- Os veciños do Casco Vello cren que o avance é moi lento.

- Son escépticos porque nos últimos anos fíxose moi pouco, pero xa hai a percepción de que o Casco Vello se move. Creno polos investimentos millonarios, porque estamos na rehabilitación de máis de 50 edificios, instalarase o Rexistro da Propiedade e a sé do Parque Nacional, imos humanizar rúas, utilizar seis pisos para realoxos en vivendas en estado ruinoso, está rematado o concurso para unir a accesibilidade entre a parte baixa e alta, e xa temos as licencias para reconstruír O Berbés.

- Cando se poderá ver O Berbés renovado, e A Ferrería recuperada?

- Xa hai actuacións. Abeleira Menéndez está practicamente toda comprada, e na Ferrería fanse actuacións. Sempre dixen que nesta lexislatura ten que darse o impulso definitivo ao barrio, aínda que queden obras por concluir. Necesitaremos seis sete anos para que estea todo feito.

- ¿Para cando a ampliación do Ifevi?

- Cando chegamos ao Ifevi había unha débeda de 3,5 millóns da última ampliación. Xa está pagada, saneámolo, puxemos en marcha a nova nave e haberá gradas retráctiles. Agora iniciamos unha nova fase e esperamos que novos patronos, con aportacións millonarias, nos permitan a ampliación da nova nave e o aparcamento. As negociacións están avanzadas e pecharémolas nos próximos meses.