Vigo celebrou onte o Día das Letras Galegas ligando dúas reivindicacións: a do emprego da lingua galega en todos os ámbitos e a do feminismo. Precisamente, na orixe desta festividade está unha muller, Rosalía de Castro, precursora do movemento na comunidade, tal e como lembrou a escritora e editora Anaír Rodríguez Rodríguez no bando que escribiu para a ocasión.

Así, no acto oficial do Concello, celebrado na Casa da Cultura Galega, o homenaxeado deste ano, Antonio Fraguas, compartiu protagonismo con mulleres destacadas "do seu tempo, cuxa historia nos foi dalgún xeito amputada", como Olimpia Valencia, a primeira doutora galega; Antonia Sanjurjo Aranaz, precursora da práctica do hóckey sobre herba en Galicia e promotora do deporte como axente de empoderamento feminino; ou Ángeles Alvariño, gran oceanógrafa. Rodríguez defendeu a necesidade de seguir afondando na recuperación e divulgación destas figuras, unha labor á que ela contribúe, entre outras cousas, cos seus dous álbumes de "Pioneiras. Galegas que abriron camiño".

Pero a editora de Xerais tamén pediu recoñecer os nomes femininos da literatura galega actual. "Este é o ano das escritoras", citou ao tamén editor Manuel Bragado. "Leámolas. Recomendemos os seus libros. Brindemos por elas", concluiu.

20

Día das Letras Galegas | Miles de persoas saen á rúa en toda Galicia para gritar 'Máis que nunca, Queremos Galego!'

Manifestacións en Vigo, Santiago, O Morrazo e Pontevedra no Día das Letras Galegas. // A. Villar | X. Álvarez | G. Núñez | S. Álvarez

A escolla de Anaír Rodríguez como autora do bando tamén forma parte da reivindicación do protagonismo das mulleres, segundo explicou o alcalde, Abel Caballero. "Unha muller nova que fixo do galego a súa forma de vivir, sentir e escribir. Unha muller que significa o que está a suceder nesta revolución na que as mulleres e o feminismo ocupan o lugar que a historia lles roubou", resaltou.

Lamentou a represión que o galego sufriu durante a ditadura e destacou o papel de "Cantares gallegos" como unha "obra extraordinaria" na que moita xente "viu recoñecida a dignidade que tiña falando a súa lingua". "A patir de aí o mundo virou, a rosa dos ventos repintouse e todos soubemos por onde tiñamos que ir", sinalou.

Extractos deste "poemario fundacional da literatura galega contemporánea e obra cume do Rexurdimento" -como o definiu Anaír Rodríguez- léronse durante o acto, así como outros de textos do maestro, etnógrafo e historiador Antonio Fraguas. Puxéronlles voz os concelleiros do equipo de goberno, membros do club de lectura municipal e destacados representantes do mundo cultural da cidade como o pintor Antón Pulido, o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil Antonio García Teijeiro ou o escultor José María Barreiro.