Poucos saberán a estas alturas como foi de dura a infancia de meu irmán por unha invulgar colección de doenzas, incluíndo o raro episodio de difteria nun ollo, a osteomielite ou tuberculose ósea dun pe, que o fixo camiñar con muletas longo tempo, e un accidente de quirófano -a aspiración de gasolina no lugar de cloroformo durante media hora- que lle colapsou totalmente un pulmón. Esa carencia debeu de ter influencia no conflito cardiorrespiratorio que lle causou unha doce morte namentras durmía.

Por riba de todo, Darío foi un competente cardiólogo.

Noivo formal de Gisela desde 1956, optou por "trasladar a matrícula" de Santiago á Universidade Central de Caracas, onde rematou a carreira, pasando logo por México e, fundamentalmente por Madrid, para aprender alá de Victoria de la Cruz e aquí de Gómez Barros e de Pedro Zarco. Nos dez anos -con interrupcións- que botou en Venezuela, tivo catro grandes amigos: Celso Emilio Ferreiro con Moraima Loredo e Xosé Sesto Novás con Guillermina Vázquez.

Para min é motivo de orgullo a agarimosa lembranza de moitos colegas e de moitos pacientes que se beneficiaron da súa afabilidade.

Decididamente, Darío era un home simpático, que pertencía á especie dos irresistibles. Por iso os amigos da Universidade compostelá o alcumaban de "Darío, el terrible".

Onte pasei pola súa casa. Conseguín que me devolvera algún medio sorriso, inda que estaba xa moi consumido. E agora, sinto, entretecida coa nostalxia, unha morna sensación de acougo polo feito -obxectivamente banal- de terme despedido cunha frase cómplice e críptica: "Hasta logo, Terrible".

Débese saber que Darío era un excelente debuxante e un pintor interesante. A súa primeira -e verdadeira- vocación chamábao por aí. Por iso tentou durante algúns meses o temido ingreso na Escola Superior de Arquitectura.

Curiosamente, xa xubilado ou case, rompeu a escribir e, na estela de seu pai, compuxo dúas novelas policíacas, que lle publicou "Edicións do Cumio": "Sireno" e máis "O fracaso de Lázaro Evia".

D. Darío Álvarez Blázquez publicara dúas novelas de aquel xénero, entre 1938 e 1939, moito despois editadas en galego por Galaxia. O Sherlock Holmes delas era Clayton e o pseudónimo do autor era un anagrama de Darío Álvarez: Lázaro Evia. En 1974 - ¡Cómo pasa o tempo! - participou no certame da novela negra de Gijón, e alí alternou con Vázquez Montalbán e outros autores consagrados.

Como lle compría a un universitario do seu tempo, participou na loita política, especialmente desde 1958 ata o 15 de xuño de 1977. Ámbolos dous nos integramos no Consello da Mocedade en 1963; logo contribuímos á fundación do Movemento Socialista de Galicia e, pola fusión en 1976, fomos incorporados ao Partido Socialista Galego, PSG (que dirixía X.M. Beiras) Cando este servidor pasou a ser Secretario Xeral do Partido Galeguista, PG, Darío axudou tamén no que podía.

Descansa en paz, Terrible Darío, meu irmán maior.

*Irmán do falecido e exdecano dos avogados vigueses