«Cada vez haberá máis dificultades para atopar quen asuma o cargo de decano»
Arturo Xosé Pereiro (Castro Ribeiras de Lea, Lugo, 1968), do departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación, foi o único candidato nas eleccións celebradas o 31 de outubro. Relevará no cargo a María José Sampedro. Entre os seus retos está manter os niveis de calidade acadados cos equipos precedentes, fortalecer as sinerxías co IPsiUS e «facer máis amables» as responsabilidades do decanato e vicedecano.
lorena rey
Que o levou a postularse ao cargo de decano?
Unha pregunta interesante e difícil de responder. A miña intención era botar unha man ao equipo saínte á hora de atopar un candidato ou candidata. Dadas as dificultades de encontrar a alguén con boa dispoñibilidade para ocupar o cargo acabeime postulando. A nosa responsabilidade como membros da xunta de facultade é dar o relevo e como non había voluntarios decidín dar o paso.
Cal cre que pode ser o principal motivo de que ningunha outra persoa se animase?
Non é un caso illado o da nosa facultade e incluso noutros niveis, como direccións de departamentos, é habitual non atopar xente que ocupe cargos de representación, tendo en conta que hai recoñecemento en horas de docencia e recompensa económica. A grande excepción que podemos observar sería o Reitorado xa que hai cinco persoas, neste caso mulleres, que parecen postularse. Creo que imos cara un escenario onde cada vez haberá máis dificultades para atopar xente que asuma responsabilidades. E isto forma parte dun problema cultural e institucional.
Cales son os principais retos ?
O primeiro reto é manter os niveis de calidade que fomos capaces de acadar cos equipos decanais precedentes. A Facultade de Psicoloxía é un modelo a moitos niveis, sempre disposta a asumir as primeiras transformacións e retos que veñan de mans de cambios normativos ou procesos de calidade. Outro aspecto ten que ver con tratar de darlle unha volta ás responsabilidades do decanato e vicedecano para facelas máis amables e permitir que no horizonte próximo as persoas non perciban a función dunha maneira negativa. Trátase de buscar a forma de aliviar a gran carga burocrática e administrativa que vai asociada a estos cargos. Vai a ser difícil de acometelo en solitario, polo que a Universidade terá que botar unha man. Por outra parte estaría fortalecer as relacións co Instituto de Psicoloxía (IPsiUS) fundado o pasado curso con grupos de investigación desta facultade e outros investigadores externos. Cremos que a colaboración pode ser positiva para ambas partes.
E podería haber modificacións nos plans de estudo?
Tamén poñeremos o foco nos títulos. A través da Conferencia Nacional de Decanos de Psicoloxía hai que analizar a realidade do resto de facultades e ver se é necesario modificar os plans de estudo do grao. Nese caso haberá que ver a maneira de facelo para favorecer a potenciación das especialidades a través dos mestrados oficiais. Polo de agora non podo facer concrecións maiores.
Que convenios hai para a realización de prácticas?
Cada ano realizan prácticas entre 150 e 170 alumnos. Non todos poden realizalas onde queren, pero a diferenza doutras titulacións aquí hai un traballo de moitos anos de establecer convenios que permiten ao alumnado ter a seguridade de que van a realizar as prácticas en centros públicos ou privados con titores que son profesionais da psicoloxía. Estes fan unha contribución á formación do noso alumnado. Un labor que non é remunerada, polo que a nivel de Universidade haberá que ver de que maneira, a través de prestación de servizos ou de recoñecemento, se pode potenciar un pouco máis a importante tarefa que fan estes profesionais.
Cales son as preferencias do alumnado?
En termos xerais, aos alumnos interésalles o que ten que ver con alteracións na saúde mental, que non teñen porque ser todos psiquiátricos senón trastornos do desenvolvemento ou aprendizaxe, na nenez e na mocidade. Son menos desexados os dispositivos que están centrados na atención sociosanitaria ás persoas maiores, pero curiosamente aínda que moitos non teñen preferencia por estos centros cando fan alí prácticas veñen moi satisfeitos e moitos deles especiálizanse en psicoxerontoloxía facendo o mestrado oficial desta facultade.
Preocupa a saúde mental entre a mocidade. Que papel xogarán os psicólogos graduados na USC?
O papel que desexamos que xoguen é o de bos profesionais que atenden a todos os aspectos relacionados coa saúde mental. Cando falamos de saúde mental pensamos en problemas que xa están instaurados como cando unha persoa sofre unha depresión clínica ou ten unha enfermidade biofísica que ten un impacto psicolóxico. Ao respecto, ultimamente faise o énfase na necesidade de que haxa profesionais da psicoloxía clínica que se ocupen dos problemas xa instaurados. Se poñemos o foco no medio e longo prazo hai que traballar na prevención. Non imos poder poñer un psicólogo detrás de cada enfermo con algún tipo de alteración na súa saúde mental, senón que temos que tratar de que os ambientes onde nos desenvolvemos diariamente sexan saudables e permitan previr a aparición de problemas. No ámbito escolar o clima de convivencia debe ser o adecuado e a presión académica e familiar sobre os alumnos calibrada para que non florezan problemas de ansiedade.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los empleados públicos de la Xunta podrán cobrar en enero un plus de hasta 1.000 euros
- Galicia, entre las comunidades que permiten a más alumnos de ESO graduarse con asignaturas no superadas
- El Sergas cita a casi un millón de gallegos para probar la vacuna del virus respiratorio sincitial
- La residencia para opositores de élite: la concentración tiene un alto precio
- Galicia, segunda autonomía en la que más pleitos tributarios gana el contribuyente contra la Administración
- Profesores extranjeros en las aulas gallegas: «La gente siempre me pregunta: '¿Cómo terminaste aquí?'»
- Trenes y vuelos en el aire por una huelga general en Portugal la próxima semana
- Galicia cita para vacunarse de la gripe a más de 33.000 niños entre 6 meses y 11 años: «Es la mejor protección»