Pilar Mera / A coruña

Había moitas esperanzas postas nela, pero a biorremediación non foi tan efectiva como se pensara para limpar o fueloil que verteu o Prestige hai xa cinco anos. O método consiste en botar nas zonas manchadas bacterias capaces de diluír e desfacer, pouco a pouco, os hidrocarburos. Pero o chapapote que levaba o Prestige era demasiado viscoso e denso para ser degradado polos microorganismos cos que se experimentou no Parque Nacional Illas Atlánticas. Con todo, durante a limpeza da marea negra descubríronse en Galicia outros métodos, como o uso de aceites dispersantes e mesmo biodiesel, que si puideron co negrume do Prestige.

Alí onde hai hidrocarburos, hai tamén bacterias capaces de disolvelos. É un proceso natural que se observa, por exemplo, na ría da Coruña, onde os residuos da refinería e do tráfico marítimo xeneran unha altísima concentración destes microorganismos. A biorremediación consiste en acelerar a degradación natural dunha vertedura de petróleo engadindo bacterias ou nutrintes que potencien o seu crecemento.

Este método, que xa se probara con éxito na marea negra do Exxon Valdez (Alaska, 1989), experimentouse tamén para limpar as rochas da costa galega que o Prestige ennegreceu hai cinco anos. Pero os resultados non foron os esperados. O director dun deses experimentos, Juan Garrido, que probou a engadir bacterias na praia coruñesa do Sorrizo (Arteixo), concluíu que a eficacia deste método, no que a comunidade científica tiña postas moitas esperanzas, é "nula" no litoral.

As razóns de que o biorreforzo non funcionara para a marea negra do Prestige e si noutros casos de verteduras son variadas. Por unha parte, o fueloil que levaba o petroleiro que afundiu en novembro de 2002 fronte ás costas galegas era demasiado denso e viscoso para ser desfeito polas bacterias. Era un tipo de hidrocarburo moito máis pesado co do Exxon Valdez ou o do Mar Egeo -cando este petroleiro encaiou fronte á Torre de Hércules en 1992, as bacterias presentes na ría fixeron o seu traballo e degradaron boa parte do fuel vertido-. Ademais, o litoral máis afectado polo Prestige, na Costa da Morte, está moi exposto aos temporais e ás batidas do mar, polo que era moi complicado fixar nas rochas as misturas de bacterias coas que se regaban ou impregnaban as zonas manchadas. Mentres na terra a biorremediación si resulta moi eficaz, os cantís e coídos de pedra -os lugares nos que se probou o método cando o Prestige- son medios moi pouco fértiles para o crecemento de microorganismos, e os cambios de temperatura, luz e mareas que afectan ao litoral, moi diferentes en cada praia, impiden dar cunha solución permanente e útil en todos os casos.

"A adición de bacterias non serve para nada", conclúe Garrido. "Non paga a pena sementar bacterias, non hai maneira de cultivar microorganismos nunha pedra", engade Miguel Anxo Murado, director do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (adscrito ao CSIC), o organismo que fixo as primeiras probas de biorremediación en Galicia, a partir de 2003, nas illas de Ons e Sálvora, no Parque Nacional Illas Atlánticas. Unha vez comprobado que mollar os penedos con bacterias -algunhas delas cultivadas no laboratorio, outras deseñadas por empresas petroleiras- apenas melloraba a degradación natural do fuel, o equipo de Murado experimentou outro sistema diferente, aínda que tamén se inclúe no campo dos biorremedios: en lugar de engadir bacterias, deseñaron un composto con nutrintes (fósforo e nitróxeno), que fan que os microorganismos que xa se encontran no medio se fixen e actúen máis rápido.

Foi este composto, misturado con aceites que se adhiren ás rochas, o que si deu resultado e se acabou exportando ao resto da costa galega. Así, desde febreiro de 2004 o Ministerio de Medio Ambiente aplicouno con éxito a cantís e boleiras seleccionados previamente e situados, sobre todo na Costa da Morte: desde Ribeira até Malpica. En total, aplicáronse métodos de bioorremediación en 5,6 hectáreas.

Con todo, para Medio Ambiente e o Centro para a Recuperación da Costa a biorremediación sempre foi unha alternativa a outros métodos de limpeza moito máis eficaces: a recollida manual do fuel e, logo, o lavado a presión.