Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ribadavia transfórmase na capital da artesanía e dos produtos galegos de calidade

A iniciativa «Artesanía, saber e sabor» inicia hoxe a segunda edición cun amplo programa de actividades e un mercadiño de Nadal que poderá visitarse ata o día 8. Ademais, servirá como punto de partida para o proxecto pioneiro «Vilas Vivas»

Ambiente na Igrexa da Madalena na pasada edición.

Ambiente na Igrexa da Madalena na pasada edición. / FdV

Ribadavia é para moitos unha das vilas máis fermosas de toda Galicia. Forma parte da iniciativa «Pueblos Mágicos de España» e o ano pasado, acadou o recoñecemento de «Pueblo Rocher». A isto súmase esta ponte de decembro outro atractivo máis: a celebración do evento «Artesanía, saber e sabor», impulsado pola Xunta de Galicia e que achegará á capital do Ribeiro o mellor da artesanía e dos produtos galegos de calidade.

A iniciativa chega á súa segunda edición tras o éxito de 2024, que reuniu a milleiros de visitantes. Este ano, decenas de artesáns e produtores de Artesanía Alimentaria e de Artesanía de Galicia volverán reunirse en diferentes espazos da vila senlleira para dar mostra do seu traballo, coincidindo ademais co arranque do proxecto «Vilas Vivas».

Dende hoxe ata o luns 8 haberá stands de venda, obradoiros gratuítos para todos os públicos e cursos de formación especializada en artesanía vinculada ao Nadal. Como novidade, os comercios de Ribadavia poderán ofrecer os seus produtos nun espazo específico situado na Alameda.

Feito a man

«Ribadavia é un sitio moi chulo para un evento así», afirma Olalla Borrego, propietaria da marca de xoiaría Lia B. Ela é unha das artesás que forma parte do Mercadiño de Nadal, que abre hoxe na Igrexa da Madalena ás 16:00 horas ata as 20:00 horas. Mañá, domingo e luns, os expositores estarán operativos de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Olalla Borrego, de Lia B.

Olalla Borrego, de Lia B. / FdV

Será a primeira vez que Borrego mostre as súas creacións na vila ourensá. As expectativas son altas: «A marca Artesanía de Galicia coida moito os seus eventos, algo que é de agradecer, xa que traballamos con pezas ás que lle poñemos moito coidado».

A artesá Mónica Bastón, creadora de Leonlagata e participante de «Artesanía, saber e sabor», tamén resalta ese coidado da profesión e o importante que é poder mostralo dun xeito directo ao público. Tal e como conta a FARO, «estes eventos son unha oportunidade para explicar un pouco os procesos e como está feita cada peza». Porque esa é tamén a maxia do oficio; aquí, cada artigo é diferente, cada xoia conta unha historia.

No caso de Bastón, aproveitará a ocasión para presentar unha nova colección de xoiaría cerámica, a súa especialidade: «Está guai poder ter un feedback directo da xente». En espazos coma este, o público pon nome e rostro, en moitas ocasións, á única persoa que leva sobre os seus ombros todo o traballo da marca. «No meu obradoiro son eu soa con todo, dende o deseño, a produción ou as redes sociais. Estudei Publicidade e Deseño Gráfico, entón tamén desfruto esa parte de branding», confesa a fundadora de Leonlagata, que ten a súa base de operacións en Sanxenxo.

«Estes eventos son unha oportunidade para explicar un pouco os procesos e como está feita cada peza»

Mónica Bastón

— Creadora de Leonlagata

Para Olalla Borrego, o mercadiño desta finde funciona tamén como fiestra ao mundo. Acostumada a traballar no seu estudo situado en Vigo, no que recibe só visitas baixo cita previa, ilusiónalle coñecer a outros compañeiros do sector neste tipo de encontros: «É un evento bonito de compartir». En Ribadavia presentará dúas coleccións cápsula, elaboradas con vidrio e flores de inverno, e non faltarán as súas pezas clásicas de resina mineral ou latón.

Con todo, este tipo de artesanía non será a única disciplina representada estes días en Ribadavia. Como ben indica o seu nome, «Artesanía, saber e sabor», o público poderá degustar estes días diversos produtos amparados baixo o selo de Artesanía Alimentaria de Galicia. A Consellería do Medio Rural impulsa na Praza Maior unha carpa na que estarán presentes 32 produtores, un espazo dedicado a catas de viños da Denominación de Orixe Ribeiro e outro reservado para actividades infantís.

A empresa Ánades Galicia será unha das participantes e, comao explica a súa representante María Tallón , «a importancia do evento nace antes, xa co propio selo de Artesanía Alimentaria». O selo era unha demanda histórica de produtores coma eles, que traballan de xeito manual e a escala reducida: «Son produtos moi bos, pero temos unha serie de circustancias que dificultan o noso traballo se o comparamos co da industria alimentaria xeral».

Mónica en su taller y algunas de sus piezas más recientes

Mónica Bastón no seu obradoiro. / Artesanía Galicia/leonlagata

Durante esta fin de semana, os visitantes poderán coñecer en primeira persoa o seu labor e o seu catálogo de foie grase, xamón de pato e confit caseiro. «Tamén estarán outros compañeiros cunha variedade de produtos importante, coma mel, queixo, leite ou chocolate», conta Tallón.

A maiores, na rúa Yáñez haberá outra zona para a degustación de produtos de calidade diferenciada chamada «Cousas ricas».

Revitalizar o comercio

Ademais de arrincar o programa de «Artesanía, saber e sabor», Ribadavia acolle hoxe o inicio dun novo proxecto da Xunta de Galicia, «Vilas Vivas», que pretende chegar a longo prazo a outros puntos de Galicia; especialmente, localidades históricas cun alto número de locais comerciais baleiros.

Trátase dun proxecto de dinamización comercial, vivo e flexible, cun desenvolvemento gradual, e que está destinado a artellar unha zona comercial tractora que impulse a economía local da man dos seus axentes.

Félix de Martín.

Félix de Martín. / FdV

O plan arrincará hoxe coa apertura dos nove primeiros locais habilitados. O obxectivo é reabrir un total de 15. Algúns estarán ocupados permanentemente por negocios —os tres primeiros adxudicados son Colmado de Sabores, A Tafona do Camiño e Pura Vila— e outros, albergarán actividades ou exposicións efímeras.

O sombreireiro Félix de Martín será un dos primeiros en gozar destes espazos, situado no baixo do número 1 da Rúa de A Lira. E a pesar de que «a nivel persoal» non lle gusta ter expectativas, está moi ilusionado co proxecto.

«O comercio é cultura e dinamización, non simplemente un negocio»

Félix de Martín

— Sombreireiro artesán

«Todo o que sexa revitalizar os núcleos de poboación que ademais teñen certo carácter histórico, ou que tiveron un pasado comercial importante, sempre está moi ben. O comercio é cultura e dinamización, non simplemente un negocio, sobre todo nestes tempos de globalización», valora, «todas as ideas que partan nesa dirección son moi necesarias».

El estará desde hoxe ata a próxima fin de semana en Ribadavia. Ademais de vender os seus singulares chapeus, mañá e o luns día 8 impartirá un obradoiro de iniciación á sombreiría,de 11:00 a 13:30 e de 16:00 a 19:30 horas. Será no segundo andar de Rúa de A Lira, 2.

«Paréceme que vai ter moitísima repercusión, sobre todo na visibilidade do noso oficio. Nese sentido, temos a ilusión de poder chegar a máis xente que tal vez nunca viu as pezas que facemos ou que non sabe que aínda existen sombrereirías que fan produto artesán», declara.

Desde a localidade lucense de Taboada, Sonia Argiz, creadora da marca de bolsos feitos a man Mimacuir, será outra das primeiras en coñecer de cerca o proxecto. A piques de comezar, trae consigo as boas sensacións que sabe que deixou o pasado ano o evento «Artesanía, saber e sabor» noutros compañeiros do sector.

Sonia Argiz. de Mimacuir.

Sonia Argiz, de Mimacuir. / FdV

«O sitio é espectacular», recoñece a artesá, curtida en mercadiños organizados dentro e fóra de Galicia. Ter sido seleccionada para estar esta finde en Ribadavia supón para ela un «empuxón» que lle anima a continuar. Por iso, estará ata o luns cunha morea de novas pezas exclusivas.

Por que apostar polo local

Así, a vila ourensá preséntase como un punto de referencia perfecto de cara as festas do Nadal para todos aqueles que buscan facer un agasallo diferente. Nunha tempada na que nos deixamos levar polo consumismo, os artesáns lémbrannos que o importante non é sempre a cantidade, senón a calidade.

O equipo de Ánades Galicia nun mercadiño.

O equipo de Ánades Galicia nun mercadiño. / FdV

«Animo á xente a pensar moitísimo as compras e onde vai parar o diñeiro. Co apoio aos artesáns apóiase tamén ao comercio local, algo super importante. Despois preguntámonos por que desaparece e por que pechan as pequenas tendas», apunta Mónica Bastón, de Leonlagata.

Na mesma liña, a creadora de Lia B, Olalla Borrego, pide «poñer intención» á hora de mercar: «Hai que pensar que se a quen lle quero regalar é importante para min, merece algo que sexa igual de especial. Escapemos un pouco da produción en cadea. Somos moitos artesáns e de todos os estilos, seguro que atopas a peza perfecta».

Programa de «Artesanía, saber e sabor»

Ribadavia será un fervedoiro de xente dende hoxe ao 8 de decembro. Por unha banda, a Igrexa da Madalena acolle o Mercado de Artesanía de Galicia, con dez expositores. Abrirá de 16:00 a 20:00 horas hoxe e de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, sábado, domingo e luns.

O Mercado de Nadal con establecementos asociados do Ribeiro estará dispoñible na Alameda de Ribadavia en horario de 11:00 a 21:30 horas.

Na Praza Maior e na Igrexa de Madalena realizaranse sorteos de produtos de Artesanía de Galicia e Artesanía Alimentaria. Entre os días 6 e 8 sortearase ás 14:00 horas, na Praza Maior, lotes do primeiro; mentres que do 5 ao 8 sortearanse de artesanía na Igrexa, ás 20:00 horas.

Por outra banda, as rúas da vila estarán cheas de música popular de sábado a luns. O día 6, a partir das 12:00 horas o Cuarteto Milagriños fará un pasarrúas dende a Praza Maior. Ao día seguinte será o turno de Os Carunchos, ás 13:00 horas, mesmo horario no que sairá o luns Brigadiers.

Obradoiros

Outra parte esencial do evento serán os obradoiros. No número 7 da rúa Rodríguez Moure, Peixesapop impartirá obradoiros gratuítos que non precisan inscrición previa:

- Cianotipias con motivos de Nadal: 5 de decembro (16:00 a 20:00) e 6, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

- Encadernación xaponesa: 7 de decembro, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

- Estampaxe téxtil: 8 de decembro, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Na Igrexa da Madalena tamén se impartirá un obradoiro colaborativo de pezas téxtiles decorativas para Nadal, de entrada libre. Será hoxe de 16:00 a 20:00 e os días 6 e 8, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Impartido por Nai Deseños.

A este listado súmanse outros obradoiros creativos que precisan de inscrición previa e custan entre 20 e 50 euros. Ademais da sesión de iniciación á sombreirería de Félix de Martín, o público poderá elixir entre unha sesión de adornos de Nadal de cestería, árbores de Nadal con vimbio ou bandexas de Nadal, elaboración dunha coroa de Nadal (e outro obradoiro de coroas con dobre utilidade) e a confección de centros de Nadal.

Están impartidos polas artesás Julia de la Cal e Sonia Álvarez e se desenvolverán no primeiro andar do número 2 da rúa Banda A Lira ou no número 8 da rúa Fonte da Prata. As inscricións, en artesaniadegalicia.xunta.gal.

Tracking Pixel Contents