Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Como salvar o galego: a cidadanía receita ensino

«O declive cada vez máis pronunciado do galego estase achegando perigosamente ao limiar do colapso», advertía hai un ano a Real Academia Galega. Na Xunta, en troques, defenden que non hai tal «emerxencia lingüística». Porén, o Plan Xeral de Normalización está a ser revisado e a cidadanía puido (e pode) opinar.

Manuel González, Valentín García e Maria Coutinho, onte, en Santiago.

Manuel González, Valentín García e Maria Coutinho, onte, en Santiago. / Xoán Álvarez

Carmen Villar

Carmen Villar

Santiago

Devalo empregáse en galego para aludir ao «movemento descendente da marea» e esa é a forma escollida pola Real Academia Galega na súa diagnose da situación da lingua propia de Galicia despois de o IGE revelar que só sete rapaces adoitan falar en galego. Os datos coñecéronse hai agora un ano e dous meses e medio despois a Administración iniciaba a renovación do Plan xeral de normalización da lingua baixo a coordinación do académico Manuel González. Dende entón, a Xunta reuniu máis dun milleiro de achegas e nese proceso déuselle voz á cidadanía. Por esa canle xuntáronse máis de 300 ideas para promover o uso do idioma e a maioría apuntan á rapazada no ensino, con máis horas e máis materias en galego, pero taménao peto, facendo que a lingua conte nos pregos para a contratación pública, e aos funcionarios e monitores de lecer, que deberían saber galego e acreditalo.

Hoxe remata o proceso de participación cidadá para «actualizar» o Plan xeral de normalización da lingua galega, aínda que non se pecha a porta ás achegas, como aseguraron onte González e o secretario xeral da Lingua, Valentín García. Ambos, mais María Coutinho, fixeron «balance» do estado da «renovación» nun proceso que García xulga «participativo».

Propostas da poboación

Á caixa de correo virtual chegaron máis de 300 contribucións dunhas 130 persoas. «Non quere dicir que vaian ser as medidas que figuren no Plan, pero vanse estudiar e tomar en consideración», comentou González, nas once comisións que concretarán unha revisión que aspira a poder ser «aprobada» no Parlamento no primeiro trimestre de 2026, segundo indicou García, quen aludiu ás propostas como «lexítimas» e «agradeceu» a colaboración. De feito, González indicou que «máis do 80%» están «xa previstas» nos traballos das comisións, pero ve «importante» escoitar á cidadanía porque permite coñecer o que «a sociedade percibe» como «verdadeiros problemas». «E as comisións teñen que ter iso en conta», «hai que incidir neses aspectos», enfatizou.

Máis galego e en todas as materias

Entre eses «aspectos» ou «problemas» é reincidente o do ensino. «A metade ou case a metade» das propostas, as «máis demandadas», teñen que ver con que «o galego non se pode ver privado de estar presente no ensino de todas as materias», unha petición «moi insistente», e coa «necesidade de incrementar o número de horas», explicou González. «Plurilingüismo si, pero non a custa do galego», sintetizou. No mesmo eido, detéctase un «déficit» de materais para FP, anímase a primar a utilización do galego entre os docentes «economicamente ou con redución horaria» ou úrxese á atención á cativada en galego nas garderías financiadas con fondos públicos.

No eido dos dereitos lingüísticos unha das reclamacións é «cumprir a lei» para «garantir» o uso da lingua alí onde a súa presenza xa está regulada. Con esa mesma idea, as achegas refírense á «obriga de utilización do galego na función pública», «examinar de galego oral a candidatos a persoal das administracións» ou «formar os empregados públicos en dereitos lingüísticos». Chégase mesmo a avogar pola creación dun «organismo de garantía do exercicio dos dereitos lingüísticos e de supervisión da normalización».

Presenza nas TIC

Como o futuro, e xa o presente, pasa polas TIC, o galego debe estar aí, defende a sociedade, nomeadamente nos móbiles, nas apps de «maior uso», navegadores e asistentes como Siri ou Alexa. A dixitalización, defende a UE, é clave na economía e á economía tornan as voces que urxen «establecer cláusulas lingüísticas nos pregos de contratación de servizos públicos de todas as administracións» para que as concesionarias atendan «por defecto en galego», as que reclaman subvencións ás empresas polo «uso real» do idioma, «non só polo cartel de rebaixas», ou as que piden garantir un mínimo de actuacións en galego en festivais apoiados con cartos públicos.

Os monitores de tempo de lecer

Na área de familia e lecer, González apunta que «parece que hai un problema moi serio con respecto aos monitores», polo que se esixe que nos campamentos e accións de verán o groso do persoal acredite un Celga 3 (B2) de galego e unha relevante presenza do idioma en actividades e que iso o reflictan Xunta, deputacións e concellos nos pregos dos concursos.

‘Galeguizar’ a xustiza e outras leis estatais

Unha das suxestións cidadás é cambiar as leis estatais que operan como obstáculos para a normalización plena do galego, explicou Manuel González, por exemplo, as referidas a funcionarios do Estado e ao seu coñecimento do idioma.

Valentín García, quen proclamou que a meta da Xunta é un plan de «espectro moi amplo», engadiu que hoxe mesmo os responsábeis de Lingua das comunidades con idioma de seu teñen xuntanza e abordarán a convocatoria do Consejo de las Lenguas Oficiales, reformulado hai un mes para traballar no cumprimento das esixencias xurídicas das autonomías e do Estado.

Nese foro tamén se falará, dixo, da xustiza. As propostas inclúen dotar de versión galega a nova plataforma de xestión xudicial ATENEA. A Xunta, indicou García, vai traducila, pero opina que o «lóxico» sería dispor dunha ferramenta plurilingüe, dado que traducila levará tempo e poden presentarse dificultades técnicas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents