Entrevista | Senén Barro Director científico do CiTIUS

«Cando chegou a calculadora houbo mestres que a rexeitaron, como a IA»

Xa son maioría os rapaces que empregan o ChatGPT ou outras ferramentas de Intelixencia Artificial para facer as tarefas da escola. Hai pais preocupados e profesores argallando estratexias para evitar que a tecnoloxía substitúa a ensinanza. Pero, que din os expertos?

Senén Barro.

Senén Barro. / Jesús Prieto

Vigo

Que os alumnos usen a Intelixencia Artificial para facer os deberes ou preparar traballos xa non é ningunha rareza. ChatGPT e ferramentas similares están plenamente integradas nas técnicas de estudo de cada alumno, desde a ESO ata o último curso da universidade. Pais e profesores enfróntanse a unha realidade en moitos casos descoñecida, mentres que os seus fillos manexan as tecnoloxías ao seu antollo. Quizais o seu excesivo uso suscite preocupación, pero o experto en IA e director do Citius, Senén Barro, anima a sentarse e preguntar. Leva case corenta anos no sector e recoñece que o impacto da IA medrou a un ritmo vertixinoso, impactando en áreas fundamentais como a sanidade ou a educación. Como científico preocúpalle estudar o seu alcance, é un deber porque, ao final, todo é produto da ensinanza.

—A IA está presente no día a día do alumnado, deben os profesores adaptarse a eles ou é mellor que sigan cos mesmos métodos de ensino?

—A Intelixencia Artificial non é nova. Recordo cando as calculadoras chegaron ás aulas, eu era un neno. Daquela, percibín que a algúns mestres lles preocupaba porque pensaban que, dalgún modo, eses aparellos ían facer por nós os cálculos que nos mandaban cada día (e que levaban horas), e a súa única preocupación pasou a ser como facer para que non as empregásemos. Pero, houbo outros profesores, para min os bos, que tendo en conta que había calculadoras que podían resolver a parte máis reiterativa, centráronse en como analizar e abordar un problema. Iso, mutatis mutandis, é exactamente igual agora. A nosa preocupación debe ser que os mestres sexan capaces de integrar todo este tipo de ferramentas no proceso de ensino e aprendizaxe, para que os estudantes poidan aprender máis, máis rápido e mellor.

—É viable deixalo unicamente nas mans dos adolescentes?

—Se facemos iso, é posible que as usen mal e para resolver aquelo que lles costa traballo ou non saben ben como abordar. Estas ferramentas poden suplantarte e, cando aínda es inmaturo e estás aprendendo, substitúan a aprendizaxe. É un problema, pero non é responsabilidade da tecnoloxía.

—Teñen que formarse os adultos en IA?

—Entre os país e nais, hai quen pode facelo e hai quen non. O sistema non pode esixir que teñan os recursos económicos ou o tempo como para formarse, porque estaríamos amplificando desigualdades. Os profesores e todo o que rodea ás universidades públicas temos que estar formados permanentemente, non só nas nosas disciplinas, senón tamén nas ferramentas que impregnan o noso traballo. Cando os nosos estudantes saian da universidade, necesariamente as súas empresas van pedir que sexan solventes no seu uso.

—Podemos pedirlle a un profesor con costumes analóxicas, preto da idade de xubilación, que aprenda a empregar as IA? Sería realista?

—Non é moito pedir. Unha das cousas máis singulares e positivas que estamos vivindo coa Intelixencia Artificial é que se está universalizando o seu uso pola facilidade. Suponse que todos os que somos profesores temos unha titulación universitaria e unha formación específica para ser docentes. É certo que a idade tamén importa, pero máis alá dos casos singulares, de forma ordinaria todos deberiamos ter capacidades de integrar estas tecnoloxías polo fáciles que son hoxe de usar.

—Teñen que buscarse a vida?

—Non, o que non pode facer o sistema educativo é deixarnos sós no proceso. Non se pode pretender que aprendan a usar as ferramentas para poder ensinar de forma autodidacta e en horario extraescolar. Hai que facer cambios moi significativos no sistema educativo e teñen que vir desde a administración. Os poderes públicos son os primeiros que deben asumir a responsabilidade: son os tomadores de decisións e os que teñen os recursos.

«Hai que facer cambios moi significativos no sistema educativo desde os poderes»

—As tarefas deixan de ter sentido? Como vai mudar a ensinanza na escola?

—Hai que tomarse isto en serio e hai que comezar facendo un cambio que non pode ser drástico, porque non podería ser asimilado. Ten que ir cuns obxectivos que son a medio e longo prazo, que xa supoñan cambios. O primeiro é cambiar a forma de formar aos formadores.

—Algún organismo público ou administración lle consultou como experto?

—Hai persoas que piden a miña opinión ou me invitan a dar charlas, pero terían que chamar a un equipo de expertos no ámbito educativo. O resultado tería que ser unha toma de decisión e un plan para levalas adiante.

—Como pode aproveitarse a IA nunha clase?

—Eu xa a estou usando. Pídolle aos meus alumnos presentacións orais sobre IA en temas que nos afectan no día a día. Desde hai un par de anos, pídolles que integren este uso de ferramentas desde un punto de vista crítico. Hai outras como valorar se as respostas son boas ou malas e como as matizarían; podes usalas para descargarte da parte menos produtiva, coma é buscar bibliografía (non de facer o texto); traducir…. Hai infinidade, habería que ir escribindo un catálogo de boas prácticas.

—Que lle aconsellaría a un pai que ve ao seu fillo empregar esta tecnoloxía para todo?

—Sinxelo. Diríalle que investigase para que está usando a ferramenta, non coma un inquisidor, senón que se sente ao seu carón e lle pregunte para que o usa, que respostas lle da, como as emprega para as súas clases. Se o pai ou a nai entenden que o uso é produtivo, é que as cousas están indo ben. E se non, terán que ter unha charla. 

Tracking Pixel Contents