Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lingua galega na ciencia

Onde están os científicos galegos de TikTok?

Un estudo do Consello da Cultura Galega (CCG) alerta do retroceso da divulgación científica en galego nas redes e reclama máis recursos para gañar visibilidade nun eido onde medran a pseudociencia, o negacionismo climático ou os discursos antivacinas

Presentación do informe, con Manuel Vicente, Rosario Álvarez, Elena Vázquez Cendón e Iolanda Casal.

Presentación do informe, con Manuel Vicente, Rosario Álvarez, Elena Vázquez Cendón e Iolanda Casal. / CCG/ Tere Navarro

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Elena Ocampo

Elena Ocampo

Vigo

A ciencia en galego ten talento, institucións, medios e experiencias de éxito. O que aínda non ten é unha presenza sólida, estable e competitiva no territorio que hoxe é unha parada diaria de boa parte da cidadanía: Instagram, TikTok, YouTube ou as plataformas de pódcast. Esa é unha das conclusións do estudo A divulgación científica en galego nas redes sociais, elaborado por Iolanda Casal e Manuel Vicente para o Consello da Cultura Galega (CCG).

«O algoritmo non xoga nin a favor da ciencia nin do galego», advertiu Vicente na presentación do documento, que constata un devalo da proxección da divulgación científica na lingua propia nun momento no que as redes esixen cada vez máis produción, máis especialización técnica e máis capacidade para adaptarse a formatos cambiantes. O informe parte dun diagnóstico claro: as redes xa non son simples canles para distribuír contidos creados para webs ou medios tradicionais. Son ecosistemas pechados, gobernados por algoritmos que penalizan as ligazóns externas, favorecen o consumo infinito e premian os formatos nativos, sobre todo o vídeo curto.

Oferta masiva de desinformación e pseudociencia

Nese escenario, a divulgación científica compite en desigualdade cunha oferta masiva de entretemento, desinformación e pseudociencia. Renunciar a ese espazo, conclúen os autores, tampouco é unha opción. O propio estudo sinala que «semella imposible e pouco acertado renunciar á visibilidade que outorgan» as redes para a información de calidade e para a ciencia.

As universidades galegas e o CSIC en Galicia aparecen como actores imprescindibles, pero tamén como estruturas tensionadas. A USC, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo e a Delegación do CSIC manteñen actividade nas principais plataformas e impulsan proxectos divulgativos, moitos deles en galego.

O problema non é só técnico. É tamén estratéxico e lingüístico. O informe constata que nas marcas principais das universidades o galego mantén unha presenza maioritaria nos contidos divulgativos, pero esa aposta dilúese en moitos centros de investigación, onde o castelán e mesmo o inglés desprazan con frecuencia a lingua propia. Os autores cuestionan que esa escolla garanta maior alcance: moitas desas contas teñen comunidades reducidas e interaccións modestas. Fronte a esa inercia, propoñen entender o galego non como límite, senón como valor diferencial.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, situou o debate no cruzamento entre dúas prioridades da institución: «Nesta presentación xúntanse dous intereses e preocupacións da institución, como son a lingua e a ciencia». Pola súa banda, Elena Vázquez Cendón resumiu o desafío cunha imaxe contundente: «O algoritmo é o coitelo do século XXI e, en función de como o usemos, podemos cortar os alimentos cos que nos alimentamos ou mancarnos».

Onde o diagnóstico se volve máis preocupante é no campo dos creadores independentes. Galicia conta con divulgadores de proxección estatal, como Nacho Roura, Déborah García Bello ou Tamara Pazos, mais a súa actividade principal nas redes desenvólvese en castelán. En galego, o informe identifica proxectos valiosos, pero tamén unha perda de vitalidade respecto de hai un lustro, especialmente tras a deriva de Twitter/X e a desaparición ou parálise de iniciativas vinculadas a Twitch, YouTube ou outras plataformas.

Creación dixital en galego

Non faltan exemplos de éxito na creación dixital en galego: Rogelio Santos Queiruga, Fátima Barros, Nuska Chousa ou perfís vinculados á historia e á cultura demostran que a lingua pode conectar con públicos amplos. Pero o estudo subliña unha ausencia significativa: non existe aínda unha xeración consolidada de influencers científicos en galego con capacidade de marcar axenda nos novos formatos.

As propostas son concretas: reforzar equipos de comunicación, mellorar as condicións laborais do persoal que divulga, formar persoal investigador e alumnado en narrativas dixitais, apoiar economicamente creadores independentes, crear repositorios de contidos, incorporar reels e pódcast ao Proxector, reclamar á CRTVG formatos breves de ciencia nas redes e aproveitar a conexión co ámbito lusófono. Tamén se pide ás grandes plataformas a incorporación plena do galego nas súas ferramentas publicitarias e de intelixencia artificial.

A conclusión é nítida: a ciencia en galego necesita unha estratexia pública para gañar sitio no algoritmo e máis recursos. Nun espazo onde medran a pseudociencia, o negacionismo climático ou os discursos antivacinas, non se trata só de defender unha lingua.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents