En época de crise, solucións creativas. Cal é o valor das cousas? Por que establecer un valor monetario? A "economía solidaria", na que as persoas intercambian o seu coñecemento e servizos por tempo, faise forte en momentos difíciles. Trátase, en parte, de volver á cultura do troco.

Os bancos do tempo, que nada teñen que ver cos aldraxados valores que simboliza hoxe en día o termo "banco", convértense nunha alternativa que nos permite, non só intercambiar obxectos e servizos, senón tamén aprender e coñecer a outras persoas.

Dise que o tempo é o ben máis prezado, pois quen regala o seu tempo nunca o recupera. Os Bancos do Tempo fundaméntanse na idea de compartilo, pero tamén de recuperalo. O Banco do Tempo de Valadares é un bo exemplo diso. Posto en marcha en 2007, converteuse en todo un referente con case 200 socios dispostos a intercambiar os seus coñecementos, colaborando entre eles e, por suposto, billetes e moedas quedan fóra. Os cartos non valen nada aquí.

Estes curiosos bancos permiten crear unha rede de colaboración e xestión dunha economía alternativa e solidaria, pero moitas veces van máis aló. A responsable do Banco do Tempo de Valadares, Iria Alonso, comenta que "máis que unha economía alternativa, véxoo como unha reunión de xente, polo contacto entre persoas", pois moitos usuarios entenden o banco do tempo como un punto de encontro para coñecer a outra xente, ademais de para atopar axuda.

Como funciona? Os bancos do tempo baséanse na idea de intercambiar servizos pagando con tempo e non con diñeiro. Cando unha persoa necesita do traballo doutra, por exemplo, o vernizado dunha mesa, esta esténdelle un cheque por un valor en horas. A persoa que vernizou a mesa ingresa ese cheque coas horas que gañou e que posteriormente deberá gastar "comprando" outro servizo. Iria Alonso apunta que non se permite que existan persoas que se aproveiten do intercambio ou acumulen demasiadas horas. "A xente entende moi ben que non permitamos o desfasamento entre as horas que teño e as que utilizo, trátase de dar e recibir", apunta.

En definitiva, volvemos á antiga cultura do troco. "En Valadares os veciños que teñen hortas con excedentes, no canto de tirar o que non son capaces de consumir cámbiano por tempo", sinala Iria. Desta forma evítase desperdiciar alimentos e foméntase o intercambio.

Que se pode compartir? De todo. Unha persoa pode apuntarse no banco sinalando que se lle dá ben facer tortas, coser camisas ou escribir documentos oficiais. A cantidade de servizos intercambiables é inimaxinable.

Ademais do Banco do Tempo de Valadares, que funciona de forma independente, o Concello de Vigo ten unha rede de catro bancos repartidos pola cidade que ofrecen obradoiros de inglés, de meditación ou de agricultura ecolóxica, entre outros moitos servizos , instruíndo aos seus usuarios en valores similares.

Outro bo exemplo do rexurdir da cultura do troco son páxinas web como Vigo Troca na que podemos ofrecer ou solicitar servizos e esperar a que alguén se interese e nos ofreza un intercambio. A reciclaxe tamén é un factor diferencial desta nova cultura na que fuxir do consumismo da sociedade actual e, á súa vez, poder axudar a outras persoas. A web "No lo tiro" permítenos colgar obxectos que xa non nos interesen pero que lle poidan ser útiles a outras persoas e así regalarllos. Trátase de recuperar a solidariedade que as veces esquecemos.

O intercambio de tempo, o troque ou os agasallos son algunhas das iniciativas que xorden con forza para esquivar a crise e recuperar o espírito solidario e colaborativo dunha sociedade coa billeteira baleira. Non parece posible vivir sen cartos, pero polo menos podemos compartir os nosos coñecementos, aptitudes e posesións sen gastar un can.