O Consello da Cultura inicia os foros sobre a lingua arredor da educación

REDACCIÓN

Santiago

En xaneiro o Consello da Cultura Galega (CCG) presentaba o seu «Foro participativo: un país coa súa lingua» como unha estratexia «complementaria» a outras iniciativas sobre a lingua galega e para centrar o debate nos aspectos «máis urxentes». O devandito foro estrutúrase en seis mesas, con cadansúa temática, e onte mesmo a institución estatutaria abriu a inscrición para a primeira, a de «Educación e socialización».

A mesa, que está coordinada por Nel Vidal e Dolores Vilavedra, analizará o vindeiro día 27 de febreiro o papel do ensino en lingua galega e como se pode favorecer a transmisión interxeracional no idioma.

Segundo explican dende o CCG, coa apertura da inscrición da primeira das mesas, tamén se poñen a disposición dos cidadáns os diversos xeitos de participar neste foro. Así, explican, o primeiro é un cuestionario en liña aberto durante o proceso ao que a título individual ou no nome dun colectivo se poden enviar propostas relativas a calquera das áreas de análise. O segundoé presencial e para asistir en Santiago quince días antes abrirase un formulario de inscrición. Ademais, pódese participar a través da emisión en liña, indican. En outono, ao remate das mesas, haberá un foro aberto á cidadanía.

Tracking Pixel Contents