18 de mayo de 2019
18.05.2019

Reivindicación da lingua en feminino

Antonio Fraguas compartiu protagonismo con escritoras e galegas destacadas de todos os tempos na homenaxe municipal

18.05.2019 | 01:44
O alcalde, concelleiros e representantes da vida cultural escoitan a Rodríguez ler o bando. // Alba Villar

Vigo celebrou onte o Día das Letras Galegas ligando dúas reivindicacións: a do emprego da lingua galega en todos os ámbitos e a do feminismo. Precisamente, na orixe desta festividade está unha muller, Rosalía de Castro, precursora do movemento na comunidade, tal e como lembrou a escritora e editora Anaír Rodríguez Rodríguez no bando que escribiu para a ocasión.

Así, no acto oficial do Concello, celebrado na Casa da Cultura Galega, o homenaxeado deste ano, Antonio Fraguas, compartiu protagonismo con mulleres destacadas "do seu tempo, cuxa historia nos foi dalgún xeito amputada", como Olimpia Valencia, a primeira doutora galega; Antonia Sanjurjo Aranaz, precursora da práctica do hóckey sobre herba en Galicia e promotora do deporte como axente de empoderamento feminino; ou Ángeles Alvariño, gran oceanógrafa. Rodríguez defendeu a necesidade de seguir afondando na recuperación e divulgación destas figuras, unha labor á que ela contribúe, entre outras cousas, cos seus dous álbumes de "Pioneiras. Galegas que abriron camiño".

Pero a editora de Xerais tamén pediu recoñecer os nomes femininos da literatura galega actual. "Este é o ano das escritoras", citou ao tamén editor Manuel Bragado. "Leámolas. Recomendemos os seus libros. Brindemos por elas", concluiu.

Manifestacións en Vigo, Santiago, O Morrazo e Pontevedra no Día das Letras Galegas. // A. Villar | X. Álvarez | G. Núñez | S. Álvarez


A escolla de Anaír Rodríguez como autora do bando tamén forma parte da reivindicación do protagonismo das mulleres, segundo explicou o alcalde, Abel Caballero. "Unha muller nova que fixo do galego a súa forma de vivir, sentir e escribir. Unha muller que significa o que está a suceder nesta revolución na que as mulleres e o feminismo ocupan o lugar que a historia lles roubou", resaltou.

Lamentou a represión que o galego sufriu durante a ditadura e destacou o papel de "Cantares gallegos" como unha "obra extraordinaria" na que moita xente "viu recoñecida a dignidade que tiña falando a súa lingua". "A patir de aí o mundo virou, a rosa dos ventos repintouse e todos soubemos por onde tiñamos que ir", sinalou.

Extractos deste "poemario fundacional da literatura galega contemporánea e obra cume do Rexurdimento" -como o definiu Anaír Rodríguez- léronse durante o acto, así como outros de textos do maestro, etnógrafo e historiador Antonio Fraguas. Puxéronlles voz os concelleiros do equipo de goberno, membros do club de lectura municipal e destacados representantes do mundo cultural da cidade como o pintor Antón Pulido, o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil Antonio García Teijeiro ou o escultor José María Barreiro.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
No te pierdas el concierto de Los Secretos en Vigo. Sorteamos 10 entradas dobles para asistir al concierto de Álvaro Urquijo y su banda en la ciudad olívica el sábado 25 de mayo, en el Teatro Afundación

Finalizou o Concuro Illas Cíes no que os nenos e nenas de Vigo traballaron para contar como ven eles as Illas Cíes