- A Universiada levantou unha grande expectación, pero o proxecto estaba maduro?

- Si, e vese en que lle gañou a Murcia, que se presentaba por segunda vez. Todos podemos sentirnos orgullosos e Vigo está nestes momento no mapa internacional. Foi visualizado por 170 países. Que faltou? O tempo que outras cidades usaron nas presións, lobbies e contactos internacionais.

- A decisión de optar á de 2015 está tomada?

- En principio si, pero eu non actúo por impulsos persoais. En setembro imos convocar á Plataforma de Apoio á Universiada, e avaliará a candidatura.Van ser os sectores da cidade e as institucións os que tomen a decisión, que espero sexa continuar.

- Houbo unidade política, pero Corina Porro ven de dicir que o gasto foi excesivo.

- Corina Porro xoga a perdedora. Ten dito antes de que soubera que Vigo non gaña que apoiaba sen fisuras o proxecto, e sabía nese momento canto se ía gastar. Agora está sendo absolutamente desleal, porque eu felicitei publicamente o papel do PP neste tema. E estamos a elaborar un informe de expertos que nos vai dicir o retorno económico que tivo a candidatura en publicidade, promoción, e eventos deportivos. Vai demostrar que o diñeiro gastado é moi inferior ao recibido. Porro fai raquitismo político.

- Que pensa da oposición que está a facer o PP?

- Hai luces e sombras. Están crispando e facendo bronca política, e iso non é bo. E hai iniciativas que son positivas. Pídolle que siga a liña de aportación e control. Outra das críticas é que a algúns concelleiros lles falta madurez para respetar ás propias persoas da Corporación.