Premios
CCOO Galicia entrega os Premios 10 de Marzo a Samuel Kwesi, a maxistrada Paz Filgueira e o sindicalista Xosé Lamela: «Representan a dignidade do pobo galego»
A secretaria xeral Amelia Pérez destaca que «nunca deixa de loitar» e reivindica o seu exemplo

Os Premios 10 de Marzo de CCOO, en imaxes / Xoán Álvarez
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a súa Fundación entregaron este sábado en Santiago os Premios 10 de Marzo, que neste 2026 chegan á súa 35.ª edición, ao mariñeiro Samuel Kwesi Koufie, á maxistrada Paz Filgueira Fernández e ao dirixente sindical Xosé Lamela Cacheiro. A secretaria xeral, Amelia Pérez, gabou as súas traxectorias e dixo deles que representan a dignidade dun pobo, o galego, «que nunca deixa de loitar». «Mentres haxa persoas coma estas, mentres haxa quen erga a súa voz, seguiremos construíndo unha Galicia máis xusta», engadiu.
Tras recoller a súa estatuíña, Xosé Lamela —«sindicalista de zapato», como o definiu Amelia Pérez— expresou o seu agradecemento por un premio que dixo non merecer porque, argumentou, os dereitos conquírense coa loita colectiva. De feito, dedicou boa parte do seu discurso a lembrar o traballo de compañeiros e compañeiras cos que pelexou contra a ditadura e cos que, logo, levantou as Comisións Obreiras na comarca do Barbanza. «Acompañáronme e acompañeinos na loita», resumíu. Pola súa banda, a maxistrada Paz Filgueira reivindicou ás mulleres, tantas veces esquecidas, que loitaron polos seus dereitos, tamén no ámbito laboral, e clamou por rematar dunha vez coas fendas de xénero que aínda persisten. Ademais, reclamou que se recoñeza a labor reprodutiva das mulleres: «A man de obra gratis non é», aseverou.
O último en recoller o seu premio foi Samuel Kwesi, sobrevivente do naufraxio do Villa de Pitanxo, que fixo un emocionante discurso en lembranza dos seus compañeiros falecidos. Tamén dedicou o galardón aos mariñeiros do Playa de Menduíña 2, cos que navegou ata terra despois do seu rescate. «Como vou calar?», preguntouse tras lembrar algunhas das súas últimas conversas no barco naufragado e tamén dos ánimos que lle deu un dos mariñeiros que morreu na propia balsa de salvamento.

Os Premios 10 de Marzo de CCOO, en imaxes / Xoán Álvarez
Samuel Kwesi reclamou mellores condicións para os mariñeiros. «Fumos ao mar para poñer pan na mesa e ao final quitáronnos a vida», lamentou ante familiares dos seus compañeiros, que acudiron ao acto para arroupalo. Moitas veces, criticou, en terra as Administracións non se enteran do que pasa no mar.
Abrira o acto, que se celebrou na Cidade da Cultura diante de preto de 100 persoas e foi presentado pola xornalista de Faro de Vigo Lara Graña, o secretario xeral da Unión Intercomarcal de CCOO de Santiago-Barbanza, Joaquín García, que destacou o compromiso «inquebrantable» dos tres homenaxeados para facer unha sociedade máis xusta.
Pola súa parte, o presidente da Fundación 10 de Marzo, Xesús Castro, resaltou o feito de que os premios chegasen aos 35 anos. «Durante todo ese tempo estes galardóns fixeron algo que parece sinxelo, pero que en realidade é difícil: manter viva a memoria», defendeu. Nese senso, incidiu en que hai cousas que unha sociedade «non se pode permitir esquecer porque esquecer nunca é inocente». Cando una sociedade esquece como conquistou os seus dereitos, continuou, comeza tamén a esquecer por que debe defendelos. Tamén interviñeron os representantes institucionais: o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
Unha vez os homenaxeados recibiron o seus premios, pechou o acto a secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, que fiou un discurso cheo de paralelismos entre a literatura e as súas traxectorias. «Estes premios enlazan coa nosa tradición literaria, que fala de inxustiza, pero tamén de resistencia; de dor, mais tamén de esperanza. Porque Galicia escribiu nas súas páxinas —e segue a escribir— un mesmo relato: o da dignidade dun pobo que nunca deixa de loitar», expuxo.
Unha conexión entre pasado e futuro
Amelia Pérez salientou que os galardóns simbolizan a conexión entre a memoria e o presente, «entre quen abriu camiño e quen hoxe avanza por el e o ensancha». Nese senso, continuou, os tres premiados representan «esa chama que non se apaga». «Son exemplo de entrega, de coherencia, de compromiso firme cos dereitos, coa igualdade, coa xustiza social», remarcou.
A secretaria xeral de CCOO de Galicia lembrou que os Premios 10 de Marzo non só recoñecen traxectorias humanas, senón que tamén apelan á conciencia da cidadanía porque «a memoria, a solidariedade e o compromiso non poden quedar en palabras, han de transformarse en acción».
«Ás veces, o mar leva vidas, outras veces devolve voces como as de Lamela, Paz e Samuel, que son parte da nosa conciencia colectiva e nos lembran que a dignidade, a memoria e a valentía son as auténticas forzas que moven o mundo», concluíu.
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- Las familias se rebelan contra los profesores: llegan a Inspección por sanciones a los alumnos en Vigo
- O que nos deixou Samba, o noso veciño
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- El pesquero de Cangas "Eirado do Costal", primero de la flota gallega en incorporar el modelo de un bote salvavidas cerrado e insumergible para soportar las gélidas aguas de Terranova
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Clara, la abogada más joven de Ourense: «La vocación me viene desde pequeña; mi abuelo hablaba de Derecho en las comidas familiares»
- Muere el policía nacional Nazario Luis Rodríguez Costa, destinado en Salvaterra y antes en la comisaría de Vigo