Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Víctor Freixanes Presidente da Real Academia Galega

«Non se trata de impoñer a lingua, senón de dar exemplo social e político»

«Que o Celta utilice o galego como código de identidade é básico para conectar cos mozos»

Víctor F. Freixanes, na facultade de Ciencias de Comunicación de Santiago, onde foi docente.

Víctor F. Freixanes, na facultade de Ciencias de Comunicación de Santiago, onde foi docente. / Xoán Álvarez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carmen Villar

Carmen Villar

Santiago

A Real Academia Galega é un dos interlocutores no Pacto pola Lingua. A institución advirte nun informe do retroceso do galego e urxe ao Goberno a actuar, mais tamén reclama a implicación de toda a sociedade. O seu presidente, Víctor F. Freixanes, que afronta a recta final dun segundo mandato no que traballou, di, pola «dignidade e eficiencia» da entidade, é, malia todo, «optimista» respecto ao futuro do idioma.

—No informe da RAG sobre os datos do IGE indícase que o monolingüismo en castelán «avanza velozmente» e que os galegofalantes practican máis un bilingüismo «diglósico e asimétrico, por unilateral e substitutivo». Iso soa a falta de prestixio, non?

A lingua ten un problema de uso, pero dende a miña infancia ou adolescencia para acá demos pasos xigantescos en prestixio e recoñecemento legal. Na Academia estamos asinando un convenio co Congreso para que todas as leis aprobadas se traduzan ao galego e hai pouco fun a Madrid a un recoñecemento das linguas cooficiais no Congreso e iso era impensable na miña infancia. Como tamén o era ter unha televisión propia.

—Un inciso para falar da TVG: pode facer produtos en castelán?

Non. Xa sei que argumentan con proxectar a cultura galega fóra , pero hai moitas fórmulas para facelo sen necesidade diso.

—O Plan Xeral de Normalización xa cumpriu 20 anos. É tempo de darlle un repaso?

Dicíallo ao presidente da Xunta: isto cambiou tanto que esixe unha revisión crítica de que se fixo, que non e que se podería facer se cremos que realmente a lingua é a propia deste país. No Día das Letras Galegas de Luísa Villalta na Coruña fixen por primeira vez un chamamento a un pacto pola lingua que debería reunir non só a todas as forzas políticas conscientes de que aquí hai un patrimonio común que non podemos ignorar, senón tamén ás forzas sociais, porque, se o compromiso político é importante, tamén o é a sensibilidade de toda a sociedade e dos segmentos dominantes: banca, empresa, sociedades deportivas... Que o Pontevedra, o Celta, Deportivo ou o Obradoiro utilicen a lingua como código de identidade dos equipos é fundamental, sobre todo para conectar con xente nova, porque o que nos preocupa é a perda de uso na xente nova. A sensibilidade pola lingua, non. Cando preguntas aos mozos e mozas polo galego case todos din amalo.

—E entón por que non o falan?

Porque están nesa fase da autodeterminación persoal da adolescencia. Aínda non tomaron posición, pero teñen que atopar o marco adecuado para podela desenvolver e falar como me pasou a min. E hoxe o mundo son as redes sociais, as plataformas, a oferta de ocio... E precisan referentes. Por iso para min son tan importantes fenómenos como Caamaño&Ameixeiras, as Fillas de Cassandra ou as Tanxugueiras, que crearon na xente nova unha consciencia da lingua. Hai que traballar aí. Nós abrimos espazos de colaboración en «Voces novas para a lingua», onde presentamos o idioma vivo en sectores novos como Baiuca, Elena Ferro ou Vero Boquete, que participan nese xogo e que afirman a súa identidade, non incompatible con outras linguas, porque algo que caracteriza as identidades modernas é o plurilingüismo.

—De que plurilingüismo fala?

As sociedades modernas avanzadas son plurilingües. Hai unha lingua de identidade, que neste caso é o galego, pero despois hai tantas linguas como a persoa necesite para o seu desenvolvemento persoal, intelectual, económico... O que temos que facer é traballar a lingua de identidade colectiva e darlle valor e iso significa promover o seu uso e en todo momento, dende o prestixio das institucións. E cando falo de institucións non só falo das políticas, senón de todo tipo, coma un club de fútbol. Todos temos algo de institución. Volvo ao prestixio: nunca a lingua galega tivo un recoñecemento nos creadores (cinema, música, literatura...) coma agora., pero no ámbito do uso, sobre todo na xente nova, e da transmisión, hai unha responsabilidade social tamén obxectiva, de que os pais e as nais falen e usen o galego na casa con naturalidade cos fillos. Debemos ter un compromiso e unha conciencia do valor do idioma e hai unha responsabilidade do sistema educativo.

—Que non funciona ben, din...

Da escola teñen que saír rapaces e rapazas con perfecto dominio dos dous idiomas cooficiais en Galicia e iso non se cumpre.

—E se tivese que escoller entre que un neno aprenda Matemáticas en galego ou que fale galego no recreo, que elixiría?

Non acepto o dilema porque non é incompatible, pero, se teño que pronunciarme, escollo o recreo.

—De presidir a Xunta, que ordenaría a prol da lingua?

Dar exemplo lingüístico de uso de todos os responsables de poder político. A vida, a educación, faise dende o exemplo. Non se trata de impoñer nada a ninguén. Por iso se cadra non daría ningunha orde, pero si estimularía as políticas que puidesen axudar ao desenvolvemento e á creatividade dos axentes sociais, culturais, científicos, a prol do idioma. Sería unha estratexia. E que a lingua estivese presente dun xeito activo no conxunto da sociedade. E hai que traballar coas familias: teñen que percibir que formar aos seus fillos en galego é formalos nunha lingua que vai ser valorada na práctica laboral. E non pode haber un funcionario que diga que non ten obriga de saber galego. Pero non se trata de impoñelo, senón do exemplo social e político, a coherencia nas actuacións.

—O galego está achegándose perigosamente ao colapso, advertía a RAG no seu informe...

Como acontece cos nenos, nas medras o corpo perde defensas, pero, se sae do virus, faino reforzado e hai un estirón. Coa lingua estamos agora nesa crise de crecemento. Se non lle damos vitaminas, se non a tratamos con antibióticos, pode ser mortal. Por iso defendemos que ten que haber unha política lingüística decidida a prol do galego, con recursos e con vontade obxectiva. Esa é a vitamina que necesita a lingua, que pode dar un estirón, un salto cualitativo cara a adiante. Temos que ser conscientes da riqueza que temos e de como traballala. Como lingua de identidade, o galego é unha marca propia e a identidade é un valor económico fundamental.

«Quedar fóra do diálogo do Pacto pola Lingua sería un erro»

—Agora os partidos políticos disputan por quen quere máis a Castelao. Todos os partidos queren a lingua por igual?

Non. Nin a Castelao.

—A RAG di que a situación da fala é responsabilidade da sociedade galega, pero sobre todo de quen detén o goberno

Claro. Aí é onde se ve.

—Volvo ao Plan Xeral de 2004. En 20 anos, aplicouse?

O 80% das medidas non se aplicaron porque a vontade política non existía. E agora si?Téñeno que demostrar. Onde se ven as cousas é na práctica: «obras son amores”. Pero é moi importante aprender a escoitar as razóns dos outros, porque hai moita xente que ten tamén razóns, e hai que escoitala para tomar medidas e poder axudar a esa construción do patrimonio común. Quedar fóra dese diálogo sería un erro inmenso.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents