Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

TIC

Contos personalizados para mestres que queren ensinar mellor aos nenos

Tres estudiantes da UVigo, premiados polo Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia por desenvolveren unha plataforma educativa deseñada con IA

Anxo Lameiro, Marcos Matínez e Alejandro Sirvent.

Anxo Lameiro, Marcos Matínez e Alejandro Sirvent. / FDV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carmen Villar

Carmen Villar

Santiago

Que o profesorado de Infantil e Primaria poida xerar con intelixencia artificial (IA) contos personalizados en segundos, facilitando así a aprendizaxe do alumnado «sen aumentar a súa carga de traballo» e ao mesmo tempo aumentando a motivación dos pequenos é o obxectivo da plataforma web Loomi, que acaba de ser recoñecida polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co premio á Innovación Tecnolóxica no Ensino.

A plataforma é resultado do traballo de tres estudantes de 22 anos da Universidade de Vigo, os tres vigueses, Anxo Lameiro, Marcos Martínez e Alejandro Sirvent, que recollerán en Santiago a distinción na celebración da «XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia» o vindeiro 12 de xuño. Lameiro cursa Enxeñaría Informática na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense e Martínez e Sirvent están formándose en Bioloxía en Vigo.

Foi Marcos Martínez quen impulsou o desenvolvemento inicial do proxecto, xa que ten un irmán pequeno ao que adoitaba axudar a estudar. Nese proceso descubriu que ao seu alumno lle axudaba apoiarse en historias do seu interese, o que facilitaba gañar a súa atención. Foi o seu compañeiro Alejandro Sirvent quen viu na idea un potencial real e xuntos idearon a plataforma, coa intención de poder «transformar a forma na que se entende actualmente a docencia», «potenciando o interese do alumnado nas leccións ao achegalas ao seu mundo», segundo explican dende o CPEIG nun comunicado. Coa pata tecnolóxica, fornecida por Anxo Lameiro, concluíron que o que no pasado resultaría inviábel agora a IA permitía desenvolvelo e só cun portátil e un equipo «motivado».

Como funciona Loomi?

Que fai Loomi? Os seus promotores explican que lle permite aos mesteres transformar contidos curriculares en historias ilustradas e personalizadas «en segundos». Ademais, resaltan, funcionan dun xeito moi doado: o docente só ten que introducir os parámetros dos conceptos que quere explicar, a idade dos pupilos e as metas de aprendizaxe, e a IA xera un contido adaptado a ese contexto concreto. «Non todos os nenos e nenas aprenden igual, e Loomi permite ao profesor personalizar os contidos sen que iso lle supoña máis tempo nin carga de traballo, ademais de reducir a fenda de resultados. E para o alumnado aporta historias adaptadas ao seu nivel, intereses e contexto, o que pode aumentar a súa motivación e facilitar que entendan e reteñan mellor os contidos», indican os tres mozos. De feito, un dos modos de creación conta cun apoio guiado paso a paso para que «calquera profesor poida crear contido adaptado de forma intuitiva e xerando o conto final en moi pouco tempo».

Con todo, os seus potenciais usuarios terán que agardar aínda un pouco para a súa implantación na aula, dado que Loomi se atopa en fase de desenvolvemento. Os tres socios xa están en contacto con institucións educativas para facer estudios preliminares que permitan afinar o produto cara a futuros pasos profesionais.

Programa piloto

«A nosa folla de ruta é clara, comezar co programa piloto para o vindeiro curso. Unha vez consigamos unha validación real en base ás métricas de retención, uso e mellora do desempeño do alumnado, comezaremos coa etapa de tracción inicial no mercado», explican, e entre os destinatarios do produto non só están docentes, senón tamén pais e nais que se queiran implicar na educación dos fillos con esa ferramenta.

Para o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, este proxecto «combina innovación, talento novo e unha visión profundamente humanista da intelixencia artificial, demostrando que Galicia conta cunha xeración de profesionais capaces de crear solucións tecnolóxicas con impacto real na sociedade». «Loomi aposta por un uso responsable e útil da intelixencia artificial, e evidencia que a tecnoloxía non debe entenderse como un substituto do labor docente, senón como un facilitador que axuda a enriquecer os procesos educativos, a personalizar o ensino e a achegar novos recursos tanto ao profesorado como ás familias», asegura.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents