A axenda cultural da Universidade cumpre 25 tempadas -dous por curso- dende que Iván Ferreiro protagonizou o primeiro concerto en abril do 2005. Dende entón, moitas grandes bandas e artistas pasaron polo campus cando todavía eran pouco coñecidas. O Teatro Vidal Bolaño tamén ten sido escenario das propostas escénicas máis vangardistas e da canteira estudiantil.

-Cando xurde a programación cultural e con que obxectivos?

-Miralles, que naceu para aglutinar e ser parte central do campus, incluía un teatro que había que dotar de contido. E por outra parte, somos unha pequena cidade de dez mil persoas que tiña unha eiva cultural importante. Os inicios foron difíciles pero partimos de tres premisas que a día de hoxe se manteñen. A programación tiña que ser complementaria, non queriamos repetir o que xa estaban facendo as institucións públicas e privadas en Vigo; novidosa pero cunha alta calidade; e relacionada coa formación ó longo de toda a vida en coñecementos, actitudes e valores para os estudiantes e toda a cidadanía que nos rodea.

-Costou convencer a Iván Ferreiro para o primeiro concerto?

-Ó contrario, de feito, voltou anos despois. Iván sempre comenta que ese concerto foi a primeira vez que o seu fillo o puido ver actuar porque o noso horario é ás seis e media da tarde (risas). Que mellor que un artista local e xa moi recoñecido daquela para facer a nosa presentación en sociedade e que a partir de aí nos fora máis fácil, que aínda hoxe non o é,chegar ó maior número posible de xente.

-Foi dos concertos máis multitudinarios nas 25 tempadas?

-Naquela primeira época tivemos a sorte de que houbo unha eclosión de grupos que despois chegaron a ser moi famosos e gran parte deles pasaron antes polo campus. O concerto con máis xente foi o de Love of Lesbian, pero tamén pasaron por aquí outras bandas indie antes de estar de moda como Sidonie ou Lori Meyers. Non podemos acceder ós cachés dos grupos moi consolidados e temos que aproveitar artistas que cremos que van dar o salto ou que están de xira. De todas formas, sempre dicimos que os artistas que veñen a Universidade de Vigo quedan bendecidos. Jorge Drexler gañou o Oscar despois de participar no Concerto de Nadal, o mesmo que Carmen París ou Chévere antes de recibir os respectivos Premios Nacionais.

-Actuacións en horario de tarde e gratuítas, ¿son reticentes os artistas?

-Se miramos a hora dos concertos noutros países pódese ver que os raros non somos nós. Hai artistas que directamente nunca actúan cando a entrada é de balde, pero ó resto sempre lles apetece vir porque é un público moi especial e que lles gosta coidar porque é o que despois vai velos ós festivais. Empezamos bastante en precario, cun escenario moi baixo e un camerino que non era un hotel de cinco estrelas. Pero os artistas ó final valoran máis o calor do público. Por aquí pasou xente coñecida como Antonia San Juan ou Luis Piedrahita e marcharon moi contentos. Sempre lles digo en broma que nos fagan precio cando sexan famosos, pero ningún me fixo caso (risas).

-O orzamento cultural non da para grandes estrelas...

-Ó principio interesaba traer pílulas fortes para que se nos coñecera e aqueles orzamentos non teñen nada que ver cos dos últimos anos golpeados pola crise. Habería que seguir apostando por este programa porque as actividades culturais dan coñecemento, recoñecemento e valoración á Universidade, ademáis de ser formación, na súa vertente de ocio.

-Outra das dificultades coas que lidian é a situación xeográfica do campus, de feito, algunhas actividades xa se fan na cidade.

-Sen embargo, sempre digo que a Universidade daquí non se vai mover e que hai que converter as dificultades en oportunidades. A programación cultural serviu para que moita xente coñecera o campus. Veñen ós concertos ou ó teatro, se sorprenden gratamente e logo voltan de paseo. E ó final, a xente o di, leva menos tempo e é máis barato subir ó campus e aparcar cerca e gratis que ir ó centro da cidade. Tamén facemos actividades en Vigo en colaboración con institucións como o Parque Nacional Illas Atlánticas, que nos cede o Edificio Cambón para o ciclo de cine. E cando teñamos a sede do Berbés tamén levaremos cousas alí.

-Que tipo de actividades?

-O proxecto contempla algunha sala polivalente que podería acoller conferencias, cine e mesmo algún concerto pequeno. Será un chanzo máis na nosa actividade. Dende o 2005 fomos evolucionando e no campus acollimos teatro vangardista e cousas arriscadas que igual non terían acomodo en salas máis clásicas da cidade ou experiencias totalmente novedosas como os concertos na cámara anecoica da Escola de Telecomunicación en colaboración co Sinsal. Nestas 25 tempadas temos un plantel de artistas galegos, nacionais e internacionais bastante importante. Micah P Hinson actuou aquí cando era pouco coñecido en España, tamén os suecos Billie The Vision ou o finlandés Timo Korhonen, ademáis de Leo Bassi ou Chico César.

-Un elemento a destacar é o apoio á canteira musical do campus co programa Ensaiamos.

-É unha das cousas á que máis cariño lle teño porque engloba os obxectivos da Vicerreitoría de Extensión Universitaria. Apoiamos durante todo o ano ás bandas e despois poden exhibir o aprendido nun concerto que chamamos Colleita xogando co viño. E a mellor banda grava unha pequena maqueta na Facultade de Comunicación de Pontevedra. Ten moito éxito e cada ano temos ó redor de 15 bandas.