Entrevista | Alfonso Rueda Presidente da Xunta
«O axeitado é unha facultade de Medicina coa docencia moi descentralizada»
Alfonso Rueda, presidente da Xunta, mantén a súa defensa dunha única facultade de Medicina situada en Santiago, cunha «docencia moi descentralizada», sendo consciente de que hai Universidades privadas de Madrid con «interés» por abrir unha Facultad de Medicina na comunidade, unha decisión que «case non depende da Xunta», observa.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o venres, en A Coruña. / Casteleiro
—Como se atopa e que balance fai da primeira metade da lexislatura, para a que faltan uns poucos meses?
—Atópome ben, con ánimos, que neste oficio xa é bastante. Sempre dixen que, desde o punto de vista do traballo e da confianza que lle pedín á xente, o medidor ía a ser o cumprimento dos compromisos do programa. E agora mesmo, sobre todo en cousas fundamentais como é a vivenda, imos ben. O meu obxectivo é cumprir o programa comprometido, non sei se vai ser ao cen por cen, pero case.
—Un dos peores momentos desde que tomou posesión foron os lumes deste verán. As medidas que se tomaron van permitir evitar un novo verán catastrófico?
—Logo dos incendios de 2022, levabamos dous anos moi bos e este foi, evidentemente, malo. Isto non quere dicir que fixeramos todo ben nos dous anos anteriores e este ano fixeramos todo mal. Isto depende de moitas cousas, as condicións climatolóxicas, sobre todo... Foron uns días moi duros e eu o que intentei primeiro foi estar alí dentro desde o principio, ao pé do cañón, e despois cumprir o compromiso de que as axuda chegarían canto antes. A maioría xa están pagadas e as do Goberno non están nin sequera convocadas. Nós remataremos o ano con todas pagadas. E despois queda a segunda parte que é tentar mellorar.
—Cales?
—Para min, a fundamental é incidir na limpeza, pero non pode ser só unha responsabilidade das administracións, nin só da Xunta. Ten que ser tamén dos propietarios e, polo tanto, imos incidir moito niso. Fixemos cambios legais, xunto cos concellos, para que cumpran a súa obriga de limpar.
—Man dura coas multas?
—Haberá man dura, pero oxalá non sexa necesario aplicar sancións. Tamén haberá axudas aos concellos e certa flexibilización, por exemplo, no periodo de queimas e no periodo de limpeza e desbroce.
—Falamos antes da vivenda. Cando se van ver os froitos das súas políticas, que varían respecto a anos anteriores de escasa construción?
—O problema da vivenda está a manifestarse con toda a súa crudeza agora e todas as administracións nos demos conta. A Xunta está cumprindo. Preguntaba cando se poden ver: non hai máis que ir desde logo por todas as cidades e tamén por moitos concellos, que están colaborando con nós, para ver xa como se están construíndo, que as estruturas se están levantando. As primeiras vivendas ímolas entregar o ano que vén e, a partir de aí, iremos en cascada ata cumprir o compromiso. Queremos chegar ao final da lexislatura con 4.000 vivendas novas. Na Coruña entregarase un número importante, non sei se ao final deste ano que vén ou, dende logo, no 2027.
—A Xunta opúxose á declaración de zonas tensionadas, como a aplicada na Coruña. Prevén crear un rexistro de grandes tenedores de vivenda para saber quen pode subir ou non o alugueiro?
—Permítame un matiz, non nos opuxemos. Eu din a miña opinión. Opoñerse serían non declaralas e hai outras comunidades que o fixeron. Cremos que é unha fórmula que non funciona.
—Por que non autorizan unha nova facultade de Medicina?
—Creo que o modelo que ten que funcionar é o dunha única facultade coa docencia descentralizada, que foi o que estaban pedindo os docentes, incluidos os que traballan na área sanitaria de Coruña no Chuac.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda. / Casteleiro
—Ese acordo non se cumpre desde hai 15 anos.
—Xa dixemos que foi un erro e que probablemente ese incumprimento levou a esta situación Polo tanto, o que hai que facer agora é que se cumpra ese acordo. Se se cumpre de verdade, e iso supón renuncias nas partes para facer unha boa distribución da docencia, o modelo axeitado é unha facultade coa docencia moi descentralizada para aproveitar as potencialidades que hai. Hai moitísimo talento e moita xente disposta a ser profesor na Facultade de Medicina, pero claro, esixen unhas condicións. O mellor que lle pode pasar a Galicia é manter esa facultade e, ao mesmo tempo, que esa docencia sexa descentralizada. Tamén hai un problema sobre o que temos que reflexionar. Cada ano formamos moitos médicos en cada promoción, arredor de 400, e unha parte importante é xente que ven de fóra, que se forma aquí, e que despois marcha. Aí teriamos que conseguir que os estudantes que formemos aquí sexan para ser médicos en Galicia.
—A Universidade de Santiago non se move. Alguén ten que ceder.
—Unha cousa é o que se di e outra cousa é o que se está a falar. Aquí houbo xente moi razoable durante este proceso que, en aras de chegar a un acordo, está un pouco aguantando os forofismos e as utilizacións políticas que poida haber, moito localismo, tamén na parte de política.
—O localismo curiosamente aplícase aos que están fóra de Santiago.
—(risa) Entre outras cousas, porque é en Santiago onde está a facultade agora mesmo.
—Si, pero tamén estaba na Coruña a de Informática e a UDC non se opuxo a que Santiago abrise a súa.
—O problema ven de non cumprir o acordo de 2015.
—Pode suceder que non haxa unha segunda facultade de Medicina na Coruña e que si haxa unha privada? Cónstalle que hai sondaxes para iso?
—Está habendo facultades privadas de Medicina en moitos lugares. Aquí hai unha rede de tres excelentes universidades públicas moi apoiadas pola Xunta. Esa é a nosa obriga, apoiar o sistema público de universidades, xa que, haxa universidades privadas ou non, case non depende da Xunta de Galicia. E cada vez que vou a Madrid hai xente que ten universidades privadas noutros sitos que manifestan o seu interés por Galicia, pero iso a min non me pode distraer.
—Cando chegou á Xunta, comezou a aplicar o estilo Rueda. Non sei se ese estilo é elevar a confrontación co Goberno central. Pregúntollo porque o 80% de iniciativas do PP no Parlamento Galego son esixencias ao Executivo de Pedro Sánchez.
—Non, mire, nós temos unha responsabilidade, que é xestionar este ano máis de 14.000 millóns, pero tamén reclamar o que nos corresponde. Estou desexando aplaudir acertos do Goberno porque se acerta, acerta para Galicia.
—De gobernar Feijóo, cre que a AP-9 sería transferida a Galicia?
—Desde logo, voullo pedir. Non entendería ninguén que o que reclamamos ahora non se pida despois. E espero que houbese esa transferencia. E se non tería que dicir que non estou dacordo.
—Rajoy tamén a vetou.
—E nós non estivemos dacordo naquel momento porque foi dos poucos acordos que se tomaron por unanimidade no Parlamento galego. E iso obrígame a denunciar a tomadura de pelo que nos está facendo agora o Partido Socialista coa complicidade do Bloque.
—Que supón a falta dun novo financiamento autonómico para Galicia?
—Calculamos que o infrafinanciamento non é menos de 500 millóns, que vou reclamar cando nos senten ás comunidades.
—Por certo, a oposición censura que os seus orzamentos para 2026 medren menos que a inflación. Que alega?
—Que nós facemos orzamentos realistas. É doado subir moito as contas e logo ven a frustración de non ter ingresos para respaldalas. Se podemos corrixir os orzamentos á alza, farémolo.
—Esta semana estivo marcada polo aniversario da dana. Carlos Mazón vai abrir un período de reflexión. Cre que debería dimitir logo de dar oito versións sobre onde estaba mentres morrían cidadáns pola dana?
—Estiven o outro día no funeral, a verdade é que foron momentos de moita tensión e ao día seguinte Mazón dixo que ía abrir un período de reflexión. Dimitir é unha decisión personal. Mentras sexa presidente, ten que implicarse na reconstrución.
—Saíu vivo Pedro Sánchez da comisión no Senado sobre a presunta corrupción do PSOE?
—Quen di iso son os que querían que Pedro Sánchez saíse vivo. Non saíu vivo en absoluto.
—Debería dimitir?
—Volvo a dicir, iso é unha decisión persoal. Hai moitas cousas que non está facendo ben absoluto. A situación dun presidente do Goberno cos casos xudiciais que ten colócano nunha situación moi complicada. É moi difícil gobernar e estar coa cabeza nos asuntos do país se estás nesa situación. Agora mesmo, para min, en España non hai ninguén ao mando.
—Por certo, xa dou por sentado o titular de que vai optar á reelección no 2028, non si?
—(risas) Queda tempo. Traballo para merecer a confianza dos galegos e se decido pedila, que ma volvan dar sería perfecto.
«Apoiarei o Mundial, se cofinancian o Goberno, os concellos e as deputacións»
—Vai acoller Galicia partidos do Mundial de fútbol?
—A decisión sobre as sedes é da FIFA. A outra competencia pode ser das cidades que se presentan como candidatas. Nós xa dixemos no 2022 que a Xunta ía apoiar as dúas candidatura que había en Galicia: Vigo e A Coruña. Puxemos dúas condicións. Primeiro, que a proposta partise da cidade, e segundo, coñecer moi ben os custes e esixir que o resto das administracións se implicasen igual, como concellos, deputacións e o Goberno central. Manteño o meu compromiso, pero a día de hoxe non sei o custe nin na Coruña, nin en Vigo, e tampouco se outras administracións se van implicar na mesma medida que a Xunta. Aquí na Coruña, por exemplo, falouse dun promotor privado e nunca máis se soubo. O único compromiso firme é o da Xunta, aquí e en Vigo, onde o alcalde dixo que, se non nos implicábamos, que o pagaba el só.
—Estaría a Xunta disposta a financiar a reforma da tribuna de Balaídos se elixen o estadio para o Mundial?
—Supoño que vai haber máis gastos e o que hai que facer é dicir os custes totais son estes e nos comprometemos todas as administracións a facer estas aportacións a partes iguais, que foi o que nós pedimos, vale? Moi ben, pois entón no fondo é case o de menos se se vai a financiar isto ou o outro, ao final serán os custes totais e a Xunta, pola súa parte, o que quere saber é se o resto vai a poñer igual.
—Está a Xunta disposta a asumir o proxecto do Ifevi en solitario se non hai acordo co Concello?
—Xa había un acordo en novembro onde a Zona Franca entraba e esixiron incluso sen entender moi ben por que que a Deputación saíse do patronato , cousa que por suposto non se pediu mentras na Deputación non estaba o PP. Nós aceptamos iso, a Zona Franca poñía unha cantidade e entraba no patronato, e os acordos eran por consenso e eu reivindico iso, iso é o que hai que facer. Oia, recuperemos iso e xa está, non temos ningún problema e a Zona Franca estaba disposta, que problema hai agora? Por que é sempre tan difícil facer as cousas en Vigo? Volvo a reivindicar ese acordo que está case pechado e unha vez máis, inexplicablemente ou non, porque isto en Vigo pasa moito nas cousas do Concello, volveuse parar.
—E a ETEA?
—Veño esta mañá (venres) de Ferrol, de poñer en marcha a quinta residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega. O convenio que temos coa ETEA, a nosa parte está en marcha, acabamos de ceder á Universidade de Vigo un edificio e estamos facendo un investimento moi importante na ETEA e imos seguir facéndoo e creo que vai quedar ben. Para culminar a ETEA falta asinar o convenio nas condicións que o mesmo Concello de Vigo esixiu, que era a tres bandas, que as obras a fixese a Zona Franca. Nós levamos dende o mes de maio con ese convenio aprobado. Urxe xa firmalo e empezar a facer as obras para darlle accesos á residencia unha vez que estea construída. O tempo sigue pasando e non somos capaces. Agardo que haxa responsabilidade e poidamos completar o mapa de residencias. A de Ourense está a media execución, non é normal que en Vigo non teña nin empezado.
Suscríbete para seguir leyendo
- Las gallinas de los corrales de 40 concellos de Galicia, confinadas para frenar la gripe aviar
- El transporte escolar en Galicia, bajo vigilancia especial desde este lunes
- Entra en vigor la prohibición de criar aves de corral al aire libre
- Más de 27.000 gallineros domésticos tendrán que confinar aves en Galicia
- La violencia digital contra sanitarios podrá acarrear multas de hasta 3.000 euros
- Falta de orden y de madurez, tras la repetición en los años oscuros de ESO
- Los efectos del cambio climático sobre los puertos: menos funcionales y operativos
- La Xunta ya usa robots para 23 trámites que ahorran 21.500 horas de trabajo
