Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Día das Letras Galegas

Escritores novos que escollen o galego como territorio literario

Neste Día das Letras Galegas poñemos o foco nos autores mozos que se decantaron pola nosa lingua na súa escrita

Falamos con Ismael Ramos, Sica Romero e Carlos Lixó, tres escritores que demostran que o uso dun idioma minorizado e minoritario non impide desenvolver unha carreira exitosa

Sica Romero, Carlos Lixó e Ismael Ramos nunha fotomontaxe

Sica Romero, Carlos Lixó e Ismael Ramos nunha fotomontaxe / CEDIDAS

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Alba Prada Estévez

Neste Día das Letras Galegas queremos celebrar aos autores novos que escriben na nosa lingua, a esos aos que, dada a súa curta idade, aínda lles quedan moitos anos por diante durante os que deleitarnos coas súas palabras. Queremos enxalzar aos mozos que dende o comezo das súas carreiras escolleron o noso idioma e que demostran que apostar por unha lingua minoritaria e minorizada non implica un menor éxito cando o talento de quen a usa é innegable. Os celebrados e galardoados autores Ismael Ramos (Mazaricos, 1994), Sica Romero (Carnota, 1995) e Carlos Lixó (Ribeira, 1991) son tres perfectos representantes dos escritores novos comprometidos co galego e recoñecidos a grande escala.

1. Ismael Ramos

O escritor e docente Ismael Ramos, que acaba de gañar o premio O. Henry polo seu relato A lebre, traducido ao inglés por Jacob Roggers e publicado na revista ‘The Common’, asegura que para el optar polo galego como lingua literaria é o natural: «Falaba sempre en galego e o lóxico era escribir en galego. Non foi ata máis tarde, no final da adolescencia que tomei conciencia de que escribir en galego era, coma todo, un acto político, pois supuña enfrontar os prexuízos que existen contra a lingua e tamén unha parte da sociedade e das institucións que traballan para que o seu uso sexa residual ou desapareza», explica o autor. Ramos considera que escribir na nosa lingua supón un acto de «recoñecemento e resistencia». Opina que as novas xeracións viven coa preocupación de que desapareza ao ser conscientes de que o seu uso é minoritario entre a xente máis nova. «É imposible quedar de brazos cruzados. Escribir en galego di algo sobre min e sobre os que me ensinaron a falalo, sobre todos aqueles que sostiveron e sostemos esta lingua ata hoxe», reivindica.

O docente e escritor Ismael Ramos

O escritor e docente Ismael Ramos / CEDIDA

Na súa premiada carreira, que ata o momento se centrou na poesía (a excepción do seu último traballo, o libro A parte fácil do que forma parte o relato A lebre), influíron moitas recoñecidas voces galegas. «Eu empecei a escribir da man da lectura das poetas galegas dos 80 e os 90 como Ana Romaní, Pilar Pallarés, Yolanda Castaño, María Lado ou Olga Novo. Foi tamén determinante a literatura de Xosé Luis Méndez Ferrín, para min o grande escritor galego do noso tempo», explica.

«Eu empecei a escribir da man da lectura das poetas galegas dos 80 e os 90 como Ana Romaní, Pilar Pallarés, Yolanda Castaño, María Lado ou Olga Novo. Foi tamén determinante a literatura de Xosé Luis Méndez Ferrín, para min o grande escritor galego do noso tempo»

O poeta aproveita para denunciar que a industria editorial trate de converter a literatura en galego nun subxénero, tema ou sección «en lugar de considerala en pé de igualdade co resto da literatura escrita en español ou traducida ao español coa que convive nas librarías», sentencia.

Ismael Ramos é o perfecto exemplo dun escritor novo comprometido coa súa lingua que logrou éxito internacional apostando por unha lingua minorizada. Aparte do O. Henry, Ramos gañou o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández en 2022 polo poemario Lixeiro e o Premio Johán Carballeira de Poesía en 2015 por Os fillos da fame, entre outras distincións.

2. Sica Romero

Esta escritora e guía de museo dábase a coñecer co éxito da súa novela Avelaíñas eléctricas (2022) coa que gañou o Premio Arcebispo Juan de San Clemente de novela galega 2023-2024. Un dos aspectos máis destacados desta apreciada obra é a súa sólida aposta pola diversidade dialectal, xa que Sica fai uso do galego da Costa da Morte, con seseo e gheada. Romero desvela a este xornal que escribir en galego é o que lle nace de forma espontánea: «Probei en ocasións a escribir cousiñas en castelán, mais sáeme de maneira máis natural e fluída facelo na lingua materna. É así como podo expresar plenamente o interior dos meus personaxes e facer que se sintan vivas, o que me resulta máis real que a versión castelanizada destas», explica.

A escritora e guía de museo Sica Romero

A escritora e guía de museo Sica Romero / CEDIDA

O galego forma parte da súa identidade. É cultura, pero tamén é a lingua dos afectos: «Sempre quixen e me quixeron en galego, polo que imaxino que di bastante de quen son». Foi a súa mestra Susa a persoa que máis a marcou á hora de desenvolver a súa carreira literaria e é a ela a quen este 17 de maio lle quere mandar unhas palabras de agradecemento: «Dedicou a súa vida ao ensino dentro e fóra das aulas. E foi fóra destas, en parte grazas ao teatro, onde me impulsou a crear con palabras e desde dentro, desde o que realmente importa», di.

«Sempre quixen e me quixeron en galego, polo que imaxino que di bastante de quen son»

Con respecto ao valor que as novas xeracións lle dan a preservar a lingua propia, Sica considera que, de forma xeral, a maioría ten unha postura positiva cara a lingua. Non obstante, cre que coexisten dous extremos: por un lado, aqueles que «loitan por destruír estereotipos errados sobre a lingua e que mesmo, tras seren educados en castelán, fan esa mudanza idiomática ao galego» e, por outro, «tamén existe unha contraparte que se afixo aos discursos linguófobos, en ocasións percibidos como lóxicos e lexítimos», sinala.

Sica Romero, ao igual que Ismael Ramos, denuncia que a industria editorial «trate os libros en galego como un xénero en si mesmo, unha idea fomentada especialmente nas grandes cadeas libreiras», afirma. «Mais dentro desta industria tamén existe un circuíto que coida do propio. Para min, un exemplo marabilloso é a comunidade de bookstagrammers que fan unha divulgación con gran alcance, moitas veces maior á que podemos facer as propias escritoras e editoras», apunta.

3. Carlos Lixó

Carlos Lixó é doutor en Historia medieval e traballa como profesor de Xeografía e Historia no ensino secundario. Ademais da súa actividade académica, desenvolve unha importante traxectoria literaria en galego. De feito, o seu poemario As casas foi recoñecido en 2017 co Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé. Recentemente publicou Rastros, unha obra na que continúa explorando temas relacionados coa experiencia persoal, a memoria e o contexto social.

Para Lixó o uso do noso idioma marcou e marca tanto a súa obra literaria que directamente afirma que si non existise o galego, seguramente el non escribiría: «Comecei a falar galego en 6º de primaria, de forma consciente, cando reparei en que era raro que meus pais e a miña contorna o falasen e eu non. Para min foi un shock. Que está a pasar? Por que o mundo non está ordenado? Eu pertenzo ao bando de Paulina Rubio e da xente rica da tele ou ao dos rapaces máis salvaxes da miña clase que van polas tardes pescar?», conta. «Sen provir dunha familia politizada, en 2º da ESO escribín un relato futurista inspirado en Son Goku e nunha guerra de independencia de Galicia. Perdíamola».

O escritor e docente Carlos Lixó co seu último traballo

O escritor e docente Carlos Lixó co seu último traballo / CEDIDA

Facer uso do galego na súa escrita significa para el poñer as forzas ao servizo «dunha construción colectiva incrible e milenaria que é a cultura galega, neste caso desde a literatura e desde o meu desexo persoal de escribir», sinala. Neste punto, o escritor quixo facer referencia á autora á que hoxe se lle dedica o Día das Letras: «Faime sentir moi ben escoller ese camiño, canda moitas das persoas que máis admiro. Penso por exemplo en Begoña Caamaño, que dicía que escribir en galego dignifica as autoras e autores porque coidando algo tan fráxil e fascinante como a nosa lingua, poñémonos do lado de todos os outros pobos do mundo cuxas linguas tamén son minorizadas e atacadas».

«Faime sentir moi ben escoller ese camiño, canda moitas das persoas que máis admiro. Penso por exemplo en Begoña Caamaño, que dicía que escribir en galego dignifica as autoras e autores porque coidando algo tan fráxil e fascinante como a nosa lingua, poñémonos do lado de todos os outros pobos do mundo cuxas linguas tamén son minorizadas e atacadas»

Os referentes que o marcaron no arranque da súa carreira literaria foron Castelao, por ser unha persoa que desenvolveu ao máximo a súa potencia creativa sen deixar de loitar polas causas xustas e Álvaro Cunqueiro «pola capacidade de penetrar na nosa forma de ser, no noso humor e na nosa sensibilidade, e conectala coa máis alta cultura europea». Lupe Gómez e Berta Dávila son outras autoras que tamén influíron na súa escrita.

Finalmente, o autor quixo poñer o foco nunha serie de factores que están a prexudicar o galego. Por unha banda, considera que a autoprodución e as redes sociais xeran a idea de que «é menos importante o interese ou a calidade do que se escribe que o alcance que teña en internet ou os vínculos que consigas crear en certos ambientes». E por outra, critica a insistencia en facer libros en bilingüe galego/castelán, ou libros en castelán con expresións en galego. «A sensación que me dá é a mesma que a do acento falso que poñen en series como Fariña: caracterizar algo superficialmente como galego para vendelo no mercado español», explica.

Fuente: El Correo Gallego

Tracking Pixel Contents