandas no político e no social. Abordou con claros e sombras esta situación, pero sempre coa paixón e vehemencia que caracterizaba todo o que facía e que non impedía que fose un home afable e cortés no trato.

Coñecémonos nos anos 80 do pasado século, cando a mítica loita dos "pases para o bus" situounos fronte a fronte. El, alcalde e eu dirixente estudantil. Dez anos mais tarde, volvémonos topar a cada lado da mesa, cando se negociou o acordo de coalición para a formación do novo goberno municipal saído das eleccións, do que o BNG formaba parte por vez primeira. Manoel Soto liderou da parte socialista as negociacións e demostrou non só a súa capacidade para o acordo e o consenso, senón tamén xenerosidade, coa súa retirada -momentánea- da política municipal, e poñendo fin cunha extraordinaria elegancia aos seus doce anos de alcalde. Volvemos coincidir outra década mais tarde, os dous na corporación; eu agora alcalde e el duro concelleiro da oposición, pero sempre disposto a chegar a acordos pola cidade. En todos estes anos nada impediu que mantiveramos o respecto e a mutua afabilidade e simpatía que sempre nos profesamos; con Manoel era fácil. Desde hai anos e xa na vida privada, compartimos polémica amable con outros moitos amigos e amigas da tertulia O parladoiro.

Hoxe estou magoado, foise un bon e leal vigués, compañeiro de corporación e amigo. Síntome moi honrado de ter compartido consensos e disensos con el. Dóeme non poder compartir con el mais conversas sobre o presente e o futuro da cidade que tanto nos apaixona. Manolo, descansa en paz e que as ondas do mar de Vigo te arrolen, formas parte da historia desta cidade e nela xa brillas con luz propia.

*Exalcalde de Vigo