O 55% das familias deixaría o galego no ensino tal como está, segundo Cultura

Unha enquisa encargada pola Xunta conclúe que a maioría das familias galegofalantes non percibe discriminación no idioma | Sumarase aos traballos para o novo plan lingüístico

Manuel González, José López Campos e Valentín García. |  Xoán Álvarez

Manuel González, José López Campos e Valentín García. | Xoán Álvarez

S. L. C.

Santiago

Oito de cada dez familias galegas non ven problema no uso do galego nas aulas e a maioría das que falan habitualmente en lingua galega —un 52,4% das galegofalantes— considera que na comunidade non hai ningún idioma discriminado. E algo mais, o 55,2%, deixaría o galego no ensino tal como está agora. Son algunhas das conclusións dunha enquisa encargada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que foi presentada onte en Santiago e que se incorporará aos documentos de traballo para renovar o Plan xeral de normalización lingüística de 2004.

A sondaxe, realizada a 1.200 familias residentes en Galicia con fillos en Primaria e Secundaria, debuxa un panorama ben distinto do que trazou o pasado outubro a Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE), segundo a cal só un 7% dos nenos de 5 a 14 anos emprega o galego habitualmente, mentres que un de cada tres recoñece que sabe falalo «pouco ou nada».

Pola contra, a ‘Enquisa percepción social do galego’, cuxos principais datos foron debullados polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, salienta que o 94,5% dos pais afirma que os seus fillos saben falar en galego, o que, dixo, é a taxa máis alta acadada nas comunidades autónomas con lingua propia. Además, o 67,5% das familias sinala que os seus fillos empregan o galego de xeito cotián.

A sondaxe reflicte a «cordialidade» entre ambos idiomas, cun 77% das familias que contesta en galego cando se dirixen a elas nesa lingua, e un 83,7% que fai o mesmo co castelán. En canto á presenza da lingua no sistema educativo, case o 63% dos pais declárase «satisfeitos ou moi satisfeitos» coa situación actual e o 55% deixaríaa como está.

Para fomentar o uso do galego proponse, entre outras iniciativas, crear videoxogos en galego e programas en plataformas como Youtube ou Twitch.

Na presentación da enquisa tamén participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o coordinador do Plan xeral de normalización da lingua galega, o académico Manuel González, que valorou a sondaxe como unha ferramenta máis das moitas que serán «fondamente estudadas» polas comisións que nos vindeiros meses traballarán na elaboración do novo plan.

González, que no seu día xa coordinara a redacción do primeiro plan xeral, instou á participación cidadá neste proceso, coa achega de calquera tipo de estudo sobre o galego que poidan ter feito institucións ou equipos de investigación. «Garántolles que todos serán tidos en conta», asegurou.

Sobre a situación actual do galego, o académico incidiu nos «problemas graves» aos que se enfronta a lingua, cuxo uso, dixo, vai diminuíndo nas cidades, coa excepción de Santiago, e tamén a medida que descende a idade dos falantes. Así, subliñou que é fundamental traballar no ámbito da transmisión familiar, porque «é precisamente na familia onde se asenta o futuro da lingua», se ben recoñeceu que é «o máis difícil de cambiar». E destacou que apenas o 7% das persoas que aprenden o galego fóra da casa empregan a lingua despois.

«Bilingüismo cordial»

Pola súa banda, o conselleiro José López Campos defendeu a pertinencia de encargar unha enquisa que permite «coñecer cal é a realidade que ven as familias galegas». Das conclusións da sondaxe destacou que amosan «a sensibilidade» dos galegos coa lingua e a existencia «dun bilingüismo cordial que funciona e é aceptado pola sociedade».

O titular de Cultura fixo unha chamada ás forzas políticas para que arrimen o ombro e traballen unidas polo novo Pacto da Lingua. «O debate político é necesario, máis necesario que nunca, e creo que existen distintas formas de manifestarnos, pero non podemos, en ningún caso, afastarnos da responsabilidade de chegar a un acordo», afirmou. Defendeu, ademais, que a Xunta segue traballando para reforzar a presenza do galego en ámbitos como a xustiza, a sanidade e os medios de comunicación, nomeadamente na TVG, «clave», ao seu xuízo, na normalización da lingua.

A enquisa presentada onte remitirase agora ás comisións do Plan xeral de normalización da lingua, nas que traballarán máis dun cento de persoas. A previsión da Consellería de Cultura é que poidan chegar a un documento pechado a finais de ano.

Tracking Pixel Contents