Entrevista | Antonio López Reitor da USC

«Non se poden aumentar as prazas de Medicina se non aumentan as do MIR»

O reitor da USC, Antonio López, reflexiona sobre o acontecido dende o anuncio da UDC de implantar a titulación e defende unha facultade única en Santiago, con avances na descentralización da docencia clínica na Coruña e Vigo: «Fíxose moito, pero pódese facer máis»

Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, na reitoría da praza do Obradoiro.

Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, na reitoría da praza do Obradoiro. / Jesús Prieto

A Coruña

-De onde pensa que vén a singularidade do título en Medicina, como para que a súa implantación desate un debate de país?

-É verdade que a titulación de Medicina ten unha resonancia especial, non nos podemos enganar. Quizais son das facultades máis grandes que hai, os estudos que teñen o maior número de alumnos, na nosa dende logo. Ten moita relevancia e moita posición social, porque estamos falando da formación duns profesionais que teñen un impacto moi directo sobre a sociedade, é unha cousa moi sensible. Hai unha profunda demanda social destes estudos. Todo iso fai que calquera debate que se plantexe sobre estas titulacións teña unha gran repercusión e unha posición social. Non é un título calquera desde este punto de vista.

-A Xunta é optimista , pero semella que as posturas entre a Universidade da Coruña e a de Santiago non poden estar máis lonxe.

-Ata agora non empezamos a falar de posibles vías de saída. Estamos nesa fase inicial, convocamos unha reunión, constituímos un grupo de traballo, imos empezar a vernos. Hai dúas opcións. Unha é crear máis facultades de Medicina, e outra é ter unha facultade de Medicina, como temos ata agora, e facer que utilice todos os recursos do sistema sanitario para a mellor formación dos seus estudantes, e tamén as capacidades dos profesionais dos diferentes hospitais. Esa é a que estaba na base do Acordo de 2015, que é a que nós defendemos. Estamos abertos a falar e a mellorar. Hai cousas que, seguramente, temos que mellorar. A outra alternativa é crear dúas facultades públicas máis de Medicina en Galicia, sen prexuízo de que poida haber facultades privadas. Esas son as alternativas, e despois hai moitos matices nesa negociación.

-O debate é antigo, coa constante da negativa da USC. En que prexudicaría ao sistema universitario que existise unha segunda ou unha terceira facultade de Medicina?

-Non é tanto prexudicar, é decidir que modelo queremos, tendo en conta algúns datos e referencias. A Organización Mundial da Saúde di que parece razoable ter unha facultade para cada dous millóns, pero non menos. En España temos o maior número de facultades dos países da nosa contorna, con moita diferencia. Aí están os datos: Alemaña, con 83 millóns de habitantes, ten 44 facultades de Medicina. En España temos 53 para a metade da poboación. Que é mellor? Ter tres facultades, coas limitacións que poidan ter de recursos, coa inversión que fai falta para poñelas en marcha, ou aproveitar unha facultade que temos, incorporando todas as capacidades do sistema? Temos que traballar, avanzar máis na descentralización. Fixéronse cousas, pero hai que facer máis.

É certo que o título de Medicina ten unha resonancia especial, por iso xera debate

-Castela e León vai ter catro facultades de Medicina.

-A min, loxicamente, paréceme moito máis racional o modelo do País Vasco, que segue tendo unha única facultade pública e cinco unidades descentralizadas de docencia. Son modelos. Eu defendo un, e paréceme máis racional en termos económicos e académicos. Hai outra variable que introduce confusión: parece que, se hai máis facultades de Medicina, imos ter moitísimas máis prazas. As prazas que ofertamos non son arbitrarias. Hai unhas indicacións xenéricas de cantos estudantes de Medicina ten que haber en función do volume de poboación, e nós cumprimos esa ratio perfectamente. Hai outro dato. Os graduados en Medicina, para poder exercer profesionalmente, teñen que ter despois a formación especializada, o MIR. Non podemos abrir as prazas de Medicina se non aumentamos as prazas MIR. Hai tres anos aumentamos as prazas de Medicina de 360 a 403, porque houbo un plan de actuación a nivel xeral que tamén ampliou o MIR. Ás veces parece que, se houbera tres facultades, xa obteríamos moitas máis prazas. A min paréceme que non, e non o faríamos ben se aí abrimos a espita e dicimos que non habería un problema, como houbo xa entre o 2000 e o 2010, cunhas bolsas de licenciados en Medicina que non podían acceder á formación especializada.

-Con respecto ao modelo País Vasco co que se aliña, alí apostan por unha única titulación descentralizada en cinco campus, pero a facultade que imparte o primeiro ciclo non imparte o segundo. Iso é algo que aquí non se dá.

-Nós falamos das unidades da docencia clínica, fundamentalmente de cuarto, quinto e rotatorio. Aí podemos falar e discutir sobre que é o que se debe descentralizar: práctica, docencia teórica, como, en que condicións. Todas as facultades grandes teñen varios hospitais.

-A de Santiago é a facultade de Medicina é a que máis alumnos concentra de España. Hai voces que instan a superar o modelo de grandes facultades con moito volume de alumnado, en favor dunha docencia máis personalizada.

-Unha cousa é o número de alumnos que se admiten e outra é como se organiza en cada facultade, con grupos de docencia teórica, expositiva, interactiva, grupos de prácticas, que se fan cun número racional, non quere dicir que metamos os 400 nun aula. Volvo a insistir en que, fronte ao modelo de repartir ou multiplicar, é moito máis racional isto. Sexa unha facultade ou sexan tres, temos que aproveitar os recursos para que sexan os médicos os que sigan formando médicos. O novo sistema de acceso á carreira universitaria esixe que haxa médicos que teñan acreditados, e fannos moita falta todos os que temos no sistema, senón, a formación pode acabar caendo noutros profesionais, que tamén teñen valor, pero que non sería o razoable.

-Hai poucos meses, o conselleiro de Sanidade instou a avanzar na descentralización debido a que o volume de alumnos no Hospital de Santiago, uns 1.500, e os 403 da facultade, xeraba tensións na docencia. Existe esta saturación?

-Admitíase, si, e eu penso que, loxicamente, ter concentrada nun hospital unha parte moi importante da docencia práctica, pode xerar certas tensións para organizar toda esa docencia. De aí o acordo do 2015, e xa se descentralizou o rotatorio de sexto. Nese caso, o rotatorio xa está fóra do Hospital de Santiago. Si, unha facultade introduce presión sobre o hospital que ofrece as prácticas, e esixe unha organización e un traballo. Hai que traballar para descentralizar a docencia clínica para aliviar esa tensión sobre o hospital.

Non se pode pedir descentralizar sen contar co profesorado de Santiago

-Un dos detonantes do anuncio foi a convocatoria de prazas no Chuac adscritas á USC. Un movemento que foi entendido como unha deslealdade. É un desencontro formal sobre o espíritu do pacto?

-Para min é, nin máis nin menos, que o cumprimento do acordo, que di que a responsabilidade segue sendo da Universidade de Santiago. É a que ten que ter aos seus profesores, ademais de que poidan colaborar profesores das outras universidades nesa docencia clínica descentralizada, cun límite que está no acordo do 15% É dicir, cumprir o acordo de descentralizar esixe que a USC, que ten a responsabilidade académica desa titulación, teña profesores nos distintos hospitais. Santiago ten, no complexo hospitalario e universitario da Coruña, 28 plazas de PACS, de Profesores Asociados a Ciencias da Saúde, que están atendendo a docencia deses alumnos. Que hai profesores vinculados da UDC que poden colaborar, aos que temos que darlles entrada? Por suposto que temos que facelo, xa están colaborando no rotatorio, pero podían facelo máis. A Universidade ten que ter profesores nas unidades descentralizadas. En Vigo temos un, e na Coruña queríamos ter. Intentamos sacar prazas antes, chegaramos a un certo consenso, nun tempo anterior, de que cada universidade podía facelo en calquera hospital para as súas titulacións, pero ata o momento a UDC ofertou unhas prazas, a USC outras, e optaron licitamente por vincularse á UDC. O que non se nos pode pedir é que se descentralice a docencia clínica, pero sen contar cunha base de profesorado de Santiago.

-Ten sentido falar de descentralizar nas outras dúas universidades, se o que se busca é empregar a súa infraestrutura hospitalaria adscrita sen contar cos seus profesionais docentes?

-Ben, aí temos que ter en conta outra norma. O decreto que regula o réxime de concerto dos hospitais non di que haxa hospitais que sexan da USC, da UDC ou da UVigo para todo. Os hospitais concértanse ou vincúlanse coas universidades para titulacións. É dicir, a Universidade da Coruña está concertada co Chuac para as súas titulacións, que son Fisioterapia, Podoloxía e todas as que teñan que ver, ou en Vigo para Enxeñería Biomédica. A USC concerta para Medicina, Odontoloxía, Farmacia ou Enfermería; pero o que di o decreto é que, para unha mesma titulación, non debe estar un hospital vinculado con dúas universidades, salvo acordo entre elas. É un tema por titulación, máis que dicir que este é o meu hospital. Eu penso que a clave é aproveitar as mellores capacidades que temos no sistema sanitario, que son moi boas.

-Outro dos puntos de discordia é o volume de aspirantes que quedan fóra da titulación, de altísima demanda, con 3.000 solicitudes para 403 prazas. Vostede defende que a proporción é moi matizable.

-Os datos hai que entendelos. Nós ofrecemos esas 403 prazas, e temos 3.900 que demandan Medicina. Na demanda de estudios de Medicina non temos un sistema centralizado, cunha lista única a nivel nacional, como temos entre as universidades galegas para a nosa matriculación. Iso nos permite saber perfectamente que, de tantas solicitudes, estes queren vir de primeira opción e estes de segunda. Como isto non o temos claro, temos 4000 solicitantes que ao mellor están pedindo as mesmas prazas en 50 universidades.

-Porén, a de Santiago é a primeira facultade galega en taxa de preferencia —a que máis solicitantes poñen en primeiro lugar— está entre as 50 primeiras das 3.500 de toda España.

-Claro, por iso, do galego non sabemos, pero, na outra, eu sei que teño alumnos aquí de Galicia, pero tamén de Andalucía ou de Canarias, que non sei se queren vir estudar Medicina a Galicia ou a León, e teñen que presentar as 50 solicitudes das 50 facultades de España. Iso non quita a feito de que hai unha demanda moito maoir das prazas que temos no conxunto, porque as propias notas de corte nolo din, hai unha amplísima demanda. Iso é así. Hai outra formación posterior á universitaria, que é aespecializada, que é imprescindible para exercer como médico, polo que a nosa ten que ser unha oferta razoable. Senón, xeraríamos un problema na seguinte estancia. Cando o Ministerio plantexou incrementar o número de prazas, asumimos, pero o número que quere estudar connosco está multiplicado, non quere dicir que todos queiran estudar Medicina en Santiago.

-Hai unha proporción alta abocada á universidade privada, un actor que non existía en Galicia no contexto de 2015. Non hai preocupación de que canalice a altísima demanda?

-Claro, si, esa é unha opción que pode darse, pero a solución para que iso non se produza non é que haxa dúas ou tres facultades públicas en Galicia. A explicación é clara: en Galicia temos oito escolas, estritamente públicas ou concertadas, de Enfermería, e anúnciase que se vai implantar unha privada. Mentres haxa moita demanda de moita xente, e na medida na que non hai prazas para todos na universidade pública, é posible que se poidan xestionar na privada. Isto é unha realidade, pero eu penso que aí o que temos que ter é unha coherencia na oferta pública. Cando o Ministerio apostou por aumentar prazas MIR, nos fixemos o incremento do 15%, e estamos dispostos a chegar ata onde faga falta, pero dentro dun estudo razoable.

-Dentro desta vontade de entendemento, estaría disposta a USC en descentralizar tamén as teóricas, ata agora innegociable?

-Nun ámbito de negociación, veremos ata onde estamos dispostos a chegar todos. Estamos empezando un proceso de negociación onde a UDC di que se vai seguir traballando para pedir unha nova facultade. Ese é un escenario. Se hai outro máis avanzado, de dicir por aquí non vamos, isto non, isto si, podemos falar. Eu non poño liñas vermellas a falar de todo. Imos ver en que condicións, e en que tempos. Todo isto leva tempo, non se pode improvisar e dicir «abrimos mañá unha unidade descentralizada».

-Percíbese, dende a UDC, certa asimetría na vontade de duplicar títulos. Pasou con Informática, titulación de alta demanda que só estaba na Coruña e que agora está nos tres campus.

-Cada universidade temos un cadro de titulacións que é froito da nosa evolución, dende a segregación no ano 90. Cada universidade ten a súa oferta de títulos. Hai títulos que se duplicaron, como Dereito, e hai outros que non. Tampouco son estritamente comparables nin transplantables todas esas titulacións. Segue habendo titulacións que son exclusivas doutras universidades. A UDC segue tendo Arquitectura, e parécenos ben. Fomos nós quen puxemos enriba da mesa un plan de Intelixencia Artificial, e, nese momento, entendeuse que tiña que ser interuniversitario, con toda a racionalidade e disposición. Ter duplicadas titulacións que son especialmente esixentes en recursos humanos, materiais non é o mellor modelo con carácter xeral. Hai alternativas, hai modelos, cada un pode buscar o seu, pero hai que facelo sempre no marco do diálogo co resto do SUG. Se falamos de compartir e de xenerosidade, á USC pouco se lle pode pedir, pois foi a que propiciou que houbese tres universidades públicas en Galicia. Temos demostrado xenerosidade dende a orixe, e máis recentemente. Sempre que falamos, ata agora, tiñamos a idea de que podiamos chegar a un punto de acordo. Imos ver se desta tamén.

Tracking Pixel Contents