Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O galego, esquecido na meirande parte dos concellos, denuncian os equipos de normalización

Quéixanse da falla dun orzamento propio, infradotación de persoal e carga de traballo e propoñen a derrogación do decreto do plurilingüismo

Un alumno traballa con contidos galegos nunha aula.

Un alumno traballa con contidos galegos nunha aula. / Xoán Álvarez

Carmen Villar

Carmen Villar

Santiago

Os Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e os Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) levan xa traballando tres décadas a prol do galego, mais denuncian que a marxe de mellora é moita: fan falla máis medios, orzamentarios e humanos, e máis «coordinación e estabilidade institucional». Así o fan constar no documento de conclusións do XXVII encontro celebrado o pasado outubro no Consello da Cultura Galega e difundido esta mañá pola institución no que denuncian que a implantación destes equipos é «profundamente desigual», ademais de producirse un «estancamento na súa creación».

Segundo os datos recopilados por estas entidades, que se presentan coma «as únicas unidades técnicas especializadas existentes que teñen como obxectivo principal incrementar o uso e o prestixio da lingua galega dun xeito planificado e continuado», «só o 16,9 por cento dos concellos galegos conta cun servizo» deste tipo, o que implica que «na inmensa maioría do territorio non se está a realizar, dende o ámbito municipal, ningún tipo de planificación lingüística a prol da lingua propia». No caso de Pontevedra, abondarían os dedos das dúas mans para os contar eses municipios: dez.

Factores que limitan o labor

Este sería un dos factores que, segundo as conclusións das xornadas, «limitarían significativamente o alcance e a eficacia» do seu labor, pero engadiríanse a «ausenza dun orzamento propio», que obstaculizaría unha planificación «estable a medio e longo prazo». Esa situación derivaríase dunha «forte dependencia» das subvencións, o que tamén conleva un «incremento» da carga burocrática que se produce nun contexto xa por si de «excesivos» papeleos, «falta de relevo xeracional» e «infradotación de persoal» que desemboca nunha «sobrecarga» de traballo.

Se esa é a radiografía que debuxan os responsables destes servizos, normalmente «unipersoais», o que non redunda na súa capacidade operativa, as propostas de mellora que defenden buscan construír «unha estrutura sólida, estable e sostible, dotada de recursos propios, persoal suficiente e mecanismos efectivos de coordinación». Para iso urxen un sistema «liderado» pola Xunta en «coordinación» cos concellos e «comprometido coa equidade territorial» e a impulsar agrupamentos comarcais dos servizos que «garantan cobertura nas zonas rurais».

Polo que respecta aos centros de ensino, denuncian que a aprobación do decreto de plurilingüismo «non contribuíu ao proceso de normalización», polo que instan a derrogalo. Do mesmo xeito, urxen por que a inspección educativa vele polo cumprimento dos proxectos lingüísticos de centro, dado que un informe elaborado polos equipos de normalización lingüística reflicte que «o 37,8 por cento» destas unidades «sinala un incumprimento a favor do uso do castelán». Ademais, defenden a «necesidade» de contar con materiais en galego en todas as materias, «incluídas as científicas e tecnolóxicas», e tamén no ámbito de FP.

Tracking Pixel Contents