A delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares, recordou que a Xunta está a traballar para conseguir "ter as mellores condicións e conseguir os mellores recursos" para o aeroporto de Peinador e acusou o alcalde, Abel Caballero, de buscar o "enfrontamento" neste tema. Así, indicou que, coa confrontación, "todo o mundo" sae prexudicado.

Molares referiuse este martes á rolda de contactos con axentes sociais iniciada polo rexedor socialista sobre as conexións de Peinador e indicou que o alcalde debería traballar "da man" da Administración autonómica e "xuntos intentar conseguir as mellores condicións" para Peinador.

"En lugar disto intenta enfrontar á cidadanía de Vigo coa Xunta", lamentou, ao tempo que recordou que coa confrontación non se conseguen mellores recursos. "Así perdemos todos", incidiu.

Molares afirmou ademais que o Goberno galego é "o único que custeou voos de baixo custo e mesmo os compromisos adquiridos por outros". Ademais, defendeu o traballo do comité de rutas nun "trato igualitario" dos aeroportos galegos e onde "se tratou de facer unha coordinación" entre os tres.