21 de mayo de 2019
21.05.2019
Elecciones Municipales Galicia 2019 FdV

Xabier Pérez Igrexas, candidato do BNG á Alcaldía de Vigo: "O escenario electoral está máis aberto do que parece"

"A maioría absoluta do PSOE está cimentada nos deméritos da oposición máis que nos méritos propios"

21.05.2019 | 00:45
Xabier Pérez Igrexas, candidato do BNG // Marta Clavero | Marta G. Brea

Con 34 anos, Xabier Pérez Igrexas é o candidato máis novo dos que se presentan ás eleccións municipais. Foi secretario da Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (Favec) entre xuño de 2010 e febreiro de 2013. Nos comicios de 2015 figurou no posto cinco da lista dos nacionalistas vigueses

Xabier Pérez Igrexas é optimista de cara a cita electoral do próximo domingo. Está confiado en que o BNG "vai entrar cunha forza determinante" na corporación municipal despois de catro anos ausente.

-Que sería o primeiro que faría o BNG se consegue entrar no Concello?

-O regreso do BNG vai ser fundamental para acabar con este modelo de xestión política excluínte. Queremos regresar para afrontar os problemas reais da cidade: a necesaria mellora do transporte urbano, máis escolas públicas, atender todos os barrios e parroquias... Imos poñer enriba da mesa todos os problemas da cidade pero contribuíndo con solucións. É o que necesita a cidade e que se botou de menos nestes catro anos: houbo un goberno que non gobernou e unha oposición que non foi capaz de despregar unha alternativa. Temos que poñer en valor que Vigo é moito máis que Abel Caballero.

-Cal é o principal problema que habería que solucionar?

-A situación de emerxencia social, nunha cidade con 61.000 persoas en risco de pobreza, máis de 22.000 persoas en desemprego... É evidente que hai que despregar unha política social efectiva. En Vigo hai máis de 600 persoas sen fogar mentres o albergue só ten 38 camas. Hai dous desfiuzamentos á semana sen alternativa habitacional.

-Cal sería a súa proposta en materia de vivenda?

-O primeiro, que ten que haber un parque municipal de vivenda social. En Vigo hai 18.500 vivendas baleiras. O problema é que a maioría está nas mans de bancos privados, da propia Sareb, de fondos "buitres" e algunhas axencias inmobiliarias. Entendemos que o Concello debe conveniar con esas entidades o dereito de uso desas vivendas.

-Como valora o papel da oposición nestes catro anos?

-A maioría absoluta sentou fatal a esta cidade, pero tamén foi unha oportunidade para poñer a proba ás forzas da oposición. Do PP probablemente ninguén esperaba nada, pero no caso da Marea de Vigo xerou unhas importantes expectativas e boa parte do seu electorado viu esas expectativas frustradas. Frente a un goberno que non goberna, as forzas da oposición non foron quen de propoñer alternativas en positivo. Nun dos últimos debates electorais, vimos a falta de propostas. Un Partido Popular que cada vez que abre a boca Abel Caballero suma cen votos. Esa falta de propostas por parte da oposición explica que a maioría absoluta do PSOE está máis cimentada nos deméritos do contrario que nos méritos propios.

-Comentaba nas últimas semanas que percibía unha maior simpatía cara o BNG na cidade. En que o nota?

-A única forza política opositora ao actual goberno municipal que está en ascenso é o BNG, mentres outras retroceden. Hoxe vemos como persoas que hai catro anos optaron por outras forzas volven mirar cara o BNG. Persoas que nunca nos votaron, agora miran cara nós por termos un proxecto e propostas en positivo. E algo que me ilusiona é ver que moita mocidade que vai a votar por primeira vez, vai apostar polo BNG. Estamos nun momento completamente diferente ao de hai catro anos.

-Unha previsión electoral de cara ao próximo domingo.

-O escenario está máis aberto do que parece. Estou seguro de que o BNG imos voltar estar no Concello, e estou confiado de que imos regresar cunha forza determinante, que non vou estar só. O máis desexable é que non haxa unha maioría absoluta.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Contenido Patrocinado


Infórmate abre sus nuevas instalaciones en Vigo

La empresa, especializada en la preparación de oposiciones, cuenta con otros seis centros más en Galicia donde se forman más de 2.500 alumnos

FaroEduca
Comeza un ano máis o Concurso Illas Cíes no que os nenos e nenas de Vigo nos contan como ven eles as Illas Cíes