Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | José López Campos Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

«Unha base de datos permitirá ao paciente elixir que seu médico o atenda en galego»

A proposta do plan de normalización lingüística buscan xerar estímulos positivos, lonxe de impor medidas drásticas que poden ter o «efecto oposto»

«Máis alá da relación coa Alcaldía, a implicación da Xunta con Vigo é incuestionable»

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. / Xoán Álvarez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Santiago

Case dous anos despois de se coñeceren os datos máis recentes sobre o uso do galego, que revelaron que só arredor do 7% dos cativos fala sempre na lingua propia, a Consellería de Cultura e Lingua vén de entregar no Parlamento a proposta do novo plan de normalización, con case 700 medidas para que a poboación volva «namorarse» do idioma. O conselleiro, José López Campos, debulla para FARO DE VIGO algunhas das súas cuestións máis relevantes, especialmente nos eidos educativo e sanitario.

O IGE está a facer unha nova estatística sobre o galego para 2028: a Consellería cuestionou a metodoloxía e pouco despois o instituto pasou a depender de Presidencia. Vai cambiar de metodoloxía para matizar os resultados?

Matizar os resultados non é o obxectivo. Ningunha comunidade fai preguntas indirectas nos estudos lingüísticos porque non teñen tanta eficacia. Aquí facíase por tradición, pero sábese que a información que dá moitas veces non se corresponde exactamente coa realidade. O que lle trasladamos ao IGE é que axustase a enquisa, primeiro, ás preguntas que nos acheguen a información que realmente nos interesa para coñecer a situación real, e tamén que teñan unha fidelidade máxima. Hai cuestións que ao mellor se limitan ou modifican no caso de 0 a 15 anos, e no resto o que nos interesa é poder ter algo homoxéneo e poder comparar con anos anteriores. Están traballando no proceso, pero non temos esa información.

Que se considerarían uns bos resultados do novo plan, de ter obxectivo numérico?

Non nos marcamos obxectivos cuantitativos, o que si temos que conseguir é a transmisión xeracional. É onde hai que aplicar medidas de estímulo positivo para que a xente se volva namorar do galego. Isto, aínda que está no debate político, é unha cuestión social: a lingua é do pobo, é da sociedade, e todos temos unha responsabilidade colectiva.

No documento critícase que a política lingüística de antes de 2004 pecaba dun «voluntarismo disperso». Lendo as medidas, boa parte segue dependendo da vontade allea, que pasa se non é suficiente?

Falamos de voluntariedade ou falamos de liberdade? Nós buscamos medidas de estímulos favorables. Nos procesos de reversión de tendencias, non por ir máis rápido ou por tomar medidas máis drásticas se consegue o que se quere. Ao contrario, á veces aplicar medidas drásticas provoca o efecto oposto. Non creo que a imposición nos garanta uns resultados máis favorables.

En Sanidade, o programa Consulta en Galego informaría sobre a posibilidade de ser atendido en galego na Atención Primaria. ¿Cómo funcionaría? ¿Sería voluntario?

O estatuto de autonomía establece que a lingua dos servizos ten que ser o galego, e nós imos insistir con campañas de concienciación en que se debe facer un esforzo por facer o primeiro contacto co administrado en galego. Esta proposta o que busca é crear unha base de datos na que as persoas que estean en condicións de empregar habitualmente o galego poidan estar perfectamente localizadas para que o paciente poida elexir que o seu médico o atenda en galego. Normalizar o idioma na sanidade, con medidas como o cambio do idioma dos letreiros ou que a documentación estea en galego, igual que na xustiza, prestixia moito o uso da nosa lingua. O plan non baixa ao detalle e habería que desenvolvelo a través dun decreto, pero sempre desde a filosofía de non crear unha fenda entre os que falan galego e os que non. Temos que facelo dunha forma que sexa atractiva e de participación voluntaria para que sirva de estímulo.

O mércores celebraba que por primeira vez un galego poderá facer o proceso xudicial 100% en galego, é un gran avance.

Era unha das grandes aspiracións que sempre tivo xa non só a Xunta, senón todas as entidades do sector, pero non era sinxelo porque a plataforma anterior non permitía o uso bilingüe e non estaban garantidos os dereitos lingüísticos. O proceso foi complexo, hubo moitas negociacións, e conseguimos que Ministerio trasladase á Xunta, a través da Amtega, o novo sistema procesual Atenea, e nós asumimos a responsabilidade de converter unha plataforma en castelán nunha bilingue para poder ter o acceso prioritario en galego. Calquera persoa poderá escoller libremente facer calquera proceso en galego ou en castelán. Xa se está traballando niso, as novas que nos chegan son esperanzadoras e espero que tan pronto estea implantado poida estar en formato bilingue.

A proposta contempla negociar o uso do galego nos currículos educativos. ¿Poderían mudar as porcentaxes de materias impartidas en galego e castelán?

Na educación, para establecer algunha fortaleza a maiores fálase da posibilidade de facer axustes no decreto, seguidos dun proceso de diálogo e unanimidade das forzas políticas. O que non se cuestiona é o modelo de equilibrio lingüístico, pero nestas condicións estamos abertos a unha negociación se as forzas políticas somos quen de chegar a un axuste da norma.

Se eliminar as limitacións no uso do galego nas materias de ciencias é unha recomendación europea, por que queda supeditada á unanimidade política?

Porque é unha norma aprobada que está blindada, e para poder modificala entendemos que debe ser así. Ademais, formacións como o PSdeG condicionaron moitas cuestións a dous aspectos fundamentais: o recoñecemento do galego en Europa e a liberación das materias científicas. O documento deixa abertas estas dúas posibilidades, e creo que se dan dúas condicións que son de peso suficiente como para que nos sentemos a negociar, cando mínimo. Na proposta nós asumimos a obriga de movernos na nosa posición, e o mínimo que pedimos cando tendemos a man é que o resto de formacións políticas se movan para intentar chegar a un acordo, por eso falamos de unanimidade. Non nos planteamos outro escenario, pero dependendo de como vaia o proceso evidentemente haberá un plan B e o goberno tomará posición en todas estas cuestións. Por agora necesitamos agotar todas as vías posibles e imposibles de diálogo.

En que estaría disposta a ceder a Consellería, por exemplo no caso do BNG que reiteraba a súa petición de derrogar o decreto de 2010.

Isto non é unha cuestión de caza maior. Parece que á veces se poñen condicións incumplibles para non poder falar do resto, pero este é un documento moi amplo e coido que hai que ter un mínimo de respecto e entender que estamos ante algo importante. Facer una maniobra reduccionista para decir que ou derrogas o decreto ou non hai negociación é situarse nunha posición excesivamente extrema. Neste documento hai xestos importantes e posicións que se moven e o mínimo é sentarnos a falalo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents