Queremos Galego enche as rúas de Compostela e pide actuar ante «a emerxencia da lingua»
Na marcha participaron representantes políticos da oposición, entre eles a portavoz nacional do BNG e o secretario xeral do PSdeG

A defensa do galego enche as rúas de Compostela cunha multitudinaria manifestación / Jesús Prieto
Belén Teiga
«Na escola e no traballo queremos galego» foi unha das frases máis escoitadas este domingo en Santiago, onde miles de persoas encheron as rúas da cidade en defensa da lingua. A manifestación, convocada pola Plataforma Queremos Galego, que agrupa a 600 colectivo sociais, busca denunciar a «emerxencia lingüística extrema» que vive o idioma.
Tambores, gaitas e pancartas reivindicativas tomaron a cidade dende a Alameda ata o Obradoiro, nunha movilización ata a que se achegaron persoas de diversos puntos da comunidade ata nunha trintena de autobuses. A manifestación coincide, así mesmo, co Día de Rosalía.
«A lingua é vital para a nosa existencia como pobo. A sociedade está disposta a actuar ante a emerxencia da lingua, o que cómpre é que o Goberno galego tamén o estea», sinalou Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Neste sentido, incidou en que o Executivo liderado por Alfonso Rueda «se quere tomar medidas sabe moi ben o que ten que facer».
Tamén presentes representantes políticos, entre elas a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen criticou que o PP leva «15 anos de politicas de derribo e acoso contra o galego». Así, unha vez máis, pediu a derogación do decreto de plurilingüismo, «o decreto da vergoña», que «está provocando que os nenos e nenas entren pola porta da escola falando galego e saian falando castelán».
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esgrimiu antes de que dese comezo a manifestación que se trataba dun encontro que «non é en contra de ninguén, senón en defensa do galego». «Unha mensaxe clara ao PP: que escoitei o que os galegos dicimos hoxe, hai que preservar o idioma», resaltou.
A coordinadora da plataforma convocante, Celia Armas, resaltou na súa intervención nunha praza do Obradoiro chea que «o noso presidente da Xunta é o único incapaz de defender a nosa lingua en Europa». Estas declaracións prodúcense tras o paso de Rueda esta mesma semana polo Comité Europeo das Rexións, no que resultou elexido como un dos vicepresidentes da institución da Unión Europa.
O cantante Mondra foi o encargado de poñerlle o ramo á xornada. Unha foliada improvisada fixo bailar aos manifestantes nunha mobilización que a organización definiu como «histórica».
A RESPOSTA DA XUNTA
Un «escenario futuro esperanzador» para o galego pola vía de «menos extremismos» y máis diálogo é a mensaxe que este domingo quixo trasladar o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nos actos polo 188 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.
Na ofrenda floral en memoria da «ilustre» e «universal» escritora galega, o titular deste departamento pediu menos «disputas», «extremismos» e «posicións de máximos», e máis «diálogo», «entendemento» e «equilibrio».
«Nese punto debemos encontrarnos», dixo ao ser preguntado o día en que Galicia se moviliza pola súa lingua, nun momento no que as enquisas detectan un descenso de galegofalantes, especialmente entre as xeracións máis novas.
López Campos falou da necesidade de actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, e dixo que niso se está atraballar e cargou contra «persoas que se dedican a ir a reunións a boicotear», con «posicións maximalistas que non permiten chegar a acordos».
«Tendemos a man», asegurou, non obstante, «pero dentro dun marco razoable».
E concluiu López Campos coa mensaxe de que «a fórmula» para resolver non é «exclusivamente detrás dunha pancarta».
- A la captura de cazadores
- Calendario escolar 2025-2026 en Galicia: así caerán las vacaciones de Navidad, Carnaval y Semana Santa
- Pleno histórico en Santiago: el PSOE se queda con dos concejales
- El Álvaro Cunqueiro se integra en la red puntera de terapias contra el cáncer
- La demanda de FP prospera mientras declina el rendimiento del alumnado
- Más de un centenar de refugiados de Mali tiene trabajo y un futuro incierto en Galicia
- Cuatro de cada diez empleados de la Xunta disfrutan de flexibilidad horaria
- Recluidas cuatro personas en la Xunta para denunciar la situación de los 'menores institucionalizados